O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de fallar a favor do dereito da CIG a participar nos Consellos Sociais dos Centros Integrados de FP

A Xunta xunto con CCOO e UGT excluíron á CIG dos Consellos Sociais dos CIFP

En abril de 2009 a Xunta iniciou a constitución dos Consellos Sociais dos Centros Integrados de Formación Profesional integrando unicamente aos representantes de CCOO e UGT e deixando fóra á CIG malia ser a organización sindical maioritaria no ensino. Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de estimar o recurso contencioso administrativo presentado pola CIG e declara o dereito da CIG-Ensino a participar na designación dos membros da extracción sindical.

Os Consellos Escolares dos CIFP son órganos colexiados compostos por doce membros con voz e voto e o secretario, dos que dous deben ser representantes das organizacións sindicais máis representativas. A CIG fundamentou o seu recurso en que a constitución dos Consellos vulnerou o seu dereito á igualdade e de liberdade sindical, como xa resolvera o Tribunal Supremo nunha sentenza do ano 2008 en relación co nomeamento dos Consellos da Universidade Públicas Galegas, na que se lle recoñeceu á CIG o dereito a ter representación nestes órganos.

Agora a sentenza anula o nomeamento dos representantes sindicais dos Consellos Sociais do CIFP Anxel Casal, CIFP Compostela , CIFP Fene, CIFP Politécnico , CIFP Rodolfo Ucha (Ferrol), CIFP Someso (A Coruña), CIFP A Granxa (Ponteareas), CIFP Carlos Oroza, CIFP Valentín Paz Andrade, CIFP Porta da Auga (Ribadeo) e CIFP A Farixa e evidencia a marxinación e a exclusión da que volveu ser obxecto a CIG-Ensino e que levaron a cabo a Administración e CCOO e UGT, como xa acontera con anterioridade nos Consellos Sociais das Universidades.  

A CIG valora positivamente esta sentenza e exixirá á Xunta a súa aplicación inmediata para resolver esta discriminación á que fomos sometidos.

Podes consultar a sentenza na seguinte ligazón

Volver