Profesorado interino e substituto mobilízase en Santiago convocado pola CIG Ensino en defensa do emprego no ensino público

Este ano traballarán aproximadamente 1000 docentes menos que o ano pasado

“Non aos despidos en educación” e “na nosa man está que non volvan recortar” foron algunhas das consignas que se escoitaron hoxe na concentración en defensa do emprego no ensino público e contra os despedimentos do profesorado interino e substituto convocada diante da Consellaría de Educación. A CIG-Ensino calcula que este ano traballarán aproximadamente 1000 profesores menos que o ano pasado.

A redución de prazas que é froito de medidas como a amortización de xubilacións, incremento do horario lectivo do profesorado ou aumento da ratio de alumnado por aula afecta ao profesorado interino e substituto pero tamén ao persoal funcionario xa que neste momento incluso 161 docentes con praza non teñen destino adxudicado.  Ademais incrementouse o persoal desprazado nun 25%, e xa son 400 aproximadamente.

Nesta mobilización, convocada pola CIG-Ensino e na que participou profesorado afectado polos recortes, o seu Secretario Nacional, Anxo Louzao, dixo que o obxectivo é o de amosar o rexeitamento absoluto á política de recortes do PP que en lugar de crear emprego, en tres anos destruíu ao redor de 2.500 postos de traballo nos diferentes niveis educativos. Á destrución de emprego súmase á perda de dereitos que afecta de xeito especial ao profesorado que fai substitucións, ao que se lle reduciu o salario correspondente aos meses de verán.

Louzao lamentou que nunha situación de crise como a actual, en lugar de reforzarse o ensino como servizo público universal,  se reduza a súa calidade porque non se cobren as baixas, o alumnado non vai estar ben atendido en determinadas franxas horarias por falta de docentes, masifícanse as aulas e auméntase a carga lectiva do profesorado, que ademais vai ter que  impartir materias das que non é especialista.

Os recortes no ensino público veñen acompañados por unha política de “man tendida” ao ensino privado concertado, dixo, ao que a actual Consellaría Educación destinou 1.000 millóns de euros nesta Lexislatura con subvencións tamén a centros que segregan alumnado por razón de xénero.

Volver