O Ministerio, nunha nova mostra de improvisación, pretende unificar todos os procesos de concurso excepcional

A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría que antepoña os dereitos do profesorado galego fronte ás preferencias dalgunhas CC.AA. por aforrar trámites administrativos

O Ministerio de Educación e Formación Profesional volve a facer gala de  improvisación ao presentarlle aos sindicatos e ás Comunidades Autónomas  (por petición dalgunhas destas), un documento no que propón regular o concurso de méritos excepcional derivado da Lei 20/2021 mediante un único proceso unificado e controlado polo propio MEFP, seguindo un procedemento similar ao que existe para o concurso xeral de traslados, no que as persoas participantes presenta unha única instancia e poden solicitar destinos en todo o Estado.

Esta proposta véndese polo Ministerio como unha medida favorecedora dunha maior simplicidade no proceso de participación, mais en realidade a proposta o que pretende é solventar os problemas que terían trasladado algunhas administracións ante o que sen dúbida será unha moi elevada participación.

A situación do futuro concurso excepcional non pode compararse coa xestión  do concurso de traslados, porque neste caso existe unha normativa básica común para realizalo obrigatoriamente baixo o control informático do Ministerio. Primeiro, o CXT réxese por un Real Decreto e unhas ordes procedementais que o desenvolven anualmente. Nada disto existe no caso do concurso excepcional. Chama poderosamente a atención que o MEFP veña de mudar o RD 276/2007 de acceso e que sexa a estas alturas cando lle “acorde” facer esta proposta. De feito o propio documento xa confirma que só se podería levar adiante se existe “unanimidade” das CC.AA..

A CIG-Ensino pregúntase: desde cando as normas dun proceso selectivo se toman por “acordos” das administracións sen cobertura legal?

Desde a CIG-Ensino instamos á Consellaría a que non asuma decisións que poidan poñer en risco a convocatoria e que prime a situación da que partimos en Galiza, moi diferente á do resto do Estado:

  • distintas “velocidades” que levan as comunidades autónomas nas convocatorias ordinarias de oposicións,
  • o propio marco temporal que fixa a Lei para ter rematados os concursos no 2024, cando a Consellaría se comprometeu a acelerar todos os trámites para poder rematar no 2023,
  • as diferentes dimensións dos procesos pola enorme diferenza de porcentaxe de persoal interino existente
  • a propia existencia dun perfil lingüístico propio co requisito do noso idioma para concorrer ao proceso.

Por iso, demandamos da Consellaría que dea prioridade aos dereitos do persoal interino galego sobre as necesidades administrativas dalgunhas comunidades autónomas e que, antes de tomar ningunha decisión, negocie a posición a tomar na Mesa Sectorial galega.

CIG
A CIG-Ensino trasládalle á Consellaría a preocupación que xa amosamos na Mesa estatal pola aplicación estrita do baremo das oposicións do RD sen que se poidan introducir modificacións que consideramos que, ben con carácter xeral nalgúns casos, ou ben para determinadas especialidades, podería ser máis acaído para a realidade do profesorado interino galego. Neste sentido instamos á administración galega que fixe unha posición favorábel a esa marxe de actuación fronte á determinación que o MEFP xa constata no documento de que o baremo non poida ter cambios. 
Documento remitido polo MEFP

Volver