Perto de 40000 rapaces participarán na edición 2008 do Correlingua.
Normalización lingüística
As carreiras pola lingua comezarán o día 6 de maio na Coruña e rematarán en Ourense o 16, percorrendo 13 comarcas galegas baixo o lema “En galego cabe todo”.
Perto de 40000 rapaces participarán no Correlingua 2008
As carreiras pola lingua comezarán o día 6 de maio na Coruña e rematarán en Ourense o 16, percorrendo 13 comarcas galegas baixo o lema “En galego cabe todo”.
Presentouse en Santiago a edición 2008 do Correlingua, unha actividade que se celebra de xeito regular desde o 2000, consistente en diferentes carreiras que se celebran en 13 vilas de Galiza, e na que se prevé unha participación de perto de 40.000 rapaces e rapazas procedentes da maioría de centros educativos de todo o País.
Entregáronse tamén os premios dos concursos de Manifesto do Correlingua 2008 e de Banda deseñada que recaeron no grupo de 3º Eso do CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral, e no grupo de 5º de primaria do CP Pepe de Xan Baña de Santa Comba, respectivamente, tendo acordado o xurado mencións especiais para o grupo de 1º de Bacharelato do IES Xermán Ancochea da Pobra de Trivese o IES Río Miño de Rábade na sección de Manifesto e para o grupo de infantil de 4 anos do CPI Afonso VII de Caldas de Reis, e o grupo de 5º de Primaria do CEIP A Cristina de Carballo, en Banda deseñada. Compre resaltar que foron máis de 500 centros os participantes nestes concursos, que teñen como premio a participación nos programas Vive o Monte e Entremareas da Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia, e no Proxecto Terra organizado polo Colexio de Arquitectos e movementos de renovación pedagógica como a AS-PG. A grande calidade dos manifesto e Bandas deseñandas apresentadas, motivaron o recoñecemento especial aos finalistas por parte do xurado.
Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
En Galego Cabe Todo foi o lema escollido para a presente edición, facendo referencia á capacidade das memorias dos Mp3 e I-pods, onde todo o que se faga en galego ten cabida e, por tanto, trasladando que na nosa vida diaria, en todas as nosas actividades o noso idioma pode estar presente.
Na presente edición do Correlingua incorporouse o A Polo Ghit do Correlingua en colaboración coa Radio Galega e Vieiros. O Ghit do Correlingua 2008 buscouse entre 51 grupos de música galega, que o alumnado tivo a oportunidade de descargar da páxina web do Correlingua e votar. Resultou elexido o grupo Sínefres de Boiro, que actuará en 8 das festas finais do Correlingua. En outras 5 festas actuará o Xabarín Club da TVG. En todas as vilas e cidades nas que se celebra o Correlingua, desenvolveranse espectáculos teatrais que contarán coa participación de Touriñán e Marcos, de Ppablo e os Ghazafellos, ou do Grupo Chévere, entre outros.
O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega – Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os Concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, e conta tamén coa colaboración da Vicepresidencia do Goberno Galego, as Consellarías de Cultura, a Secretaría xeral de Política Lingüística, Dirección Xeral de Xuventude, a Consellaría de Innovación e Industria a través do Xacobeo, a Radio Galega e a TVG, que realizará un documental sobre a actividade, ademais de diferentes concellos das comarcas onde se desenvolven as actividades, ás que se suma a Rede Galega de Escolas Infantís Galescolas. As entidades organizadoras consideran fundamental implicar a mocidade, un sector fundamental no proceso de normalización da lingua galega que debe ter un papel activo no mesmo.
Próximamente editarase o segundo número da revista Correlingua que contará coa participación de alumnos e alumnas de diferentes centros de ensino do País, e onde se publicarán os traballos gañadores do Concursos da edición 2008.
CALENDARIO CORRELINGUA
A Coruña 06/05/2008 A Coruña
A Barbanza 07/05/2008 Ribeira
Ferrolterra 07/05/2008 Ferrol
A Mariña 08/05/2008 Foz
Salnés 08/05/2008 Vilagarcía
Lugo 09/05/2008 Lugo
Santiago de Compostela 12/05/2008 Santiago de Compostela
Pontevedra 13/05/2008 Pontevedra
Vigo 14/05/2008 Vigo
Baixo Miño 15/05/2008 Salceda de Caselas
Ribeira Sacra 15/05/2008 Monforte de Lemos
Monterrei 16/05/2008 Verín