Rolda de prensa conxunta das organizacións sindicais do ensino para denunciar os recortes

Celebrouse diante da Consellaría de Educación mentres moito profesorado trasladaba á Administración as reclamacións pola adxudicación de destinos

Representantes da organizacións sindicais do ensino denunciaron hoxe nunha rolda de prensa que se celebrou diante de San Caetano, en Santiago, a política de recortes da Consellería de Educación. O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, dixo que estamos ante un inicio de curso marcado polo recorte permanente e unha aposta decidida da Xunta polo ensino privado concertado.

Anxo Louzao lembrou algunha das cifras nas que se traducen os recortes, entre elas, 1000 profesores menos no ensino público, supresión de 132 unidades e 12 centros, 113 agrupamentos de alumando de diferentes cursos e niveis e carencia de especialistas. Ás supresións hai que engadir que ao profesorado se lle adxudicaron afíns de maneira “escandalosa” e que existen irregularidades nos nomeamentos que están a xerar moitas reclamacións dixo.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino tamén se referiu á insuficiencia de prazas de comedores, na educación infantil e na FP, e advertiu que o conselleiro de Educación e o Presidente da Xunta “nos enganaron” xa que hai centros nos que se superan as rateos con 26 alumnados/as por aula en Primaria e máis de 30 en Secundaria sen considerar repetidores e o alumnado con necesidades educativas especiais.  “A Consellaría converteuse nunha auténtica fábrica de desempregados” mentres “dedican máis de 250 millóns cada ano á privada concertada que neste curso conta con 16 centros máis”, afirmou.

Volver