OPOSICIÓNS: O goberno galego do PP obsesionado con atacar o Galego

Modificación da Lei da Función Pública Galega

O goberno galego pretende eliminar a realización en galego dunha ou máis probas dos procesos selectivos á función pública tal e como está regulamentado no artigo 36 da Lei da Función Pública Galega.

O GOBERNO GALEGO DO PP OBSESIONADO CON ATACAR O GALEGO
O goberno galego pretende eliminar a realización en galego dunha ou máis probas dos procesos selectivos á función pública tal e como está regulamentado no artigo 36 da Lei da Función Pública Galega.

O GOBERNO GALEGO DO PP OBSESIONADO CON ATACAR O GALEGO 

A Dirección Xeral da Función Pública vén de convocar unha Mesa Xeral extraordinaria de Negociación de Empregados Públicos, Ensino, Sanidade e Administración Pública, para o próximo venres, día 22 de maio, tendo como único punto da orde do día a modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública Galega para eliminar a obriga de realizar en galego, como mínimo, unha das probas das que constan os procesos selectivos á función pública e que esta medida teña carácter retroactivo.

Esta medida evidencia que o PP, a través do goberno da Xunta, ten como obxectivo prioritario e urxente eliminar todas as avances que fomos conseguindo para que o noso idioma sexa recoñecido como o que é, o noso idioma propio, tamén da administración o que debe comportar o seu coñecemento e competencia por todos e cada un dos empregados e empregadas  públicos/as. A CIG opoñerase a esta medida e a que sexa aplicada retroactivamente, pois supoñería introducir un prexuízo claro para as persoas que xa están matriculadas nas probas de acceso, xa que verían modificadas as condicións de participación nas mesmas. 

É tal o odio que este goberno da Xunta, co seu presidente á cabeza, profesa contra o galego que despreza de xeito autoritario, dá as costas e fai oídos xordos ao clamor popular, evidenciado na maior manifestación en prol do noso idioma que percorreu o pasado domingo as rúas de Compostela.
Que o goberno do Partido Popular conte coa maioría absoluta, mais non coa maioría dos votos dos galegos e galegas, non lle dá vía libre para aldraxar e menosprezar o noso idioma, deseñando unha política lingüística involucionista que procura a extinción do noso idioma.

Estamos ante un goberno de Galiza que por moi paradoxal que semelle é antigalego cuxas directrices emanan de Madrid para relegar o coñecemento e o uso do noso idioma de todos os ámbitos posíbeis. 

Coa eliminación da obriga de realizar en galego como mínimo unha das probas das oposicións á función pública estase furtando o dereito a podermos ser atendidos en galego nas administracións públicas, xa que os futuros empregados e empregadas públicos/as non terán que amosar a competencia lingüística necesaria para desenvolver o seu traballo en galego.

Esta modificación da lei da función pública en contra do galego vólvese aínda máis obscena se temos en conta que se recorre a unha convocatoria extraordinaria e se recolle  a modificación doutros aspectos que veñen sendo demandados como son a eliminación do plus dos altos cargos que foi introducido nesta lei na súa última modificación.

A CIG vai exixir a retirada desta proposta de modificación da Lei da Función Pública Galega por ser contraria ao uso do galego na administración. Con este obxectivo, levaremos a cabo unha concentración de delegados/as da CIG, o día 22 de maio, ás 11:15 horas, diante da EGAP (Rúa Madrid, 2-4 Fontiñas, Santiago de Compostela).

Secretario Nacional da CIG-Ensino, Secretaria Nacional de CIG-Saúde e Secretario Nacional  da CIG-Administración

Volver