Preséntase a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público con representantes de pais e nais, alumnado e profesorado e anuncia mobilizacións en contra dos recortes
Ten previsto realizar concentracións comarcais o 8 de maio, peches rotatorios e unha manifestación nacional o 3 de xuño, entre outras accións
Na rolda de prensa que celebrou hoxe a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público estaban presentes Xoán Costa, da AS-PG, Daniel Candán, dos Comités de Estudantes, Carme Adán, do BNG, Anxo Louzao, da CIG-Ensino, Fernando Lacazi, da Federación de ANPAS de Compostela, Javier Sánchez, das ANPAS de Ferrolterra, Iria Aboi, de Galiza Nova e Anxo Teixeiro, da Liga Estudiantil. Os representantes das organizacións, presentes na rolda de prensa, fixeron público o manifesto da Plataforma e explicaron que permanece aberta á incorporación de todas as entidades que teñen que ver co ensino público e queiran sumarse.
Como primeiras accións xa se acordaron a celebración de concentracións comarcais simultáneas o 8 de maio, ás 19:00 horas, instar aos consellos escolares e aos claustros de profesores a aprobar resolucións de apoio ao ensino público, solicitar entrevistas cos grupos parlamentares, apoiar a folga convocada polas organizacións estudantís na Universidade, o día 10 de maio, realizar peches rotatorios en todas as comarcas, que comezarían o día 14 de maio, e confluír xunto coa Plataforma en Defensa da Sanidade nunha manifestación nacional, o día 3 de xuño.
Para a CIG- Ensino, entidade integrada na Plataforma, este Real Decreto atenta contra os dereitos laborais e profesionais dos docentes, reduce a calidade e invade competencias, nomeadamente no que ten que ver co horario do profesorado e a cobertura de baixas, asuntos nos que a Consellaría de Educación ten competencias exclusivas. Ademais segundo Anxo Louzao, de aplicarse o recortes previstos suporán o despedimento de máis de 2000 profesores.