O persoal das escolas infantís manifestarase en Compostela na cuarta xornada de folga por un convenio digno

A CIG-Ensino fai un chamamento a toda a comunidade educativa para participar nesta marcha, coa finalidade non só de loitar polos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras, senón tamén para mellorar a calidade nesta etapa educativa

As traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta da etapa 0-3 anos secundarán o cuarto día de folga este mércores, 15 de novembro, en resposta xa non só ao mantemento do bloqueo da patronal á negociación do XIII convenio colectivo, "senón a un novo pulso e provocación irresponsábel coa proposta miserenta e involutiva presentada na última mesa negociadora, que foi rexeitada por todas as centrais sindicais".

As traballadoras volverán reivindicar un convenio digno e salarios xustos coa finalidade de que o próximo día 24 de novembro a patronal cambie o rumbo e desbloquee as negociacións, as cales van camiño de dous anos sen ningún avance.

Logo do éxito das tres primeiras xornadas de folga (convocadas por CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP), nesta 4ª xornada (á que se suman as demais organizacións sindicais da mesa negociadora logo do chamamento á unidade sindical feito pola CIG-Ensino) está convocada unha manifestación unitaria polas rúas de Santiago de Compostela.

A manifestación sairá ás 11:30h. da Alameda pasando por Porta Faxeira, a rúa da Senra, rodeará a Praza de Galiza, pasará pola rúa do Hórreo, rúa das Hortas, Cantón do Toural, praza do Toural e rúa do Vilar (con parada diante da sede da Confederación de Empresarios de Galiza), e rematará na Praza das  Praterías coa lectura dun manifesto por parte das traballadoras do sector.

Volver