Por un convenio digno e salarios xustos e polo desbloqueo das negociacións

Terceiro día de Folga nas escolas infantís 0-3 de aplicación o XII convenio colectivo estatal de centros de asistencia e E.I.

A CIG-Ensino volve a chamar á folga ás traballadoras este mércores día 8, ante un novo pulso e provocación irresponsable das patronais que mantiveron o inmobilismo na última mesa negociadora do día 2.

As traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, etapa 0-3, volverán á folga este mércores, 8 de novembro, en resposta xa non só ao mantemento do bloqueo patronal á negociación do XIII convenio colectivo, senón a un novo pulso e provocación irresponsable das patronais coa nova proposta miserenta e involutiva presentada na última mesa negociadora (a 11ª do día 2 de novembro), que foi rexeitada por todas as OO.SS. A CIG-Ensino aproveitou tamén a súa intervención para facer un chamamento á unidade sindical, como única vía para gañar canto antes este novo pulso das patronais.

Isto ten que facernos reaccionar con moita máis forza e enfado no sector, cuxas táboas, conxeladas dende 2021, xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional e os dereitos laborais e sociais, tan só están ao nivel do Estatuto dos Traballadores/as, sendo este convenio dos máis precarios de todos os convenios existentes a día de hoxe na ensinanza en xeral.

  

 

Como nas dúas  primeiras xornadas de folga (convocadas por CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP), que foron un éxito, o persoal mobilizarase de novo nas cidades de Vigo e A Coruña, sumándose a de Santiago de Compostela:

- Na Coruña,  a manifestación sairá ás 11:30 dende a Praza de Pontevedra e o persoal irá até o Obelisco.

- En Vigo, a manifestación sairá ás 12:00 horas de diante do MARCO e o persoal irá até a Porta do Sol.

- En Santiago, terá lugar unha concentración ás 12h diante da patronal galega (CEG), situada na rúa do Vilar, 54.

Adiantámosvos que o día 15 de novembro terá lugar o 4º día de folga, unha semana antes da 12ª mesa negociadora que será o día 24 deste mes, cunha única manifestación en Santiago de Compostela, partindo da Alameda e con parada diante da patronal na rúa do Vilar, para rematar nas Praterías coa lectura dun manifesto polas traballadoras do sector. A CIG-Ensino fai un chamamento masivo a toda a comunidade educativa para organizarse e encher as rúas de Compostela, coa finalidade de non só loitar polos dereitos laborais, sociais e salariais do persoal traballador, senón tamén para acadarmos unha ensinanza de calidade nesta etapa 0-3, para as crianzas.

 

 

Volver