Educación Infantil 0-3. Resposta da CIG-Ensino ao comunicado difundido por outros sindicatos rompendo a unidade sindical

A mentira ten as patas curtas e a coherencia sindical está por riba de todo

Dende a CIG-Ensino, ante o comunicado público e interesado feito por CCOO, xunto con UGT e USO, temos que dar resposta con feitos e verdades:

Logo de ter pactado entre cinco sindicatos unha campaña de recollida de sinaturas, a CIG-Ensino enviou un correo interno ás súas delegadas sindicais, informándoas das negociacións que deron lugar a esa campaña. É absolutamente falsa a afirmación de que a CIG fixera un “comunicado público ás traballadoras das escolas infantís” como se afirma no libelo publicado na web de CCOO.

Tanto na web da CIG-Ensino como nos comunicados públicos do sindicato, así como nas explicacións dadas nas visitas ás escolas infantís e no reparto feito na case totalidade delas, o sindicato limitouse ao acordado polas cinco organizacións sindicais contra o bloqueo do convenio estatal.

A CIG-Ensino ten unha posición clara e coñecida polo persoal das escolas infantís, cunha proposta dun marco galego de negociacións. O sindicato, primeira forza sindical en Galiza, nunca renunciará a ese obxectivo nin permitirá que sindicatos de obediencia estatal lle digan que pode ou  non pode defender para dignificar e mellorar as condicións de traballo das traballadoras das escolas infantís.

A CIG-Ensino entende como un desprezo ás súas delegadas e ás traballadoras das escolas en xeral, así como un disparate e unha falsidade afirmar que “non existe a posibilidade dun convenio galego” porque “non hai patronal galega”. Isto só o pode afirmar quen leva anos aceptando coa súa sinatura o convenio estatal e rendéndose ás patronais, con pactos de cúpulas sindicais, non referendados en asembleas por traballadoras. O único que é seguro que non se consegue é aquilo polo que non se loita e disto temos demasiados exemplos no sector da educación infantil.

A CIG-Ensino está a loitar seguido por aumentar a súa representatividade sindical, como non pode ser doutra forma, coa finalidade de poder cambiar as cousas na Galiza, pois cos sindicatos estatais parece que non se pode contar e á vista están os feitos. Iso non nos impediu, todo o contrario, negociar e chegar a acordos de mobilización con eses sindicatos malia que en non poucas ocasións esteamos en desacordo con propostas ou mesmo imposicións que veñen dadas desde Madrid e que sindicatos sen capacidade de tomar decisións autonomamente seguen ao pé da letra.

A CIG-Ensino non entende a unidade sindical como un fin, senón un medio para lograr un fin, e este non é outro que dignificar o salario e dereitos laborais e sociais no sector en Galiza e en todos os ámbitos posíbeis. 

Ante os feitos acontecidos nestas últimas horas, a CIG-Ensino entende que non ten sentido seguir con quen decide romper a unidade sindical con infamias, como estratexia para xustificarse ante o que pode vir no convenio estatal e non ter que desobedecer as ordes de Madrid, pois as reivindicacións das traballadoras galegas non van parar ao ter claro que para superar as limitacións do convenio estatal só cabe pelexar no ámbito autonómico e mesmo no local, nos concellos.

Na mañá de hoxe, mércores 28, malia a repugnancia que nos provocou o comunicado noxento de CCOO, UGT e USO, a CIG-Ensino mantivo unha reunión online de urxencia con todas as organizacións sindicais, trasladando que ou se producía unha rectificación pública ao comunicado ou só se podería concluír que non ten sentido seguir con quen decide romper a unidade sindical. Nesa reunión quen mentiron publicamente negáronse a rectificar.

Polo tanto, a CIG-Ensino, por dignidade e coherencia, só ten como alternativa seguir adiante coa campaña en solitario; unha campaña que foi deseñada por iniciativa da propia CIG-Ensino e consensuada polos cinco sindicatos, como resposta ao SIMA (aceptado polas organizacións maioritarias en Madrid que non permite as mobilizacións) mantendo a presión das traballadoras.

10º Esta situación non nos aparta nin da nosa táctica sindical (buscar a mellora do actual convenio estatal malia a nosa posición minoritaria a nivel de Estado) nin da nosa estratexia rotunda e contundente: superar a camisa de forza que implica o marco estatal e buscar que sexa no ámbito galego onde se poidan negociar as condicións de traballo de todas as traballadoras e traballadores das escolas infantís galegas.

Tamén podes imprimir este prego de sinaturas para recoller sinaturas no teu centro e despois enviárnolo a ensinoprivado@cig-ensino.gal
 
 
 
 
Educación Infantil 0-3. Resposta da CIG-Ensino ao comunicado difundido por outros sindicatos rompendo a unidade sindical

A mentira ten as patas curtas e a coherencia sindical está por riba de todo

Documento


Volver