O profesorado galego protesta nos centros na primeira das mobilizacións dun novembro de loita pola recuperación dos nosos dereitos

Ao longo do día foron numerosos os centros que reclamaron melloras reais no tema das ratios, o horario lectivo, a burocracia e as retribucións

As protestas de hoxe, convocadas polos sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF, como punto de partida dunha serie de accións que pasan por concentracións nas grandes cidades, unha manifestación nacional en Compostela e unha nova xornada de folga o vindeiro 28 de novembro se a Consellaría non rectifica reafirmaron o sentir maioritario do colectivo docente, farto de ser desprezado, de non recuperar o horario recortado e de que non se acometa unha baixada de ratios xeralizada en todas as etapas educativas e medidas concretas para reducir a burocracia, á vez que reclaman retribucións xustas e lineais para todo o profesorado independentemente da súa antigüidade ou do cargo que ocupe.

Se por calquera cuestión non puideches facer as fotos no día de hoxe podes enviárnolas igual nos próximos días a galiza@cig-ensino.gal

A CIG-Ensino faise eco destas protestas publicando as imaxes que as compañeiras e compañeiros docentes lle remitiron ao longo do día e anima a todo o persoal do ensino público a seguir participando activamente no resto de mobilizacións con dúas citas importantes a vindeira semana: concentracións nas cidades galegas ás 7 da tarde o martes 14 e unha marcha en defensa do ensino público na que está chamada a participar toda a comunidade educativa (familias e alumnado de todas as etapas educativas) o vindeiro domingo 19 en Compostela. O silenciamento da folga do pasado 24 de outubro polos medios de comunicación controlados polo goberno do PP e a propaganda da Consellaría de Educación non conseguiron calar o profesorado que non parará até conseguir melloras reais nas súas condicións laborais e na atención ao seu alumnado. A CIG-Ensino insta ao conselleiro a tomar nota do malestar e enfado do seu persoal e convocar de novo unha Mesa de negociación na que dea cumprida resposta ás demandas que lle trasladan as tres organizacións sindicais que representan o 60% do colectivo docente. 

Seguimos adiante co novembro de loita!

Lembra, difunde e participa: 

Martes 14-NOV (19 horas) Concentracións nas sete cidades:

A Coruña: Praza Pontevedra

Santiago: Praza Roxa

Ferrol: Edificio da Xunta

Lugo: Edificio da Xunta

Ourense: Xefatura Territorial de Educación

Pontevedra: Praza da Peregrina

Vigo: MARCO

Domingo 19-NOV (12 horas) Manifestación nacional en Compostela (Alameda). 

Haberá servizo de buses, anótate no seguinte formulario

Martes 28-NOV FOLGA XERAL DE PROFESORADO

Volver