Sen avances nas negociacións do XVI convenio estatal de servizo e atención ás persoas con discapacidade

As patronais seguen instaladas no inmobilismo e involucionismo normativo, mentres os sindicatos estatais maioritarios amosan complicidade prorrogando tres anos máis o XV convenio e asinando táboas salariais á medida das empresas.

A CIG denuncia que despois de case tres anos de negociacións coa patronal actuando de forma represiva, non cumprindo acordos ou preacordos, anulando e pospoñendo mesas marcadas con moita antelación e cando se celebraban non traer propostas para negociar ou mesmo contrapropostas a propostas da parte social buscando a prolongación inútil do proceso, levantándose da mesa de negociación inxustificadamente ou, como medida de presión, dando ultimatos á parte social para cerrar acordos... o único que se acadou é manter a precariedade no sector e perder o tempo. De aí que retome a súa reivindicación de acordar un marco galego de negociacións entre a patronal galega e as organizacións sindicais.

Despois de case tres anos de “negociacións” (comezaron en marzo de 2021), un total de 30 “mesas negociadoras” e dúas xuntanzas no SIMA (12 de xullo e 2 de outubro de 2023) o único que se acadou foi a sinatura de dous Acordos Parciais das táboas salariais (un en decembro de 2022, BOE 16/02/2023, e outro en outubro de 2023, BOE 8/01/2024), á medida e interese da patronal, pois supuxeron o seguinte:

- Aplicar o que di o XV convenio no artigo 32.1, ratificado na súa contextualidade pola Audiencia Nacional (AN) en sentenza e que a patronal se viu obrigada a cumprir, asinándose así as táboas salariais de 2022 para centros asistenciais e de emprego, ate 2025 e con perda de poder adquisitivo.

- Adaptación á reforma laboral en “contratacións” cara o XVI convenio, segundo os intereses da patronal (situación máis precaria para contratos fixos descontinuos parciais e temporais), o que supón unha involución.

- Actualizar a Disposición Transitoria 7ª referida á aplicación do SMI, que manterá a absorción dos complementos salariais recollidos no convenio, agás o de nocturnidade. Outra involución!

- Asinar as táboas salariais para 2022 e 2023 dos centros de educación especial, nos mesmos termos que no convenio da concertada, con atraso no pago e perda de poder adquisitivo!

Estase a cumprir, tal e como predicimos na CIG-Ensino e fixemos público no seu día: “unha vez que se asinen estes acordos parciais salariais, pecharíase o XVI convenio tal e como quere a patronal e como 

moito só se avanzaría na adaptación legal do resto do texto, por obriga normativa”, non aceptándose polas patronais ningunhas melloras laborais e sociais, ate o seu remate o 31/12/2024, data na que comezaría a negociación do XVII convenio.

A modo cronolóxico estes foron os temas tratados do resto do articulado do XV convenio, nas dez mesas posteriores e dous SIMA ao 1º Acordo Parcial das táboas principais do XVI convenio asinado en decembro de 2022:

Temas acordados a tratar
Patronal
Parte social
CIG-Ensino

Permisos e licenzas

Só adaptación normativa e introdución de "medidas de cautela"  a algún dereito por abusivo e recorrible!!

A estudar a medida de cautela e só propoñían mínimos avances e melloras non aceptadas pola patronal. Posible acordo…

Inaceptable " cautela", por mal precedente. Melloras significativas e recuperación das do XIII convenio perdidas. Lonxe de acordo.

Contratacións

Adaptación normativa e aplicación das normas máis restritivas.

Acordada e aceptada, agás regulación dos fixos descontinuos

Rexeitado os fixos descontinuos parciais e temporais ate 1 ano. Regulación fixos descontinuos.

Clasificación profesional

Non aceptan cambios propostos pola parte social, pendente de dar resposta. Sen xustificación…

Proposta de cambios nas categorías, introdución de novas, eliminación doutras, cambios na mobilidade funcional,…

Compartimos proposta parte social.

Artigo 29

División patronal, só CONACEE acepta proposta social, non sendo aceptada polas maioritarias e sen dar saídas nin emendar texto proposto. Máis preocupadas do posible "negocio" que de facer fronte á precariedade e explotación.

Proposta partindo de que o persoal con discapacidade nos centros especiais de emprego  debe cobrar segundo tipo de traballo que fai , sen diferencias polo tipo de centro, aplicando convenio axeitado  ás funcións e nunca por debaixo deste XVI.

Compartimos proposta parte social. Cero explotación e precariedade laboral.

Artigo 32 - Revisións salariais trianuais.

Proposta á baixa en como aplicar dito artigo, na liña do que defenderon na AN e que perderon. Ese IPC acumulado dos 3 anos do convenio queren que se aplique repartido nos seguintes 3 anos do novo convenio e non todo no 1º ano e logo os 2 seguintes conxelación.

Ao ser un dereito recollido no XV convenio e ratificado na AN, só o modificaremos de forma que non se perda no global e que o persoal se vexa mellorado noutros temas, como por exemplo eliminar operarios, pasando a técnicos auxiliares e estes ter o SMI como salario base e diferencial salarial para os técnicos.

Unha das razóns de non asinar o convenio a CIG foi este artigo       (acompañado da perda dos trienios) pois supón consolidar a perda de poder adquisitivo do persoal e medrar na precariedade salarial. Propomos cláusula revisión salarial anual co IPC e recuperar TRIENIOS. Cero involucións!

IT - Baixas laborais.

Propostas á baixa polo custe que lles supón  o "enorme absentismo laboral". Sen facer por escrito nova proposta.

Rexeitadas, pero con disposición a negociar artigo con dados e xustificacións reais, con avances na xornada a tratar na negociación tamén.

Só cabe recuperar os dereitos que había no XIII convenio e este absentismo só se xustifica polas xornadas e cargas de traballo abusivas ( + o Covid). Sobre a xornada debe tratarse ao igual que as vacacións e outras melloras sociais, pendentes e precisas.

Artigo 35- Nocturnidade a pagar nas vacacións.

Fan proposta por debaixo do acordado nun SIMA tras denuncia da CIG. Propoñen aplicación restritiva da sentenza do supremo na aplicación da mesma.

Inasumible esa proposta e ademais deben pagarse os demais complementos nas vacacións, así como en calquera outra ausencia regulada no convenio.

Coincidimos coa parte social e máis porque foi unha denuncia da CIG, que nos levou a regular ben este artigo e por suposto o de vacacións e calquera outra ausencia legal e xustificada.

As intencións das partes podémolas resumir en inmobilismo e involucionismo (até no normativo) por parte da patronal, mentres os sindicatos estatais maioritarios amosaron complicidade a pechar en falso o XVI convenio, prorrogando tres anos máis o XV convenio. Case tres anos negociando con cero acordos, non acadando nin un só avance e resultando todo ser unha perda de tempo máis que evidente.

Aínda así marcáronse dúas datas máis de negociación: o 19 de marzo! (a patronal asegura precisar tempo para facer unha proposta global para pechar o convenio, priorizando os artigos 32 e 29) e o 4 de abril. A este paso cando se asine, xa comezamos a negociar o seguinte.

Marco de negociación estatal inútil para mellorar os dereitos da clase traballadora. Cando a parte social maioritaria vai “petar enriba da mesa”?

Mais unha vez, as “negociacións” deste XVI convenio estatal son estériles, mesmo involutivas, alén de se demorar no tempo con efectos moi negativos para o persoal, pois ou se moven ao ritmo que marcan e impoñen as patronais ou non van. Así temos feitos como non cumprir acordos ou preacordos, anular e pospoñer mesas marcadas con moita antelación, non traer propostas para negociar ou mesmo contrapropostas a propostas da parte social con evidentes perdas de tempo, levantarse da mesa de negociación inxustificadamente ou como medida de presión, dar ultimatos á parte social petando enriba da mesa para cerrar acordos...

A CIG-Ensino considera un insulto e un desprezo á parte social e ao persoal traballador en particular estas actitudes inxustificadas, daniñas, impositivas e represivas, contra as que estamos dispostas a denunciar e responder con presión social, mobilizando colectivo, coma sempre propuxemos, nas distintas mesas estatais nas que estamos presentes como sindicato maioritario na Galiza, e as demais OO.SS estatais rexeitan, ao estar máis dispostas ao pacto e ao entreguismo coas patronais, que logo actúan deste xeito sen miramentos.

Xa é hora que os sindicatos estatais maioritarios “PETEN ENRIBA DA MESA” e cambiemos dinámicas, tal e como vén dicindo a CIG-Ensino desde hai tempo nestas mesas.

Marco galego de relacións laborais: convenio galego xa no sector da diversidade funcional!

Vistas as cativas negociacións mais unha vez a nivel estatal, por patronais que actúan como “empresas privadas” no canto de “asociacións” e sindicatos estatais entregados e pactistas, desde a CIG-Ensino seguiremos loitando por un marco galego de relacións laborais como a única vía real de dignificación dos dereitos laborais, sociais e salariais do sector, abrindo negociacións por un Convenio Galego con quen ten as competencias (Xunta de Galiza, cun PP á contra ) e coas patronais galegas (estas, tanto AEDIGAL como INRED, estarían dispostas a abrir esas negociacións na Galiza, tal e como nos trasladaron en reunións mantidas con elas).

Defendemos a participación dos/as traballadores/as do sector nas negociacións, evitando que as cúpulas dos sindicatos estatais os suplanten e decidan por eles/as. O camiño é o marco galego de negociacións, para o que temos que seguir aumentando a nosa representación sindical maioritaria, superando o 50% na Galiza, ao non contarmos co apoio das outras OOSS estatais.

Apoia o noso modelo sindical reivindicativo, asembleario e combativo como única vía para presionar e forzar negociacións reais que nos encamiñen cara un Convenio Galego Digno. Só coa mobilización social do sector se pode avanzar, pois ninguén dá nada por dar. O exemplo témolo noutros conflitos sectoriais galegos, que amosan as mellores condicións acadadas na Galiza.

CIG-Informa negociacións paralizadas do XVI convenio de atención á discapacidade

Documento


Volver