Publicada a orde de destinos provisionais con algúns cambios ao respecto do texto que se negociou na Mesa Sectorial

A Consellaría aceptou parcialmente algunhas das propostas feitas pola CIG-Ensino nunha orde que terá carácter fixo a partir deste curso

A orde publicada no DOG só abre o prazo para a solicitude de non participación (desde o venres 15 ao xoves 21 de xuño) na convocatoria para o persoal interino que cumpra con determinados requisitos.

Para o inicio do prazo de participación, así como para coñecer os diferentes prazos de renuncia e adxudicación haberá que agardar á Resolución que se publicará previsibelmente no DOG na vindeira semana.

Tedes toda a información do "novo" CADP no seguinte CIG Informa

Obriga de participación a través da sede electrónica da Xunta

O principal cambio neste ano é a obriga que ten todo o profesorado que participa na petición de destinos provisionais a rexistrar a instancia a través da sede electrónica da Xunta. A orde recolle que aquel profesorado interino ou substituto que non o faga quedará excluído des todas as listas nas que estea. O persoal interino que aprobe o proceso selectivo terá que facer unha nova solicitude nos 2 días hábiles posteriores á publicación da lista de aprobadas e aprobados.

Hai que agardar para solicitar destino

O cambio introducido neste curso implica que haxa que agardar a que se publique unha Resolución no DOG para abrir o prazo de solicitudes, publicar as listas de participantes e indicar prazos de renuncias e adxudicacións. A Consellaría negouse na Mesa Sectorial a que esa norma teña que ser negociada previamente.

O único prazo que se inicia coa publicación no DOG é o da solicitude de non participación para o persoal interino e substituto que non desexe traballar o curso que vén. Ese prazo irá desde o venres 15 até o xoves 21 de xuño.

Cambios na especialidade Orientación en Primaria

A CIG Ensino levaba anos reclamando, que ao igual que pasa co profesorado provisional ou que concursa para as diversas comisións, o persoal interino teña acceso ás prazas dos departamentos de orientación se ten a titulación necesaria, é dicir, queestea en posesión da titulación de Licenciatura ou Grao de Psicopedagoxía, ou Pedagoxía, ou en Psicoloxía, ou en Filosofía e Ciencias da Educación (especialidades de Psicoloxía ou Ciencias da Educación) ou en Filosofía e Letras (especialidades de Pedagoxía ou Psicoloxía), conforme prescribe o artigo 4.a) do Decreto 120/1998, polo que se regula a orientación educativa e profesional na comunidade autónoma de Galicia.

Esta reclamación foi levada por última vez pola CIG Ensino á mesa sectorial do 15 de maio, e na citada mesa a Consellaría non aceptou a nosa petición, afirmando que no caso dos e das interinas a listaxe non se actualiza e só poden pedir as persoas que inicialmente presentaron esa titulación e conformaron a lista inicial.

Atopámonos agora, xa chegando ao final do proceso, coa decisión de última hora da Consellaría de aceptar esta demanda da CIG-Ensino, mais permitindo esta posibilidade só a partir do curso 2019/20, polo que no curso que vén non aceptan adiantar a modificación. O texto publicado non foi negociado de novo na Mesa Sectorial e non fai máis que evidenciar os problemas que trae que a Consellaría pretenda facer unha orde fixa para algo tan variábel como é un concurso de adxudicación de destinos provisionais.

Isto é o que recolle o texto publicado no DOG:

e) O persoal do corpo de mestres interino e substituto unicamente poderá solicitar conxuntamente prazas da especialidade correspondentes á lista en que figura e de primaria, e, se posúe algunha das titulacións establecidas na línea b) deste artigo, pola lista de orientación, sempre que accedera á primeira interinidade ou substitución con anterioridade ao 31 de agosto de 2008. Este persoal poderá, así mesmo, efectuar outra solicitude diferente noutras listas a que accedera con posterioridade ao 31 de agosto de 2008 e que terán o mesmo tratamento que as previstas no parágrafo seguinte.

f) O persoal do corpo de mestres interino e substituto que accedese a primeira interinidade ou substitución con posterioridade ao 31 de agosto de 2008 unicamente poderá solicitar prazas da especialidade ou especialidades correspondentes á lista ou listas en que figura, en aplicación do previsto no punto quinto da Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta conselleria que imparte ensinanzas distintas das universitarias. Poderán efectuar unha solicitude por cada especialidade e, se posúen algunha das titulacións establecidas na línea b) deste artigo, pola lista de Orientación sen prexuízo de que poidan renunciar á solicitude dalgunha especialidade ou de Orientación durante o prazo de reclamacións á resolución provisional establecido no artigo 37 da presente orde.

A ordenación da lista de Orientación realizarase pola data de acceso á primeira interinidade ou substitución dunha especialidade do corpo de mestres. No suposto de que dúas ou máis persoas interinas accederan á primeira interinidade ou substitución na mesma data, se pertencen á mesma lista, a ordenación realizarase pola orde que posúan na dita lista e, no caso de que formen parte de distintas listas, a ordenación realizarase pola orde alfabética dos apelidos. 

Nova redacción para o persoal de Servizos á Comunidade

Outro cambio de relevancia está no profesorado de Servizos á Comunidade, para quen, despois da proposta feita pola CIG-Ensino se aclara que a petición que poden facer da especialidade de Prácticas e Actividades nunha única instancia, estas prazas non se terán en conta aos efectos do cómputo para ter dereito a unha comisión de conciliación.

O persoal funcionario interino da especialidade de Servizos á Comunidade poderá solicitar prazas de Servizos á Comunidade e de Prácticas e Actividades, pola súa orde de preferencia. Adxudicaranse, en primeiro lugar, as prazas de Prácticas e Actividades ás persoas pertencentes á lista de Prácticas e Actividades.

Para os efectos da tramitación das comisións de servizos, de conformidade co artigo 24.12 desta orde, na especialidade de Servizos á Comunidade computaranse unicamente as prazas desta especialidade. En consecuencia, non se computarán as prazas de Prácticas e Actividades.

Comunicación de supresión ou desprazamento de profesorado por falta de horario

Malia que a orde recolle que o prazo para que a Inspección Educativa comunique aos centros e profesorado afectado a supresión de prazas e, consecuentemente, o profesorado que perde o seu destino definitivo, será con anterioridade ao 10 de xuño, no texto finalmente incluíuse unha disposición transitoria para este ano, mantendo a data no 25 de xuño, a mesma que en cursos anteriores.

CIG-Informa sobre o procedemento do Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP)

Documento


Volver