A CIG Ensino
Quen somos?
A CIG-Ensino é unha das federacións da Confederación Intersindical Galega (CIG). No ensino público, tanto universitario como non universitario, somos a organización sindical maioritaria. Tamén somos maioritarios en sectores educativos do ensino privado como os centros de atención á discapacidade, as escolas infantís 0-3 ou os centros de menores.
Nos distintos procesos electorais do ensino público non universitario, a CIG-Ensino foi incrementando o número de votos e o de delegados e delegadas, o que significa un aval importante ao noso traballo sindical. Froito deses resultados é a nosa ampla representación nas Xuntas de Persoal das catro provincias galegas, que presidimos, e especialmente na Mesa Sectorial Docente non Universitaria, ámbito de debate e negociación coa Consellaría de Educación. Así mesmo formamos parte da Mesa Xeral da Función Pública Galega e nas Mesas de Sector de ámbito estatal. Día a día traballamos para manter e incrementar a nosa representación como medio efectivo para seguir avanzando na loita por un ensino público galego e de calidade, a través dun modelo sindical combativo e participativo.
A nosa participación no ámbito universitario céntrase nas Mesas Sindicais de cada unha das tres universidades, tanto a través dos comités de empresa como nas Xuntas de Persoal.
O carácter de central sindical máis representativa a nivel galego permítenos estar presentes en todos os foros de negociación, tanto a nivel nacional como estatal, tanto do ámbito público como privado.
Como organización sindical centramos os nosos esforzos na defensa do Ensino Público, un ensino que sexa tamén galego, laico, gratuíto e democrático. Defendemos un sistema educativo galego que teña na normalización lingüística un dos seus eixes fundamentais, un ensino non sexista que eduque para a igualdade, a solidariedade e a xustiza social, e que transmita os valores da paz e da defensa do medio ambiente.
O noso quefacer sindical céntrase tamén na reivindicación dos dereitos profesionais e laborais do persoal docentes: o dereito á negociación colectiva e á estabilidade no posto de traballo; a dignificación da función docente, cun sistema retributivo que impida a estratificación, xerarquización e división do profesorado e que nos retribúa dignamente; a elaboración dun cadro de enfermidades profesionais e o seu recoñecemento a todos os efectos legais, o dereito a unha formación permanente dentro do horario lectivo e no propio centro de traballo, etc...
A CIG -Ensino non só defende os dereitos profesionais e laborais de todos os traballadores e traballadoras, senón que ofrece á súa afiliación información puntual sobre aquelas cuestións que lles poidan interesar. Consideramos que a información é prioritaria e imprescindíbel, non só para ter coñecemento do que está a acontecer no ensino en xeral, senón tamén para dar difusión ás nosas propostas e transparencia ao traballo sindical que desenvolvemos.
Tamén ofrecemos actividades formativas relacionadas con distintas materias, en distintos momentos do ano e ao longo de toda a xeografía galega; asesoramento xurídico e participación na organización sindical. Para todo isto a CIG-Ensino ten locais nas sete cidades galegas e nas localidades de Ribadeo, Vilagarcía, Cangas, A Guarda e Verín.
Conformamos na CIG, en definitiva, un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galiza e a autoorganización dos traballadores e traballadoras, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respecta o pluralismo, que mantén a independencia respecto de calquera outra organización ou institución, que se expresa en galego e impulsa a nosa cultura e idioma. Somos un sindicato que defende un ensino público galego e en galego, democrático, laico, coeducativo, gratuíto e integrador.
De onde vimos?
A Confederación Intersindical Galega (CIG) xorde do seu congreso fundacional, o 19 de marzo de 1994, e é a converxencia das dúas centrais sindicais galegas, INTG e CXTG. A federación do Ensino é, á súa vez, froito da unificación da UTEG e do SGEI.
Mais as nosas raíces afondan máis na historia e remóntanse ao ano 1974. É no curso 73/74 cando nace na clandestinidade a Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG). As reivindicacións básicas nas que se fundamentan os primeiros programas da UTEG eran: sindicato único galego de traballadoras e traballadores do ensino, corpo único de ensinantes, defensa dun ensino nacional, científico e popular, defensa do ensino estatal, e por tanto público, xestión democrática dos centros, ensino laico e coeducativo, en galego, con mellores salarios e cunha ensinanza obrigatoria e gratuíta até os 18 anos. Todas elas, como se pode observar, de plena vixencia varias décadas despois.
No ano 1977 a UTEG, xunto con outros sindicatos, e tendo presente non só a nosa pertenza a unha nación senón tamén a unha clase social, constituímos a primeira central sindical galega (ING), que no ano 1980 pasaría a se denominar INTG.
Desde aqueles anos iniciais, pasando polo nacemento do SGEI (1985) -emerxido da escisión do sindicalismo nacionalista- e por todo o que levou ao nacemento e evolución da CIG, houbo numerosos avances: non só incrementamos a nosa representación sindical, senón que ampliamos enormemente a nosa afiliación e convertémonos no referente do ensino en Galiza; un referente para o profesorado que acredita no sindicalismo transformador, reivindicativo, participativo e non claudicante que a CIG-Ensino representa.
Aquí estamos.
A CIG está consolidada, desde hai moitos anos, como a primeira forza sindical en número de persoas afiliadas en todo o sector do ensino mais tamén no conxunto de todos os sectores laborais no noso país. Somos, con diferenza, a central sindical con maior afiliación.
Esa fortaleza afiliativa é garante da nosa independencia fronte a calquera inxerencia do poder político ou económico e permite que hoxe sexamos tamén a organización sindical maioritaria e referencial. Unha forza que pretendemos que sexa maior coa colaboración de todas e todos vós.
ESTRUTURA NACIONAL
Son Órganos Nacionais de goberno da CIG-Ensino:
- O Congreso
- O Consello Federal
- O Secretariado Federal
- A Executiva Federal
SECRETARIADO FEDERAL
O Secretariado Federal é un organismo de coordinación entre os distintos ámbitos de funcionamento da federación co fin de dotar a esta no seu conxunto dunha maior operatividade sindical.
Está composto por:
- Executiva Federal
- Secretarios ou Secretarias Comarcais e Locais
- Un representante dos sectores de ensino privado, público non universitario e universitario, cando as comisións respectivas os nomeen
CONSELLO FEDERAL
O Consello Federal é o órgano máximo de dirección da CIG-Ensino entre Congresos. Está formado por 50 persoas:
- Secretariado Federal
- O resto, até completar os 50, elixidos polas Asembleas Comarcais das distintas comarcas nas que se estrutura a CIG-Ensino nun reparto proporcional á afiliación de cada comarca.
ESTRUTURA TERRITORIAL DA CIG-ENSINO
Territorialmente a CIG-Ensino organízase en estruturas comarcais e locais.
Son Órganos Territoriais de goberno da CIG-Ensino:
- Asemblea comarcal
- A Executiva comarcal
- A Asemblea Local
- A Executiva Local
COMARCAS DA CIG-ENSINO
- A CORUÑA. Secretario comarcal: CELIA ARMAS GARCÍA
- FERROL. Secretaria comarcal: ANTONIA MARTÍNEZ DÍAZ
- SANTIAGO. Secretario comarcal: RUBÉN FERNÁNDEZ MONTEAGUDO
- LUGO. Secretario comarcal: PABLO RODRÍGUEZ VILA
- OURENSE. Secretaria comarcal: XESÚS DIZ ROMAY
- PONTEVEDRA. Secretario comarcal: XACOBE RODRÍGUEZ DÍAZ
- VIGO. Secretario comarcal: TAMARA MARTÍNEZ VILLAR
LOCALIDADES DA CIG-ENSINO
- A MARIÑA. Secretaria local: PAULA FERREIRO PENA
- VERÍN. Secretario local: XOSÉ MIGUEL BARRIOS RODRÍGUEZ
- SALNÉS. Secretario local: DUARTE CORREA PIÑEIRO
- O MORRAZO. Secretaria local: MARÍA MARTÍNEZ NOGUEIRA
ACTUALIZADOS NO 8º CONGRESO (13 DE NOVEMBRO DE 2021)