Paseos Pedagóxicos 2022: Orixes (III)

A orixe dos riscos morfolóxicos maiores de paisaxe de Galiza. O concepto de Paisaxe Histórica

Conxuntamente a CIG-Ensino e a AS-PG, coa colaboración dos compañeiros Xurxo, Xose e Paco, organizamos entre o 8 e o 24 de setembro unha nova edición dos Paseos Pedagóxicos. Como sabedes trátase dunha actividade de formación do profesorado homologada pola Consellería de Educación con 32 h e na que se pretende mesturar contidos relacionados co medio ambiente, a paisaxe, a etnografía, a historia, etc. do noso país.

Nesta ocasión os contidos abranguerían dous eidos:

  • Por unha banda, amosar a orixe dos elementos xeomorfolóxicos maiores de Galiza (superficies de erosión, depresións, ríos encaixados e macizos montañosos).

  • E en segundo lugar descubrir a acción do ser humano na evolución da paisaxe galega centrándonos en tres tipos característicos: mato cultural de toxo, souto de castiñeiros mansos  e socalcos de videira. Poñeranse tamén estas Paisaxes Históricas en relación co seu marco xeolóxico.

As actividades estiveron distribuídas en 5 andainas. Tres delas foron dun día de duración (sábados) e dúas de medio día (xoves pola tarde)

No transcurso das camiñadas, consideráronse e analizáronse panoramas, escenas, procesos e espécimes significativos mediante explicacións verbais complementadas con material impreso. Para consolidar e ampliar os conceptos facilitouse soporte dixital cunha bibliografía avanzada e un “álbum”  de fotografías e debuxos, con comentarios específicos, que permiten unha mellor intelixencia da que  fornece  a observación  natural  de campo.

Xoves 8 de setembro. Paseo polos Altos da Groba (Oia e Gondomar)

Centrado sobre a paisaxe histórica da gandería prehistórica e tradicional, e sobre o aproveitamento do mato. Visitamos a Pedra dos Acordos, varias mámoas, o Foxo do Lobo, muíños rupestres naviculares, etc.

Mapa da ruta. Ligazón

Sábado 10 de setembro. Paseo de Monte Meda e Depresión de Maceda

Estivo centrado na orixe das superficies  de erosión e das cubetas sedimentarias, e sobre o aproveitamento do acumulado nelas (cerámica tradicional ou cacharreiros, e minería romana). Estivemos nas Minas de Baldrei, no Monte do Barro, nos fornos de Niñodaguia, etc.

Mapa da ruta. Ligazón

Xoves 15 de setembro. Paseo do río Barón (O Carballiño)

Centrouse na paisaxe histórica da viticultura, con visitas a adegas medievais, socalcos tradicionais e percorrido polo camiño seguido na comercialización antiga do viño do Ribeiro (antiga ruta dos arrieiros). Para ilustrar a relación entre a xeoloxía da zona e os elementos históricos antes referidos, visitamos a Cova dos Soterrados (ou das Adegas), con material espeleolóxico adecuado.

Mapa da ruta. Ligazón

Sábado 17 de setembro. Paseo da Serra de San Mamede (Montederramo)

Estudamos a orixe das Montañas Orientais, analizamos a utilización multiplista  delas polas poboacións locais e a repercusión desta na vexetación. Realizouse un percorrido pola Serra dende Rebordechao (onde viviu o “lobishome” Romasanta) ata o alto de San Mamede (capela), ida e volta.

Mapa da ruta. Ligazón

Sábado 24 de setembro. Paseo do Canón do Sil (Parada do Sil)

Centrouse na incisión fluvial, característica de moitos tramos dos ríos principais de Galiza, percorrendo o borde e a ladeira do canón, para coñecer a súa envergadura, especular sobre a súa formación, e valorar as consecuencias do seu aproveitamento tradicional (soutos e viñas) e industrial. Para ponderar mellor o alcance desta última, baixamos parte da parede do val fluvial polo chamado “plano inclinado de A Rasa”. 

Mapa da ruta. Ligazón

Como remate das xornadas o albaroque foi nun restaurante en Para do Sil.

Volver