XXXV Semana da Educación

Tivo lugar no mes de setembro

Foi organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG

PRIMEIRA XORNADA: TROBADORES, PEDRAS ARMEIRAS E XENTE DE ARMAS

Con esta visita pola heráldica da cidade de Pontevedra daba inicio este mes de Setembro a trixésimo quinta edición da Semana de Educación. Héctor Picallo Fontes, escritor e ilustrador coñecido polo pseudónimo de “Carrapucho” é enxeñeiro técnico naval e un apaixonado da heráldica galega, tendo realizado estudos sobre a historia marítima galega e evolución do escudo de Galiza ao longo do tempo.
A presenza das chamadas labras heráldicas por toda a zona monumental, é un reflexo do asentamento de poderosas familias, as cales demostraban a través dos seus brasóns non só o seu lugar de residencia, mais tamén a súa importancia e rango dentro da sociedade. Neste sentido é preciso sinalar a existencia de máis de 200 pedras armeiras no espazo que antigamente rodeaba a muralla da cidade e que alcanzaba os 2.170 metros de perímetro.
Destacaron tres estirpes: Montenegro, Soutomaior e Mariño de Lobeira, así como un numeroso grupo de familias nobres enriquecidas polo mar, as emigracións ou o tráfico comercial.
Mariño de Lobeira: franxas ondeadas de azul e unha cabeza de lobo
Montenegro: carballo con dous lobos negros
Soutomaior: franxas de cadros arlequinados
Figueroa: cinco follas de figueira
Moscoso: cabeza cortada de lobo
Pimentel: cinco cunchas de vieira
Puga: caldeiros e esperóns
O noso percorrido polo casco histórico da capital comeza na Casa das Campás, un dos edificios en pé máis antigos da cidade.
A igrexa de San Domingos de Pontevedra, coñecida pola inmensa maioría de pontevedreses acolle a capela de Santa Catarina –lugar de soterramento dos representantes da casa dos Soutomaior de Lantañón. Isto serviu de pretexto ao ponente para relatarnos a biografía do mariscal de Castela Sueiro Gómez de Soutomaior e, asemade, do embaixador Paio Gómez de Soutomaior, de Tristán Montenegro, e outros persoeiros da Baixa Idade Media.
Continuando co noso roteiro, dirixímonos á igrexa conventual de San Francisco para contemplar o sartego do trobador, almirante maior do mar, e adiantado maior da Galiza Paio Gómez Chariño, falando tamén doutros membros da súa familia,outros personaxes da súa familia, como os seus fillos e a súa muller –Mariña Xiráldez–. Non está só, tamén atopamos o sartego Pedro Cru, e analisamos con detalle a identificación das armas dos Chariño e Soutomaior (acompañadas dun león e dun dragón), que figuran nun dos muros interiores desta igrexa.
Non moi lonxe de alí, e na chamada Casa da Alfándega (cos seus brasóns), hoxe ten a súa sede o vicerreitorado da Universidade de Vigo.
Houbo unha especial mención á lenda que recolle o Livro de Linhagens de D. Pedro, conde de Barcelos (ca. 1344), ao pasarmos polo predio fidalgo dos Marqueses da Serra (de Outes).
Chegados á Praza do Teucro, alí consérvase o escudo máis grande da urbe (Gago-Tabares), xunto coa casa dos Marqueses de Aranda de Quintanilla e a mansión de San Román.
A continuación visitamos as casas señoriais dos Mugartegui, Barbeito e Cru-Montenegro, predio este último no que falece o famoso mariño Casto Méndez Núñez, cuxa réplica do camarote, no Museo de Pontevedra, ilustrou a varias xeracións de escolares durante anos.
Falando deste museo, a casa García-Flórez tamén mostra interesantes aspectos da heráldica.
Analisamos, a continuación, na Igrexa de San Bartolomeu, certas pedras armeiras, así como na próxima casa dos Mondragón.
Finalmente rematamos o itinerario na igrexa de Santa María, onde se poden ver diversas capelas funerarias, e a localización dos restos arqueolóxicos da torre dos Montenegro. Nesa contorna familiarizámonos cos brasóns dalgunhas casas fidalgas que teñen representados dragóns ben nas súas armas, ben na súa decoración. Outra vivenda que nos chamou a atención foi a dos Mariño-Pazos de Probén, na que perdura unha fermosa lumieira armoriada.

SEGUNDA XORNADA: O SANGUE DAS PANTASMAS. UNHA VIAXE ÁS SOMBRAS DE SANTIAGO

A raíz dunha viaxe a Escocia, onde descubriu que non había castelo nin mansión sen a súa historia de pantasmas, o profesor da USC e divulgador Manuel Gago preguntouse como era que en Galicia, outra cultura atlántica, non existía algo equivalente nos nosos pazos. As súas investigacións, entrevistas e consultas nas hemerotecas trouxeron como conclusión que si existían historias de pantasmas ligadas aos pazos galegos e ás casas vedrañas da burguesía urbana, nomeadamente a compostelá. Pero que o mundo do alén tamén estaba ligado á orde social galega: as pantasmas tradicionais, as aparicións de ánimas, xusto despois de morrer, que mantiñan unha conta pendente cos vivos, están asociadas ao mundo campesiño. Delas hai abondosa literatura escrita pola burguesía galega, nun interese en vencellalas ao atraso, a superstición e o folclórico. Son pantasmas que, unha vez resolto o asunto que as unía aos vivos – como por exemplo a restitución dun marco- esvaécense e perden o seu rostro, a súa identidade; convértense en entidades comúns, facendo parte da Santa Compaña.
Pola contra, as pantasmas urbanas ou pacegas son ocultadas, silenciadas, a pesar de “existir” na vida dos seus habitantes, como un secreto inconfesable.
Manuel Gago amósanos unha panorámica desas pantasmas urbanas arredor da Compostela histórica. Veremos como o concepto de pantasma evoluciona ao longo do tempo, acorde coas modas, o lecer da burguesía ou a aparición de medios de entretemento como o cine e a televisión.
Na segunda metade do s. XIX, nas elites urbanas, dáse unha situación paradoxal: a mesma intelectualidade que cualifica de superstición entidades como a Santa Compaña ou cuestiona as intercesións milagreiras do catolicismo, é a que desde unha perspectiva racional e mesmo científica mantén un inusitado interese – como en boa parte de Europa e os EE.UU- polas actividades paranormais, o espiritismo e o intento de contactar con entidades presuntamente instaladas noutra dimensión, a do mundo dos mortos.
É o exemplo de José Sánchez Villamarín - Niram-Alliv-, que foi alcalde de Teo e Compostela, masón pertencente á loxia Luz Compostelana nº 13, que mantiña controversias coa Igrexa en torno á hipotética comunicación cos mortos.
A partir da década de 1840, a prensa recolle sucesos relacionados coas pantasmas arquetípicas de sabas: en San Caetano a veciñanza queixábase, atemorizada, dos lamentos dun aparecido que, no adro da igrexa, chamaba por un rico propietario que morrera había pouco e que fora enterrado alí mesmo. Pedía á policía que tomase medidas contra a pantasma, o que orixinou un conflito de carácter sindical, pois desde o Concello argumentouse que era competencia da policía deter os vivos; e, da Igrexa, apaciguar os mortos.
Ese mesmo argumento, o dos conflitos xurisdicionais, repítese cara a 1887, cando outra pantasma arquetípica de saba anda a pasear polo barrio do Sar e, ademais de meter medo, ten a man un pouco larga, pois se quedaba coas carteiras dos veciños.
Nos arredores de Castrón D’Ouro tamén se escoitaban xemidos de ánimas infantís. Por suposto, vencelladas á idea moi estendida de que á beira dos muros do convento da Mercé, como en tantos outros, estaban enterrados os resultados dos deslices das novicias.
O Romanticismo achéganos pantasmas que suscribiría o mesmo Sir Walter Scott. O escritor Neira Mosquera, que viviu preto dunha casa próxima á Praza de Cervantes, pertencente aos Altamira, cóntanos no El Recreo Compostelano a historia dunha pantasma que ten raíces tardomedievais: a dun cabaleiro pertencente aos Altamira - pertigueiros maiores do rei- que morrera asaeteado no asedio da catedral contra o Arcebispo Fonseca. O autor escoitou de mans dun caseiro do inmoble que o espírito do cabaleiro, unha silueta sen rostro, vestida de armadura que daba pesados pasos polas estancias, pasaba as noites a ler.
Valle-Inclán non permaneceu alleo á febre do espiritismo. En “Café con gotas” dá conta da súa experiencia cun médium de sexo indefinido, o profesor Franz. O escritor e o seu amigo Manuel Otero Acevedo, natural de Pontecesures e eterno estudante de Medicina, experimentaron coa transmigración de almas da man dese médium. Mentres Otero e Franz estaban en Madrid, este último facía unha viaxe astral para observar e describir o que facía Valle, no Preguntoiro, durante unha xornada compostelá: ver tendas, perder cartos no casino, visitar a algúns amigos da alta sociedade para o xantar... Valle ratificou o visto polo espiritista.
Houbo pantasmas “victorianas” que lle deron máis dun susto ás mozas “de ben” na residencia da Casa de Calderón, do s. XVIII. O arquetipo de pantasma neurótica, que sempre se aparece no mesmo lugar; neste caso era a pantasma da tía Enriqueta, que se lles presentaba ao pé da cama en plena noite. Na mesma casa, dúas amas de chaves do Caramiñal, afirmaban que xente coñecida, que estaba a piques de morrer, aparecíaselles camiñando pola horta ou tocando o piano. Xa nos nosos días, no baixo da vivenda houbo unhas instalacións da empresa de televisión Localia, na que os técnicos da quenda de noite, viron en máis dunha ocasión pasearse unha señora enloitada por un corredor que non conducía a ningures: era a tía Josefa, o espírito dunha das criadas, que tiña a súa habitación no estudo de televisión.
Gago sostén que, nos pazos galegos, tiñan que estar presentes os mesmos tipos de estrés e de conflitos familiares que nos castelos escoceses. Así que comezou indagar, e as historias de pantasmas apareceron en todos os pazos e mansións que aínda seguen en mans dos descendentes dos seus antigos propietarios, e que adoitan remontarse a unhas catro xeracións atrás: demasiado lonxe para telos coñecido, pero suficientemente preto para que aparezan nalgunha fotografía.
O arquetipo é o dunha muller facendo costura na casa, unha tía solteira que está esperando por un noivo que desapareceu, ou unha muller que perdeu os seus fillos. Mulleres que non tiñan un espazo na sociedade da época, subordinadas ao varón. Pantasmas en vida, e despois dela, que adoitan aparecérselle ás vinculeiras, as herdeiras do pazo, sobre todo cando son adolescentes.
Tamén hai algún caso insólito, como o dos soldados franceses de Napoleón, mortos en combate, que entoan a Marsellesa cada 14 de Xullo.
A Compostela dos anos 70 e 80 recolle o modelo de aparicións que nos trae o mundo televisivo e cinematográfico, coincidindo co fenómeno dos nenos que representan o mundo satánico, dos posuídos e dos poltergeist. Son pantasmas que non viven unha historia dentro do lugar no que aparecen, senón que están atrapados nel. Desta época é a pantasma da biblioteca da Facultade de Historia, representada no fillo menor dun bedel que morreu atrapado unha noite entre os andeis dos libros, a finais do s. XIX, e cuxo cadáver momificado – segundo a lenda urbana- apareceu anos despois. O seu espírito pairaba polos corredores da facultade. Ou o caso dos estudantes que, en 2001, solicitaron a rescisión do contrato e a devolución da fianza depositada polo aluguer dun piso, logo de que foran atormentados por fenómenos propios dunha casa encantada.
O propio Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) coñeceu a pantasma da muller que levitaba nos seus baixos, unha muller coñecida polos gardas de seguridade, que ollaba cara a parede onde houbera anteriormente unha exposición fotográfica de paisaxes desoladas, relacionadas coa represión franquista en Galiza, e que chegou a ser vista por unha coñecida política.
O noso paseo remata na Quintana dos Mortos, a carón da catedral, onde o fenómeno do Xacobeo converteu o que tiña sido a tradicional pantasma do monxe atormentado – a sombra proxectada do pararraios da Berenguela na parede- nun peregrino que aparece en tódalas referencias de internet.
Despedímonos ali de Manuel Gago mentres nos conta a existencia da rampoña – especie de harpía ou grifo- que levaba desde a Quintana as ánimas ao mar, como testemuñaba a xente maior que, na aldea de San Lázaro, mentres aproveitaban o último sol da tardiña nun enorme penedo que gardaba a calor, víana sobrevoar dando berros arrepiantes. Anciáns que se descubrían a cabeza en sinal de respecto aos defuntos que, canda ela, viaxaban ao alén, como acontecía noutras culturas atlánticas.

TERCEIRA XORNADA: ROTEIRO POLO VIGO REBELDE

Nesta ocasión o escenario é ese Vigo industrial, obreiro, mais tamén cultural e comprometido co país. Xurxo Martínez González e David Rodríguez son autores do libro “Marxes, un roteiro polo Vigo rebelde”. Para eles, en Vigo a xente coñece quen foron García Barbón ou Policarpo Sanz, pero perciben que non hai unha memoria ou conciencia da vida de persoas ou sucesos da cidade que realmente tiveron unha repercusión grande nas vidas de familias traballadoras, como, por exemplo, son os casos de Heraclio Botana ou María Araújo. As viguesas e vigueses somos herdeiros desa tradición popular, e por iso lles interesou poñer en valor que a xente se dese conta de que houbo moitos veciños que non son moi coñecidos, pero que fixeron grandes cousas para cambiar as nosas vidas.
No percorrido polas rúas viguesas, Xurxo e David foron facendo unha breve escolma de entre as corenta historias persoais e colectivas– equilibrando homes e mulleres- que marcaron a solidariedade e o compromiso socialmente na cidade de Vigo, mesturando historia e literatura.
Este paseo, que comeza a carón da Fundación Penzol e remata na Praza de Compostela, fronte ao edificio da Editorial Galaxia, ten como inicio e final a figura de Francisco Fernández del Riego e, máis concretamente, dúas anécdotas pouco coñecidas del. A primeira, que permitira temporalmente a utilización do local da Fundación Penzol a membros da UPG para realizar ali seminarios clandestinos. A segunda, na súa difícil relación persoal con Carlos Casares, que culminou co pasamento deste na madrugada do 9 de Marzo de 2002, despois da tensión vivida no Teatro Gracía Barbón, onde se lle ía conceder a Del Riego a mención de “Galego Egrexio”.
Entre estes dous espazos, e ao longo das rúas Porta do Sol, Príncipe, López de Neira, Eduardo Iglesias ou Policarpo Sanz, fómonos familiarizando coas biografías doutros persoeiros vinculados ao galeguismo e o compromiso democrático: desde o pintor Urbano Lugrís, que tiña o estudo fronte á taberna de Eligio, e a súa relación co baile das Cabañas – facendo de ogro- para La Barraca de García Lorca, até a figura de María Araújo, líder sindical vinculada ao mundo do mar e da conserva, que combateu a favor dun seguro de maternidade mobilizando ás mulleres á folga. Ou o compromiso galeguista do avogado Roberto González Pastoriza, asesor de Alexandre Bóveda na redacción dos capítulos dedicados ao dereito e á administración no Estatuto Galego, defensor durante a II República da presenza do galego nos tribunais, e que tentou exercer a defensa de líderes políticos, sociais e sindicais represaliados en 1936, como o alcalde Martínez Garrido e o histórico sindicalista Heraclio Botana – loitador contra a explotación infantil- sufrindo o desterro en Verín durante varios anos.
Inevitablemente tivemos que acudir aos sucesos daquel infausto 20 de Xullo do 36, onde os sublevados protagonizaron unha matanza na Porta do Sol, logo da lectura do bando de guerra e a resistencia social de xentes chegadas de Vigo e Lavadores.
Tamén descubrimos o papel de dúas mulleres relevantes, a primeira doutora galega en medicina, Dna. Olimpia Valencia, afamada xinecóloga que foi unha das fundadoras da Academia Médico Quirúrgica de Vigo e da Alianza Francesa, sometida á presión das autoridades franquistas pola súa relación con coñecidos galeguistas e a implicación a favor do Estatuto de Autonomía, e que exerceu a súa profesión até a súa morte aos 87 anos. E unha grande fotógrafa, Cándida Otero Fontán, de orixe pontevedrés, que trasladou o seu estudio a Vigo en 1881. Casada co tamén fotógrafo italiano residente en Pontevedra Felipe (Filippo) Prósperi Cortechi, case trinta anos máis vello ca ela, tivo que continuar o negocio, á morte deste, como ”Viuda de Prosperi”, nunha época en que non estaba ben visto empregar o seu propio apelido. Asociada desde 1907 co afamado fotógrafo portugués Pacheco, especializouse en fotoreportaxes e postais de festexos e excursións.
Coñecimos o papel da sociedade Asociación Cultural de Vigo, onde chegou a recitar o poeta Uxío Novoneyra, e do xornal progresista El Pueblo Gallego, antes da súa confiscación na guerra civil, por parte da Falanxe, coa súa incorporación á Prensa del Movimiento.
Descubrimos que Manuel Antonio estudara na nosa Escola de Náutica, e até en tres ocasións se embarcara no noso porto.
Preguntámonos como é posible que o hospital máis importante de Vigo teña sido bautizado co nome de Álvaro Cunqueiro que, con ter méritos mais que suficientes no mundo das Letras, non garda máis relación coa medicina ca o de ser fillo dun boticario, mentres ignoramos que na Casa Sanchón exerceu o ilustre oftalmólogo Antón Beiras García, proveniente dunha familia burguesa de clase media-alta que falaba galego, e que levou por Europa adiante o Vigoscopio, un aparato para a correción do estrabismo. Esposo de Antía Cal, a fundadora do colexio Rosalía de Castro, foi enterrado coa bandeira galega, oficiando no noso idioma, por vez primeira en Galicia, co gallo do seu funeral (1968), o Padre Seixas.
Tamén nos preguntamos que terá sido da primeira ópera galega, “O Mariscal”, escrita e composta por Antón Vilar Ponte en 1929 e Ramón Cabanillas, que foi representada no Teatro Circo Tamberlick, espazo cultural que acolleu, ademais, a III Asamblea Nacionalista das Irmandades da Fala, onde se produciu a ruptura entre as liñas cultural e política dos seus integrantes.
Achegámonos ao outrora chamado Teatro García Barbón, obra do arquitecto Antonio Palacios, militante do Partido Galeguista; onde o propio Castelao, con Valentín Paz Andrade e Ramón Otero Pedrayo celebraron xuntanzas do partido, soñando con convertir Vigo na Barcelona atlántica. Asociado ao Partido Galeguista e a arquitectura, non puido faltar, tampouco, a figura de Manuel Gómez Román, que foi o seu secretario.
En definitiva, descubrimos que a historia de abaixo, popular, queda sempre á marxe, fóra do relato oficial. E da man de Xurxo e David, coincidimos no acaído do título do seu traballo, Marxes. E, canda eles, decidimos situarnos nesas marxes para reivindicalas como a historia propia.

CUARTA XORNADA

Pechamos esta edición da Semana de Educación pasando a xornada de sábado na Ribeira Sacra. Coincidindo coa plena vendima, saímos en catamarán da Deputación de Lugo desde a aldea de Belesar, ás beiras do Miño. Durante algo máis dunha hora, percorremos parte do encoro dos Peares, que asolagou no pasado diversas aldeas, bordeando un impresionante meandro coñecido como “O Cabo do Mundo”. Dende a embarcación asistimos ás labores de vendima, no que se calificou como “viticultura heroica”, na que o ser humano lle saca partido ás abas da montaña, cultivando a vide en socalcos desde tempos inmemoriais. Ao estarmos na Ribeira Sacra, puidemos albiscar a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, que acolle pinturas renacentistas que a converten nunha verdadeira “Capela Sixtina” galega, e que se sitúa no cumio do propio meandro, a praia fluvial da Cova e mesmo a illa de Maiorga.
Ao remate do paseo, cumpría un bo xantar regado con viño mencía, no que non faltaron as troitas, tan abundantes no pasado, o bacallao ou as carnes do país.
Un compendio de todo o que ten a ver coas faenas agropecuarias destas terras atopámolo no nas 35 Ha. do Ecomuseo de Arxeriz, que se localiza no concello do Saviñao, xestionado pola Fundación Xosé Soto de Fión. O núcleo central é o Pazo de Arxeriz, do s. XVII-XVIII. Esta experiencia museística comeza a súa andaina no 2004 coa idea de amparar, rescatar, defender, restaurar, expoñer, estudar, investigar e divulgar o patrimonio etnográfico e histórico-artístico da Ribeira Sacra. Todo isto arredor de cinco salas temáticas, no interior dos edificios que se integran e combinan co entorno da finca, os xardíns, a horta, as construcións adxectivas, o castro e o bosque. O propio nome de Ecomuseo xorde da combinación de etnografía, historia e natureza que se dá en Arxeriz.
Deste xeito, e da man dunha guía, achegámonos á Prehistoria do lugar, ao patrimonio e etnografía – sinalados cunha enorme maqueta e unha mostra de traxes de Entroido ribeiraos- á viticultura tradicional – con unha vasta colección de instrumental, en especial os “caracochos”- e ás comunicacións fluviais de Miño e Sil, grazas ás mostras de embarcacións tradicionais que unían ámbalas beiras desta cunca hidrográfica, probablemente a maior colección de Europa no seu xénero.
Non se podería obviar o impacto que tivo a construción dos encoros no pasado, poñendo fin a unha riqueza piscícola, -de cuxa mostra dan fé distintas artes e aparellos de pesca fluvial- e no que aparecen testemuños gráficos dos 32 lugares asolagados e o desprazamento de 1147 persoas.
Finalmente familiarizámonos coas distintas estancias habitacionais: dormitorios, comedores, cociña, escritorio... así como as construcións das adxectivas propias dunha edificación solariega: pombal, fornos, cabaceiro, palleira, capela, hórreo…
Rematamos a nosa visita non sen antes achegármonos ao castro de Arxeriz, -incluído no recinto- e desde onde existe unha fermosa panorámica do meandro do Cabo do Mundo, así como á réplica dun conxunto castrexo.

Volver