Traballadores/as e familiares de usuarios/as dos centros da Agasfra en Vigo rexeitan os despedimentos cunha protesta

A Asociación Galega San Francisco, que xestiona centros de atención a persoas con discapacidade intelectual, pretende desfacerse de 16 empregados/a

Arredor dun cento de persoas, entre traballadores/as, familiares de usuarios/as e delegados/as sindicais, participaron hoxe na concentración convocada ás portas dun dos centros da Asociación Galega San Francisco (Agasfra) en Vigo para rexeitar os 16 despedimentos previstos pola dirección. As mobilizacións terán continuidade o vindeiro martes ás 18.00 horas cunha nova protesta diante doutra das instalacións coas que conta Agasfra na cidade.

A concentración desta mañá desenvolveuse ás portas do centro que xestiona a Asociación na rúa Cangas de Vigo, moi preto doutra das instalacións da súa propiedade, a residencia para adultos da rúa Tomás Paredes, a onde se trasladarán as protestas o vindeiro martes día 21 a partir das 18.00 horas.

Entre os presentes na mobilización de hoxe, que se prolongou até o mediodía, atopábanse os secretarios nacional e comarcal da CIG-Ensino, Anxo Louzao e Xosé Saiáns, así como o máximo responsábel da central nacionalista na comarca, Serafín Otero.

O obxectivo das protestas, segundo explicaron dende o comité de empresa (catro delegados/as da CIG, tres da UGT e dous/as de CCOO), é lograr que a dirección dea marcha atrás na súa intención de despedir 16 empregados/as e denunciar que a decisión repercutirá negativamente na calidade do servizo.

Neste senso, lembraron que a maior parte do cadro de persoal dos centros de Agasfra realiza de atención directa ás persoas usuarias, o que garante unha boa atención e servizos complementarios como logopedia ou hidroterapia, ademais dos mínimos requiridos pola Xunta de Galiza (orientación, fisioterapia, formación, atención psicolóxica, etc.).

Pero recentemente, co pretexto da inminente sinatura dun contrato coa Consellería de Traballo e Benestar para os servizos de atención residencial e diúrna terapéutica para persoas gravemente afectadas, a directiva da asociación convocou o comité para trasladarlle a súa intención de suprimir 16 postos de traballo de atención directa (12 coidadoras/es, dous logopedas, un hidroterapeuta e un limpador/a) a partir do 20 de xaneiro. Isto suporía a eliminación de servizos e un aumento durante o día da proporción coidador-a/usuario-a da actual 1/5 até chegar a 1/8.

Dende o comité sosteñen que estas supresións "repercutirán gravemente na calidade do servizo e nas condicións do persoal que conserve o seu posto de traballo". A Asociación Galega San Francisco de Vigo contra na actualidade con 120 traballadores/as para xestionar dúas residencias e un centro de día na cidade.

Volver