Os orzamentos da Xunta para 2018 consolidan a perda de postos de traballo e de dereitos salariais no ensino público galego

A CIG-Área Pública concentrouse esta mañá diante do Parlamento galego coincidindo coa aprobación das contas da Xunta para o vindeiro ano.

Unhas contas que non recuperan os 3.000 postos de traballo perdidos no ensino nos últimos anos, nin o pagamento íntegro da extra nin o dereito do persoal substituto a cobrar o verán. Ademais, tras a sinatura do “Acordo de estabilidade” coas outras organizacións sindicais, o goberno de Feijoó ten vía libre para convocar unha OPE que apenas cubra as xubilacións e que non crea nin unha praza a maiores en toda a administración galega.

Delegados e delegadas da CIG-Área Pública desmontaron esta mañá o argumento do presidente Núñez Feijoó de que Galiza é unha comunidade que se está recuperando economicamente e que vai por diante en compromisos orzamentarios. Nunha concentración diante do Parlamento, no que hoxe se aproban as contas públicas para 2018, o secretario de Acción Sindical da CIG-Ensino, Diego Boquete, lembrou que o profesorado galego, e en xeral todo o persoal da administración, segue a ter un dos soldos máis baixos do Estado, que non se garante ningunha suba salarial de cara ao vindeiro exercicio, nin o pagamento íntegro da extra, nin o cobro do verán por parte do persoal substituto que traballara cando menos cinco meses e medio. “A maioría destes recortes non son competencia do Estado como aluden desde a Xunta para eludir a súa responsabilidade: nin o salario completo do profesorado galego se fixa en Madrid nin a decisión de recortar a paga extra. Para os recortes non dependemos de Madrid pero para as melloras si”.

"Para os recortes non dependemos de Madrid pero para as melloras si. Esta é a coartada do Sr. Feijoó".

En relación con isto, o representante da CIG-Ensino recorda que estes orzamentos van da man do chamado “Acordo de Estabilidade” asinado por CCOO, UGT e CSIF e o goberno central primeiro e a súa réplica posterior en Galiza. Un acordo que blinda os recortes nos postos de traballo existentes na administración e que impide convocar ningunha praza a maiores. “Un mal acordo como denunciamos reiteradamente porque só abre a posibilidade de converter persoal eventual en fixo, nin sequera garante cubrir a taxa de reposición, é dicir, repoñer as xubilacións que se produzan, dado que isto queda condicionado á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado”, explica Boquete. “Se tan punteira é Galiza e imos na dianteira, como alardea o PP galego, deberíase comezar a notar pola recuperación dos dereitos perdidos e pola convocatoria dunha ampla Oferta Pública de Emprego (OPE) en 2018 que permita garantir uns servizos públicos de calidade e o incremento de efectivos en sanidade, educación e en xeral en toda a administración galega para cumprir con este obxectivo”, concluíu.

Os orzamentos da Xunta para 2018 consolidan a perda de postos de traballo e de dereitos salariais no ensino público galego

Documento


Volver