Preto de 5.000 sinaturas de apoio ao director do IES Illa de Arousa

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse diante da Xefatura Territorial de Pontevedra para esixir a retirada do expediente de revogación

A CIG-Ensino participou este martes 19 de novembro na entrega de 4.761 sinaturas de apoio ao director do IES Illa de Arousa, Afonso Malvido, ao que inspección educativa lle abriu un expediente de revogación por retrasar o inicio das clases un día por mor falta de profesorado no centro. Coincidindo coa entrega de sinaturas delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse diante da Xefatura Territorial de Pontevedra.


Nesta concentración o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou a actitude “represiva e inxusta” coa que actúa a Consellaría de Educación ao abrir este expediente cando o único que fixo o director do IES Illa de Arousa foi actuar de maneira responsable e comprometida coa defensa do ensino público “algo que o honra e do que nos sentimos orgullosos e orgullosas”.

O propio Afonso Malvido, que agradeceu a multitude de mostras de solidariedade recibidas, lembrou que ningún membro da comunidade educativa se amosou en contra da decisión de adiar un día o inicio das clases por non dispor do profesorado necesario, nin  horarios definitivos. Malvido explicou que esta medida se tomou por acordo do claustro e co coñecemento do alumnado e das familias.

Para a CIG-Ensino, a apertura deste expediente responde a intención da Consellaría de actuar de maneira exemplarizante e frear calquera contestacións aos recortes. A CIG-Ensino lembra que desde hai varios anos os centros escolares teñen que comezar o curso sen todo o profesorado necesario  e mesmo sen saber se chegará unha vez iniciadas as clases. Esta é unha situación que prexudica o conxunto dos centros e provoca que os horarios de traballo do profesorado sexan provisionais e deban ser modificados durante o mes de setembro. A única responsábel desta situación é a Administración educativa, que sabe que este é un prexuízo para o alumnado, mais non actúa en consecuencia. Porén si actúa de forma represiva cando unha dirección, de maneira coherente coa situación, adía o inicio do curso ao non contar con profesorado suficiente.

A CIG-Ensino considera inaceptábel que a Consellaría pretenda reprimir unha actuación coherente coa falta de profesorado para iniciar o curso e exixe a anulación do expediente que se está a tramitar contra del.

Volver