Posicionamento da CIG-Ensino ante o anuncio de folga no ensino a través dos medios de comunicación desde Madrid

A CIG-Ensino fai un chamamento a participar nos peches rotativos en centros educativos que comezan o 14 de maio e na manifestación convocada en Santiago o 3 de xuño

A CIG xa trasladou no mes de abril a necesidade de valorarmos unha nova convocatoria de folga xeral para a primeira quincena de xuño. Esta proposta nacía da necesidade de seguir respondendo á Reforma Laboral e afianzábase despois co ataque brutal aos servizos públicos, nomeadamente a sanidade e a educación.

De acordo con isto, a CIG, como confederación, púxose en contacto coas outras centrais sindicais que responderon que, aínda coincidindo con nós en que hai razóns máis que suficientes para ir a outra folga xeral, non estaban en disposición de convocala. A CIG mantén a proposta, pendente de efectivizala se hai acordo sindical para a súa convocatoria.

Agora, as organizacións sindicais españolas deciden en Madrid propoñer a realización dunha folga no ensino a nivel de Estado, para o día 22. Esta proposta formúlana sen considerar as dinámicas e as mobilizacións das plataformas e as organizacións das distintas nacións do Estado e sen ter en conta que as competencias no ámbito educativo se exercen en cada un dos territorios. Toda a información que a CIG-Ensino tivo disto foi a través dos medios de comunicación.

Desde a CIG-Ensino, entendemos que hai que focalizar aquí a loita, enfrontando directamente os responsábeis directos da aplicación dos recortes en Galiza, a Consellaría e o Goberno galego, xa que son os que teñen as competencias plenas para non aplicar o Decreto Lei e para recorrelo por invasión de competencias.

Non deixa de ser preocupante que organizacións estatais que veñen de convocar agora folga a nivel de Estado rexeiten participar na Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, antepoñendo o seu centralismo a calquera acción que non veña proposta desde Madrid. Non só se está a convocar unha folga sen ter en consideración a organización maioritaria en Galiza, a CIG-Ensino, senón que mesmo se pecha o día e se convoca a través dos medios de comunicación, sen ter en conta, nin sequera, a realidade de Galiza.

Esta forma de actuar é unha irresponsabilidade e indica que se dubida da capacidade que temos como galegas e galegos de decidir ou de participar nas decisións das cuestións que nos incumben, desprezando as organizacións das que nos fomos dotando.

Unha convocatoria de folga esixe un traballo previo, un traballo de información, acudindo aos centros de traballo para informar, e ter en conta os propios convocados, é dicir, o profesorado. Isto sería irrealizábel de cara ao 22 de maio, con apenas seis días lectivos de por medio (cómpre termos en conta o festivo do 17 e que o 18 é non lectivo en moitos centros) .

Como información, para a convocatoria da folga xeral, a CIG-Ensino fixo máis de 1500 asembleas no ensino público. Se realmente se chegase á conclusión de que era necesario realizar unha folga só no ensino, habería que considerar outra data, nunca anterior ao 30 ou 31 de maio. Entendemos que, na tesitura actual, cómpre considerar todos os sectores afectados á hora de ir a unha folga, como mínimo ensino e sanidade, pero tamén ao conxunto dos traballadores e traballadoras, de aí que consideremos o máis acaído preparármonos para unha folga xeral.

Desde a CIG, reafirmámonos en que a mellor maneira de loitar contra os recortes no ámbito educativo é emprazar a Consellaría a que non aplique o Real Decreto Lei 14/2012 e continuar coas mobilizacións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público: peches rotativos por todo o país, desde o 14 de maio, resolucións dos claustros e dos consellos escolares dos centros e manifestación nacional, o día 3 de xuño, confluíndo coa manifestación da Plataforma en defensa da sanidade pública.

A vontade da CIG-Ensino é seguir coas mobilizacións e ir acumulando forzas de cara a prepararmos unha folga xeral, que vemos factíbel se hai un acordo sindical para a convocatoria. Esta será a mellor maneira de combater a política educativa da Xunta, pioneira na aplicación de recortes e do ataque aos servizos públicos.

A CIG-Ensino volve facer un chamamento ás organizacións sindicais estatais para que se integren na Plataforma en pé de igualdade e, nese ámbito, fagamos chamamentos e convocatorias de cara ao futuro, tendo en conta, única e exclusivamente, que as decisións se tomen aquí e non veñan marcadas a nivel estatal. A CIG sempre defendeu e defenderá a unidade de acción, mais tamén sempre defendeu que as accións a desenvolver en Galiza se acorden aquí, porque para nós Galiza é o centro das decisións.

Volver