O Pleno do Consello Escolar de Galiza rexeita o novo decreto de comedores e aproba devolver o proxecto ao Goberno galego

A CIG-Ensino defendeu a retirada do proxecto e denunciou os métodos antidemocráticos da Consellaría

O Pleno do Consello Escolar de Galiza, reunido hoxe, acordou por 17 votos a favor, 13 en contra e unha abstención, a devolución ao goberno galego do novo decreto de comedores escolares. A CIG-Ensino defendeu a emenda á totalidade coa que solicitou a retirada da proposta de Decreto polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios, porque, entre outras razóns, pon en tea de xuízo a igualdade de oportunidades, vulnera o dereito á educación e o deber de estar escolarizado, elimina o dereito ao comedor escolar gratuíto para o alumnado transportado, non cumpre a función compensatoria, nin moito menos social, e penaliza a poboación do medio rural. Mentres se producía o debate a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrouse diante da sede do Consello Escolar.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao defendeu no pleno do Consello Escolar de Galiza a emenda á totalidade na que se defende a elaboración doutro novo proxecto de decreto que garanta: 

  • O uso gratuíto do comedor escolar a todo o alumnado beneficiario do transporte escolar e daquel cuxa renda mensual familiar non exceda tres veces o salario mínimo interprofesional, no camiño de conseguir  a gratuidade total para todo o alumnado escolarizado en EI e ensino básico.    
  • A habilitación de espazos necesarios en todos os centros públicos para que estes se poidan dotar do servizo de comedor.
  • O dereito, para todo o persoal do centro e alumnado, de poder facer uso deste servizo, garantíndolles unha praza no comedor.
  • O persoal específico, coa cualificación necesaria e con relación laboral coa Consellaría de Educación, para atender o comedor.
  • A xestión e funcionamento de todos os comedores escolares, que dependerán directamente da Consellaría, por medio de persoal específico e cualificado, dependente da mesma.
  • Administrativos para todos os centros que teñan servizo de comedor
  • Instalacións e espazos adecuados en todos os centros públicos de nova creación para garantir a oferta obrigatoria do servizo de comedor. Así mesmo, emprenderanse as reformas e as medidas necesarias para dotar do servizo de comedor a todos os centros  públicos, hoxe  en funcionamento, co obxecto de  garantir as prazas suficientes a todo o alumnado do ensino  infantil e obrigatorio.

Na súa intervención no pleno, a CIG-Ensino denunciou a actuación da Consellaría de Educación por saltarse o procedemento legal que é preceptivo, a negociación deste decreto na Mesa Sectorial. Esta actitude evidenciou, unha vez máis o comportamento antidemocrático e autoritario da Consellaría de Educación que concibe os foros de negociación e participación como un estorbo e non como foros necesarios e fundamentais para buscar o consenso en materias fundamentais como é o caso do comedor escolar.

Volver