Os orzamentos de Educación para o 2013 avanzan na liquidación do ensino público e na súa privatización

Decrecen 150 millóns respecto aos do 2012, un 6,63% menos en comparación ao 4,4% de redución dos da Xunta

Para a CIG-Ensino, os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2013 tenden á desaparición do ensino público. Así o valorou hoxe o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, nunha rolda de prensa na que denunciou que os orzamentos en Educación decreceron 150 millóns respecto ao 2012 e un 32,7% desde o ano 2009 (660 millón tendo en conta o IPC). “As contas públicas susténtanse na aposta polo ensino privado concertado, ao que se transfiren 237 millóns de euros”, afirmou. Mentres que os orzamentos da Consellaría se reducen nun 6,63%, as subvencións ao ensino privado concertado decrecen só un 3,9%.

Os orzamentos de Educación para o 2013 arremeten tamén contra a normalización lingüística, xa que a partida destinada ao fomento da lingua galega decrece un 25,3% respecto á do 2012. “Tamén menosprezan o profesorado, ao que se lle reduce o seu salario e as pagas extras,       destrúen emprego, despiden docentes e impiden a oferta de emprego público.Nos orzamentos  aparece a redución de 315 profesores/as aos que se van sumar 1000 xubilacións aproximadamente”, explicou Louzao na rolda de prensa na que tamén participou Ana Rodiño, membro da Executiva.

Hai que lembrar que desde o ano 2009 se suprimiron 322 unidades, pecháronse 46 escolas, fixéronse 27 novos concertos e o ensino conta con 2000 profesores menos aproximadamente. “Hai máis alumnado por aula, maior fracaso e abandono temperá do ensino e unha menor calidade. Condenan os centros á precariedade en medios e en recursos para o seu funcionamento, atacan a educación inclusiva e a igualdade de oportunidades e seguen sen dar resposta ás necesidades dos centros”, valorou Anxo Louzao

O proxecto de orzamentos para o ano 2013 rompe a tendencia de que os orzamentos en Educación medraban en maior porcentaxe do que o facían os da Xunta. Ao mesmo tempo perden peso en relación con estes. No proxecto para o ano 2013 representan o 23% dos da Xunta cando sempre superaron esta porcentaxe. Así mesmo, mentres que  os orzamentos da Xunta decrecen un 4,4,% os de Educación fano nun 6,63%.

“Se temos en conta o incremento do IPC desde o ano 2009, a redución que experimentaron os orzamentos da Consellaría de Educación é asombrosa. Observamos con máxima preocupación que a Educación en Galiza para o ano 2013 debería ter un orzamento incrementado en 660 millóns de euros, 32,7% máis, pero decrecen 150 millóns malia a redución  de 12,6 millóns que xa sufriron en 2012 e de 175 millóns no 2011”; dixo Louzao.

Reforzamento da privatización

Para a CIG-Ensino e intolerábel e escandaloso que os orzamentos ao ensino privado concertado ascendan a 237 millóns cunha redución de só o 3,9% mentres se produce un recorte do 6,6 no conxunto das contas da Consellaría de Educación. “Máis intolerábel é o incremento dun 5,8 das subvencións á FP privada concertada, ao redor dun 12% dos orzamentos de agasallo á patronal da privada, incluídos os centros que segregan alumnado por razón de xénero”, engadiu Louzao.

 Fomento da lingua

Redúcese nun 25% respecto ao de 2012 (de 2009 a 2012 acumula un descenso do  67%). No ano 2009 destinábanse 19,8 millóns, no 2012 esta cantidade reduciuse a 9,9 millóns e no 2013 a 7,4 millóns.

Capítulo I

No Capítulo I, que supón o 59% do orzamento da Consellaría, a partida dedicada a persoal redúcese no 6,4% e o cadro de persoal en 315 profesores/as menos, mentres o persoal eventual de gabinete increméntase nun 28%.

Capítulo II

A partida correspondente a gastos de funcionamento dos centros redúcese nun 6,4% (no Bacharelato e FP a cifra ascende ao 9,5%).

Capítulo IV

Os orzamentos da Universidade decrecen nun 5,5 % (pasan de 389 millóns a 368).

Capítulo VI

Os investimentos reais decrecen un 46%. Só esta prevista a construción de 9 centros e a ampliación de 10. 

 En Educación Primaria, Infantil e ESO a partida dedicada a construcións decrece nun  66%  e para rehabilitación, ampliación e mellora nun 23%.

En Bacharelato e FP a partida dedicada a construcións decrece nun  58%  e para rehabilitación, ampliación e mellora nun 10,7%.

En Educación Especial redúcense nun 92% e en Ensinanzas Artísticas nun 48%.

Capítulo VI

As diferentes partidas relacionadas coas bibliotecas escolares (equipamentos, adquisicións, fondos, atención … ) vense minguadas en máis do 50% e as de fomento da lectura nun 58%.  En total un 62% menos: 845.000 euros en 2013 fronte aos 2,3 millóns do 2012.

Na rolda de prensa de hoxe tamén se puxo de manifesto que o orzamento destinado á formación do profesorado decrece nun 2,7 millóns e o destinado á prevención do abandono escolar nun 5,3 % (de 18,4 millóns pásase a 17,5 millóns) .

Ademais o orzamento para Infantil, Primaria e ESO redúcese nun 7%  (813 millóns no 2012 fronte 755 millóns no 2013, 58 millóns menos) e para Bacharelato e Formación Profesional nun 7,3% (de 722 pásase a 669, 53 millóns menos).

 Para a CIG-Ensino estes orzamentos encádranse na política neoliberal que o PP está aplicando aos servizos públicos, afondan máis nas consecuencias negativas desta crise que se utiliza como pretexto perfecto para desmantelar o ensino público. Trátase duns orzamentos antisociais que avanzan na privatización, incrementarán o fracaso escolar, non se ocupan da atención  á diversidade   e despreocúpanse das necesidades educativas especiais. “Uns orzamentos restritivos que comportan a masificación nas aulas, falta de profesorado e un ensino máis clasista . Afondarán na desigualdade social, pondo en perigo o dereito universal á educación e amosan un  total desleixo ao noso idioma”, explicou Anxo Louzao.

 

Volver