UVIGO: unha nova sentenza do TSXG gañada pola CIG considera nula a práctica de descontar a cota patronal ao persoal investigador Margarita Salas e María Zambrano

Só está pendente a sentenza que afecta á USC, cuxo xuízo xa tivo lugar. 

O segundo xuízo derivado dos conflitos colectivos interpostos pola CIG-Ensino contra as tres universidades galegas dálle de novo a razón ao sindicato e obriga á UVigo a pagar as retribucións íntegras ao persoal investigador destes programas.

O sindicato, maioritario no conxunto das tres universidades galegas, amosa a súa satisfacción por este novo pronunciamento do alto tribunal galego e, tan só á espera da resolución do terceiro conflito colectivo relativo a este persoal investigador na USC, demanda dos equipos reitorais un cambio á hora de afrontar os conflitos provocados, primeiro por unha mala praxe como agora confirman as sentenzas e, segundo, pola negativa a sentarse a negociar e buscar acordos. 

Neste sentido, a CIG-Ensino lembra que inicialmente propuxo unha arbitraxe para evitar a vía xudicial e que só se acudiu a esta tras obter a negativa das tres universidades por resposta.   

A sentenza que condena á UVigo reafirma os mesmos criterios da previa coa UDC. 

As conclusións do TSXG, na liña da sentenza anterior e do que demandaba a CIG-Ensino, son as seguintes: 

  • Declara nula la práctica da UDC de detraer do importe das axudas Margarita Salas e María Zambrano a cota empresarial á Seguridade Social, para determinar dese xeito o salario a aboar ao persoal contratado.
  • Declara que as traballadoras e traballadores, con contratos laborais afectados polo conflito colectivo, teñen dereito a percibir cando menos como salario as contías que figuran no RD 289/2021 tanto nas axudas Margaritas Salas (3.500€ brutos mensuais para quen realicen estancia no estranxeiro e de 2.800€ brutos mensuais para quen o faga dentro do estado) como nas axudas María Zambrano (4.000€ brutos mensuais). 

Persoal afectado

O persoal investigador da UVigo afectado pola sentenza gañada pola CIG-Ensino ascende a 38 persoas, dun total das tres universidades que ascende a 136 persoas.

 

UDC

USC

UVigo

Margarita Salas

26

50

30

María Zambrano

7

15

8

Subtotal

33

65

38

Total

136

 A situación na UDC

Neste momento estamos á espera de que a sala do social do TSXG que ditou a sentenza que condenou polos mesmos feitos á Universidade da Coruña decida se admite, malia estar presentado fóra de prazo, o recurso presentado pola UDC ou se, tal e como defende a CIG, se desestima e por tanto se proclama a firmeza da sentenza. Será nese momento cando a solicitará que a UDC pague de oficio todos os atrasos correspondentes sen obrigar ás 33 persoas afectadas a ter que solicitalo individualmente.

En todo caso, o sindicato lamenta que a UDC teña tomada a iniciativa de acudir ao Supremo e insta á UVigo a non seguir ese camiño e acatar a sentenza, estendendo os seus efectos ás 38 persoas afectadas.

Consulta a sentenza. Ligazón.

Volver