O persoal das escolas infantís etapa 0-3 mobilízase nos centros como fase previa ás manifestacións e folgas convocadas neste mes de decembro

Mañá mércores será día de manifestacións nas rúas de Santiago de Compostela e Vigo ás 19h. e na Coruña ás 18:30h., estando convocada toda a comunidade educativa: familias e alumnado.

As traballadoras e traballadores das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, na etapa 0-3, continuaron este luns co calendario de mobilizacións de decembro en demanda dun convenio colectivo digno, con salarios xustos e melloras nas condicións laborais. Ao longo da xornada o persoal protestou de maneira simultánea nos centros de traballo, portando faixas, cartaces e camisolas reivindicativas.

Estas accións reivindicativas serven para quentar motores de cara ás manifestacións e folga convocadas polas organizacións sindicais CIG-Ensino (maioritaria no sector en Galiza), CCOO, UGT e SNEP para este mes de decembro:

Manifestacións mañá mércores 13 en Vigo ás 19h (saída do Marco e chegada á Porta do Sol) e na Coruña ás 18:30h (saída da Praza de Pontevedra e chegada a María Pita) e concentración en Compostela diante da Confederación de Empresarios de Galiza ás 19 horas.

- Manifestación nacional en Santiago de Compostela o sábado 16, con saída da Alameda ás 11:30h., estando convocada toda a comunidade educativa, familias e alumnado, dado que as condicións laborais das traballadoras tamén redundan no servizo que se pode prestar ás crianzas, sobre todo no referente a ratios, cobertura de libranzas ou baixas...

- Folga convocada para o martes 19 de decembro, na que tamén están previstas manifestacións en Vigo e A Coruña, con saídas ás 11:30, do Museo Marco e da Praza de Pontevedra, respectivamente.

Estas mobilizacións afectan a todas as escolas infantís privadas e as de xestión indirecta (na súa maioría de titularidade municipal) da etapa 0-3 anos. En Galiza hai máis de 200 escolas e máis de 2000 traballadoras e traballadores regulados por este convenio colectivo, de ámbito estatal.

As negociacións do convenio iniciáronse hai máis dun ano e medio, pero neste tempo, con 13 mesas negociadoras foi imposíbel avanzar nun acordo a causa do inmobilismo e do involucionismo das patronais, que se negan a asumir melloras laborais (mesmo propoñendo recortes nas mesmas), así como uns incrementos que permitan recuperar o poder adquisitivo e garantir uns soldos dignos e xustos para o persoal, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas. Neste sentido hai que subliñar que actualmente as táboas salariais do convenio, conxeladas dende 2021, xa se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) na maioría das categorías.

A este respecto, denuncian as traballadoras que, unha vez máis, as patronais manteñan esta actitude irresponsable na última mesa celebrada o 1 de decembro, sen facer novas propostas, sobre todo despois das mobilizacións levadas a cabo. Pero tamén, se reafirman no convencemento de que non van parar as accións de protesta até acadar o obxectivo marcado dun convenio digno con salarios xustos. De aí estas novas mobilizacións na liña de seguir presionando ás patronais de cara á próxima mesa negociadora do 18 de decembro. Empresas que amosaron nerviosismo, preocupación e diferezas entre elas na última mesa de negociación, o que confirma que a loita é o único camiño para avanzar en dereitos laborais, como sempre defendeu a CIG-Ensino.

Volver