A CIG-Ensino comeza unha campaña informativa en todos os centros do país sobre as razóns para acudir á folga o 24 de outubro

Aínda que só restan 9 días para o paro o sindicato nacionalista quere dar a coñecer o contido do acordo e como foi o proceso de negociación pechado en falso en menos de unha semana

Desde hoxe a CIG-Ensino comeza unha intensa campaña de axitación nos centros educativos e nas redes sociais difundindo diverso material informativo no que anima ao profesorado de todas as etapas educativas a secundar a folga do próximo 24 de outubro e a acudir á manifestación que se realizará ás 12 do mediodía con saída da Praza de Cervantes e finalización diante da Consellaría, para a que haberá servizo de buses. A continuación ponse a disposición de todo o persoal cartaces, un díptico e un CIG-Informa completo para a súa descarga e difusión nos centros nos que se analiza o texto final do acordo e as razóns para acudir á folga ante a negativa da Consellaría a negociar as principais demandas do colectivo docente.
Por dignidade, pola recuperación dos nosos dereitos e pola mellora real das nosas condicións do sistema público! 

Dado que quedou claro que a premura da Consellaría para pechar en falso a negociación iniciada o día 2 de outubro e dala por practicamente finiquitada o día 6 só tiña como finalidade que o propio presidente da Xunta, por primeira vez na historia, puidese ter a fotografía da sinatura dun acordo que non inclúee as demandas do profesorado galego desde hai 14 anos,  a CIG-Ensino fai un chamamento á folga do próximo 24 de outubro como a primeira das medidas de presión, se esta ten éxito, para reverter este acordo, tendo en conta que os orzamentos da Xunta para 2024 aínda non están aprobados e que hai marxe para que esta rectifique.

Desde o sindicato somos coñecedores de que moito profesorado se enterou das negociacións unha vez rematadas, o que demostra que a Consellaría só pretendía utilizar electoral e partidistamente este proceso, pero mantemos a nosa convicción de que é preciso informar e mobilizar o colectivo docente que se viu totalmente relegado durante o mesmo e sobre todo aldraxado coa súa resolución final. 

Resumo do acordo e das razóns para ir á folga

Material informativo para descargar e difundir

Aínda que os delegados e delegadas da CIG-Ensino farán un esforzo para en apenas unha semana chegar aos preto de 1200 centros educativos de Galiza, o sindicato vén de editar un material informativo en forma de díptico e de CIG-Informa resumo que se poderá descargar, imprimir e compartir por medios dixitais e nas redes sociais para que todo o profesorado galego poida valorar o contido do acordo e como "non" lle vai afectar. 

Desde o sindicato explícase cal foi o punto de partida e de chegada nas negociacións ao respecto da baixada das ratios e da redución do horario, onde predomina a indefinición e a promesa de que nalgún momento se abordarán estas medidas, así como da eliminación da burocracia, onde non se produce ningún avance con respecto ao que xa había. Así mesmo introduce a súa valoración sobre o apartado retributivo e explica detalladamente cales eran as propostas que publicou e someteu a achegas do profesorado, malia o escaso tempo, e que presentou na última reunión da Mesa Sectorial, nas cales fai emendas ao texto da Consellaría e introduce algunha cuestión de especial relevancia como o pagamento do verán para o persoal substituto.

Desde o sindicato maioritario do ensino público animámoste a que todo o profesorado, sen excepcións, se informe e valore se este Acordo é insuficiente, como así o entende a CIG-Ensino, e se as nosas propostas eran realistas e factíbeis. Así mesmo chama a participar activamente na folga tanto ese día como antes no labor de axitación e de difusión necesaria para que esta convocatoria sexa un éxito e se lle poida trasladar á administración o poder e a forza do profesorado galego que demostra que non se vende por pequenas esmolas retributivas. 

CIG-Informa resumo do Acordo e das razóns para ir á folga

Documento


Volver