Por un convenio e salarios dignos nas escolas infantís

Non ao bloqueo das negociacións

A CIG-Ensino e demais organizacións do sector denunciamos o inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3, e convocamos mobilizacións na segunda quincena do mes de xuño en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta.

As organizacións sindicais convocantes (CCOO, CIG-Ensino, UGT Servizos Públicos, SNEP de G e USO) manifestamos o noso malestar coa marcha das negociacións, que se iniciaron hai máis dun ano, nas que as patronais non souberon estar á altura das necesidades do sector.

Nas máis de nove reunións da mesa negociadora, comprobamos que as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas.

A actitude das organizacións patronais pon de manifesto a falta de vontade negociadora co ánimo de atrasar e evitar afrontar a necesaria actualización dos salarios, que actualmente se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido. Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.

As patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva ás traballadoras dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais.

Por estes motivos, convocáronse concentracións para o día 22 de xuño ás 20 horas.

Unha terá lugar en Vigo, no MARCO, e a outra en A Coruña, no Obelisco.

O 27 de xuño realizaranse concentracións de protesta nas escolas, onde os e as participantes portarán cartaces, faixas, camisetas, etc. con lemas reivindicativos. Será unha ocasión para tomar fotos, gravar vídeos e compartir nas redes sociais coas etiquetas: #ConvenioInfantilDigno e #DesbloqueoXa. Desta forma, a mensaxe de demanda dun convenio digno para o sector das escolas infantís será difundida e amplamente visibilizada.

O día 29 de xuño convócase unha xornada de folga para todo o sector das escolas infantís, tanto privadas como de xestión indirecta. Ademais, haberá unha manifestación en Santiago de Compostela que sairá da Alameda e rematará na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na rúa do Vilar.

Unha vez máis, denunciamos o inmobilismo e o involucionismo das patronais, que está a causar unha constante perda de poder adquisitivo para as traballadoras e a permanente intención de recortar os seus de dereitos laborais e sociais. Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras. É fundamental que se tomen medidas para asegurar unha situación laboral digna e xusta para todas as profesionais do sector das escolas infantís. Chamamos a que as patronais reconsideren a súa postura e negocien de forma xusta e construtiva coas traballadoras do sector.

Cartaz concentración de A Coruña

Cartaz concentración de Vigo

Ligazón ao comunicado conxunto

Volver