O Goberno prevé aprazar ao 2015 o requisito da formación pedagóxica para o profesorado de FP que non pode acceder ao mestrado

Terán o requisito de formación pedagóxica e didáctica ao que se refire o proxecto de orde quen acredite que, con anterioridade a setembro de 2014, impartiu docencia dous cursos académicos completos

O Consello Escolar do Estado vén de ditaminar un proxecto de orde que, tal é como demandaba a CIG-Ensino, apraza ata setembro de 2015 a data na que se lle exixirá para impartir docencia nas ensinanzas de FP a certificación da formación pedagóxica e didáctica ao profesorado que, estando en posesión de unha titulación declarada equivalente a efectos de docencia, non poida realizar os estudos do mestrado. No caso dos títulos de ensinanzas deportivas que se establezan con posterioridade a esta orde, este requisito esixirase pasados dous anos do establecemento do titulo da modalidade ou especialidade correspondente.

Ademais terán o requisito de formación pedagóxica e didáctica ao que se refire a orde a quen acredite que, con anterioridade a setembro de 2014, impartiu docencia dous cursos académicos completos ou dous ciclos de ensinanzas deportivas completos, ou no seu defecto, doce meses en períodos continuos ou discontinuos en centros públicos ou privados de ensinanza regulada debidamente autorizados nos niveis e ensinanzas correspondentes.

No seu ditame o Consello Escolar do Estado recoméndalle tamén ao Goberno que  retrase a esixencia de contar co certificado do nivel B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, requisito previo para poder cursar os estudos regulados nesta orde, até despois de que as ensinanzas sexan implantadas e non a data de 1 de setembro de 2014, como figura actualmente.

Ligazón ao borrador

Volver