Persoal dos centros de menores de Ourense Montealegre, Monteledo e Montefiz concentráronse por un convenio galego e retribucións e condicions laborais xustas

Son centros que prestan un servizo público fundamental e que, dependendo na actualidade da Fundación Diagrama, veñen padecendo a deixadez desta e da administración da Xunta de Galiza que non atende as súas demandas en connivencia coa empresa.

Durante a concentración este xoves diante da sede da Xunta, delegados da CIG-Ensino lembraron que "aínda que a nosa profesión é algo moi vocacional isto non é voluntariado, nin ten que depender da beneficiencia, como acontecía no pasado, senón que é unha pata fundamental do eido social, moi invisibilizada na sociedade, e na que os traballadores e traballadoras teñen que ter dereitos laborais acordes a súa responsabilidade".

Nestes centros traballan aproximadamente 150 persoas que denuncian que economicamente foron perdendo moito poder adquisitivo, nalgún caso con conxelacións salariais desde hai unha década, que non se están a cubrir as baixas ou vacacións e que teñen que enfrontarse a ratios cada vez máis altas. Neste sentido poñen como exemplo que un mesmo educador ou educadora non pode atender ben a 6 ou 7 rapaces á vez. 

Campaña Convenio galego xa 

O pasado luns día 18 a CIG, xunto con delegadas e delegados dos centros de todo o país, fixeron entrega no rexistro da Xunta de 505 sinaturas recollidas en apenas 3 semanas entre o persoal dos arredor de 60 centros privados e de xestión indirecta existentes en Galiza, o que representa o apoio a esta campaña de máis do 62% do total de persoal. No texto desta iniciativa recóllese expresamente a solicitude de contar con un convenio galego que dea resposta ás necesidades e demandas laborais do seu persoal pero tamén a unha mellor atención dos usuarios e usuarias deste servizo social. Así mesmo, no documento reitérase a necesidade de que a conselleira de Política Social tome nota dunha realidade que é da súa competencia e que ten oculta e invisibilizada con parches que non resolven a situación de vulnerabilidade deste sector, tanto no ámbito laboral como no educativo-social.

Volver