O profesorado mantén a presión sobre a Consellaría de Educación para que rectifique e negocie melloras reais nas súas condicións laborais

Esta tarde celebráronse concentracións nas sete grandes cidades galegas que desafiaron unha vez máis o mal tempo en defensa da calidade do ensino público

Esta é a segunda das accións programadas neste mes de novembro en loita pola recuperación dos dereitos laborais docentes, despois do éxito das accións de protesta levadas a cabo nos propios centros educativos o xoves pasado e antes da que pretende ser unha manifestación que aglutine a toda a comunidade educativa en Compostela o vindeiro domingo 19. A esta marcha están chamadas a participar, ademais das docentes, as familias e o alumnado dado que sobre todo o tema das ratios é algo que lles afecta directamente, pero tamén a recuperación do horario lectivo, xa que implica maior dotación de profesorado, menor impartición de materias afíns e menos itinerancias, entre outras cuestións.

O profesorado galego volveu saír á rúa esta tarde noite nas 7 grandes cidades galegas en demanda dun Acordo de melloras reais das súas condicións de traballo e do sistema educativo público, após o acordo de renuncias que asinou a Consellaría de Educación cunha minoría sindical. As concentracións celebradas ás 19 horas foron convocadas por CIG-Ensino, STEG e CSIF, que entre as tres organizacións representan máis do 60% do colectivo docente e que seguirán con accións até que a Consellaría rectifique e escoite as necesidades que ten o ensino público. Necesidades que foron verbalizadas no manifesto lido conxuntamente ao remate das concentracións en todas as cidades e que o xoves pasado foron reclamadas con contundencia e cunha gran resposta desde os propios centros, con máis de 330 imaxes nas que o profesorado portou cartaces, pancartas e lemas nas que insistía na baixada de ratios, a recuperación do horario lectivo, a eliminación da burocracia inútil e unhas retribucións dignas e iguais para todo o colectivo.

A seguinte acción será este domingo, 19, cunha gran manifestación nacional que percorrerá as rúas de Compostela saíndo da Alameda ás 12 horas e con finalización na Praza das Praterías na que está chamada a participar toda a comunidade educativa, ademais do colectivo docente, é dicir, familias e alumnado coa intención de sumar nesta loita pola mellora do ensino público aos principais axentes afectados polos recortes nos últimos anos.

Volver