O Tribunal Supremo vén de darlle a razón á CIG-Ensino e obriga a Educación a ofrecer recoñecemento médico periódico ao profesorado

Educación perde o recurso que presentou contra a sentenza de xuño de 2012 do TSXG que fallou a favor da CIG-Ensino na demanda de conflito colectivo presentada por negarlle este dereito a máis de 30.000 traballadores/as do ensino

O Tribunal Supremo vén de darlle a razón á CIG-Ensino e desestima, con imposición das costas, o recurso presentado pola Consellaría de Educación contra a sentenza do TSXG que a obriga a ofrecer ao persoal funcionario e laboral docente os recoñecementos médicos anuais que regula o artigo 22 da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que execute a sentenza que establece que estes recoñecementos médicos deben ser dispensados coa mesma periodicidade anual que goza o persoal funcionario e laboral das outras Consellarías da Xunta. A CIG-Ensino denuncia ademais que a Consellaría de Educación, malia ser coñecedora destas sentenzas, ven de sacar a concurso unicamente este servizo para o persoal non docente.

A CIG-Ensino fai unha valoración positiva desta sentenza do Tribunal Supremo, como xa a fixo no seu día da sentenza do TSXG, pero lamenta a actitude da Consellaría que obrigou a ter que recorrer a xustiza para que se cumpra a Lei de Prevención de Riscos Laborais o que comporta que a Consellaría teña que facer fronte as costas que lle vén de impor o Tribunal Supremo.

Antes de producirse as sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a CIG-Ensino xa lle tiña esixido á Consellaría de Educación a cobertura deste dereito en repetidas ocasións. Diante da negativa de Educación, no ano 2008, o sindicato presentou no Valedor do Pobo unha queixa. Daquela  Educación respondeu que estaba a avaliar os custes e a catalogar os riscos pero despois de 4 anos desde a contestación ao Valedor do Pobo, Educación seguía sen prestar a cobertura deste dereito recollido na Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, dispensando, desta maneira, un trato discriminatorio a un colectivo de aproximadamente 33.000 traballadores/as.

Para a CIG-Ensino esta e é unha mostra máis da desconsideración e o desprezo co que esta Consellaría trata aos seus traballadores e traballadoras ao negarlles, durante todo este tempo, un dereito, o da revisión médica  que, desde hai 17 anos, a lexislación laboral obriga a cumprir a todas as empresas e administracións. É máis, a propia sentenza recolle que a revisión xa se tiña que facer no curso 2011- 2012, polo tanto cabe esixir danos e prexuízos por ter rematado o ano 2012 e non realizar as revisión medicas. A CIG-Ensino esixe que se cumpra a sentenza e que o profesorado que o desexe poida facer a revisión médica neste ano. Do contrario a CIG-Ensino recorrería de novo aos tribunais para que a obriguen a executar.

Volver