O profesorado galego suspende a Feijóo por incomparecencia ante os problemas do sistema educativo

A CIG-Ensino acusa o presidente da Xunta de estar máis preocupado neste fin de curso por se ía para Madrid que pola situación do ensino público galego.

O sindicato apela directamente a Feijóo a desbloquear as negociacións retributivas e a aplicar unha suba salarial digna para o colectivo docente, a devolver as pagas extras do período 2013-2016, a restituír a xornada lectiva das 18 horas en Secundaria e as 21 en Primaria, a reducir as rateos de alumnado por aula e a carga burocrática nos centros, e eliminar os descontos por enfermar e os ataques ao galego no ensino, a mellorar a atención á diversidade e a transparencia en canto ás vacantes de profesorado e ás afíns, así como a ofrecer unha solución de estabilidade para o persoal interino.

A CIG-Ensino fai avaliación continua da presidencia de Alberto Núñez Feijóo durante este curso académico no que, a xuízo do seu secretario nacional, Suso Bermello, estivo máis preocupado polos seus temas persoais no Partido Popular que por ocuparse da situación do ensino público galego. Dado que nin o conselleiro nin ningunha outra persoa nese departamento ten peso político na Xunta, o sindicato responsabiliza das principais agresións ao sistema educativo ao presidente da Xunta, fundamentalmente no que tivo que ver coa negociación da suba salarial. “Unha farsa desde o comezo que a Consellaría prolongou artificialmente para chegar até finais de curso coa situación bloqueada e da que o único responsable é o propio Feijóo”, apuntou Bermello. 

O final de curso para o profesorado galego, que sufriu moitos máis recortes que o do resto do Estado, está sendo negativo, “polo que nos atrevemos a afirmar que o profesorado galego suspéndeo claramente nas súas funcións”. Finalmente nin se materializou unha suba salarial digna, nin se recuperou o roubado (fundamentalmente as pagas extras do período 2013-2016), nin se eliminaron os descontos por enfermar. En canto ás condicións de traballo, Bermello lembrou que na Mesa de negociación os representantes da Consellaría expuxeron sempre a súa limitación a negociar algo diferente á posición que ocupa o salario dos docentes galegos no ranking do Estado. Neste sentido, lembrou que dous anos antes de que se aprobara o Real Decreto 14/2012 polo goberno central, Feijóo foi alumno avantaxado e xa incrementara a xornada lectiva do profesorado a 20 horas en Secundaria e a 25 en Primaria.  

Avaliación do novo Ministerio 

Ao respecto deste tema, o representante da CIG-Ensino avaliou positivamente a intención manifestada até o de agora pola nova ministra de Educación, Isabel Celaá, de derrogar o decreto que ampliou a 20 horas o horario lectivo en Secundaria e anunciou que na reunión que prevén ter con ela proximamente vanlle trasladar a demanda de que o goberno central non lexisle invadindo as competencias das CCAA. Neste sentido, pediulle que como moito regule as horas máximas de docencia nunca as mínimas e que se garanta que o profesorado non teña que impartir máis horas que antes dos recortes. Por outra banda, e con respecto ao novo goberno do Estado, Bermello instouno a que cumpra o seu compromiso, ao igual que o das forzas parlamentares que posibilitaron a investidura de Sánchez, de derrogar a LOMCE. “Todo o que non pase por unha derrogación sería insuficiente”, apuntou. “Nas declaracións da ministra vemos certa tibieza con temas como o da relixión, non se trata só de que non sexa avaliábel, senón de quitala totalmente do ensino, como xa fixo o Estado francés en 1905”. En calquera caso, a CIG-Ensino agarda poder trasladarlle en breve todas estas cuestións persoalmente aos novos responsábeis do Ministerio na Mesa de Negociación. 

Bermello aproveitou para lembrarlle ás organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial galega a que tomen nota das aspiracións do profesorado galego e esixan unhas retribucións dignas merecentes de tal nome e a negociación urxente da mellora das condicións de traballo, mudando a posición mantida neste final de curso.

Volver