Queremos Galego anuncia unha mobilización xeral de todo o ensino se a Xunta non recúa na súa intención de derrogar o decreto 124/07

Queremos Galego oponse a redución do galego no ensino

Organizacións representativas dos diferentes sectores da comunidade educativa galega, inseridas na plataforma cidadá Queremos Galego, expuxeron esta mañá en conferencia de imprensa a súa posición conxunta a respecto do “clima de incerteza” que se respira nas aulas perante a previsíbel derrogación do decreto 124/07 de uso e promoción do galego no ensino, que mantén a súa vixencia durante o presente curso escolar, e a súa tamén previsíbel substitución por un novo texto. Este, segundo denunciaron, suporía “o primeiro retroceso legal en 30 anos de período autonómico e presenza legal do galego no ensino”.
Queremos Galego anuncia unha mobilización xeral de todo o ensino se a Xunta non recúa na súa intención de derrogar o decreto 124/07
Advirten de que “non tolerarán” ningún texto de carácter involucionista, ao tempo que exixen a “plena aplicación” do decreto actual, que mantén a súa vixencia
Organizacións representativas dos diferentes sectores da comunidade educativa galega, inseridas na plataforma cidadá Queremos Galego, expuxeron esta mañá en conferencia de imprensa a súa posición conxunta a respecto do “clima de incerteza” que se respira nas aulas perante a previsíbel derrogación do decreto 124/07 de uso e promoción do galego no ensino, que mantén a súa vixencia durante o presente curso escolar, e a súa tamén previsíbel substitución por un novo texto. Este, segundo denunciaron, suporía “o primeiro retroceso legal en 30 anos de período autonómico e presenza legal do galego no ensino”.

Se ben a convocatoria das medidas reivindicativas concretas será protagonizada polas diferentes organizacións do ensino, estas serán vehiculizadas tamén desde a propia estrutura de Queremos Galego, xa que como foi sinalado “a derrogación do actual decreto non constitúe só un ataque ao sistema educativo, senón que afecta a toda a sociedade no seu conxunto”.

As organizacións que subscriben o posicionamento conxunto manifestaron a súa “preocupación” polo que entenden como “un exercicio de total insubmisión” da Consellaría de Educación a respecto da súa propia lexislación vixente. “Non é só que non garantan o pleno cumprimento do decreto 124/07, que é de aplicación durante o presente curso escolar, senón que cada declaración pública acaba por se converter nun convite expreso á desobediencia”, sinalaron.

Neste sentido, denunciaron que a situación actual continúa a ser “de xeneralizado incumprimento do decreto en vigor” e que alí onde si se aplica é exclusivamente grazas “ao esforzo e compromiso, moitas veces mesmo persoal, da comunidade educativa”. Así, continúan a reclamar medios e recursos, “en moitos casos inexistentes”, e recoñecemento e formación axeitados para o profesorado.

Perante a cuestión da data na que sexa dado a coñecer o borrador do borrador, desde Queremos Galego manifestaron agardar que a Consellaría “non caia na tentación” de dalo a coñecer xusto antes da ponte da vindeira fin de semana, antes ou mesmo durante as vacacións do nadal “co obxectivo de tentar desactivar calquera resposta social”. Segundo indicou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, “sería boa mostra do talante prepotente e antidemocrático de quen despreza a opinión da comunidade educativa e da sociedade”.

Volver