O estudantado galego parou masivamente contra a LOMCE

A convocatoria contou co apoio da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG

As organizacións estudantís convocantes da folga contra a LOMCE, entre as que se atopan a Liga Estudantil Galega e os Comités, califican a xornada de loita do 6-F como un completo éxito, atinxindo un notábel seguimento nos centros públicos de secundaria e bacharelato de todo o país. A CIG participou na convocatoria como integrante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que apoiou a xornada de loita e participou activamente nas manifestacións que se desenvolveron nas diferentes cidades.

(Galería de Imaxes I - Galería de Imaxes II - Video explicativo sobre a LOMCE)

Non se lembran mobilizacións tan masivas e con tanto apoio desde a loita contra a LOU, a comezos da década pasada, e que teñen repuntado nos últimos meses a raíz da ameaza regresiva que pretende o goberno español. A reforma plantexada polo ministro de Educación, a Lei Orgánica de Mellora do Sistema Educativo (LOMCE) logrou poñer dacordo a alumnos, pais e nais e profesorado, que a través da mobilización tentan frear as pretensións privatizadoras, elitistas e desgaleguizadoras do Partido Popular.

Desta volta, as e os estudantes lograron paralizar o ensino público, tanto en secundaria como en bacharelato, acadando manifestacións multitudinarias nas principais cidades e vilas do país, ás que tamén se sumaron os e as universitarios/as en cidades como Compostela e Vigo. Ao berro de "non á lei Wert", os colectivos estudantís chamaron á mocidade a continuar a loita "até que o goberno retire esta lei". Pola súa parte, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público tamén vén organizando diferentes charlas e actividades para por de relevo as graves regresións que suporá este proxecto, se finalmente sae aprobado.

Postura da CIG-Ensino

Para a CIG-Ensino, que participou nas mobilizacións para frear a aprobación da LOMCE, esta lei nace co obxectivo do PP de avanzar na privatización do ensino, na súa españolización e confesionalidade.

"Ademais é un lei antipedagóxica e reaccionaria que se pretende aprobar sen o consenso da comunidade educativa e que liquidará a igualdade de oportunidades e o dereito o ensino aos sectores sociais con maiores dificultades e menos recursos", explicou Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino.

Louzao denunciou tamén a actitude do Conselleiro de Educación que en lugar de exercer como a maior autoridade educativa galega, acepta de maneira submisa e sen queixa algunha a invasión das  competencias que ten o Goberno galego que suporá a aprobación desta lei orgánica, xa que senta as bases para uniformar contidos e converter en residual a presenza do galego no ensino.

"A LOMCE establece un modelo de ensino que aposta polo descoñecemento do galego e que incluso garante que a Administración sufrague os gastos en centros privados do alumnado que non se queira escolarizar no noso idioma", engadiu.

A CIG-Ensino esíxelle ao ministro que retire o anteproxecto de LOMCE por non responder ás necesidades reais dun ensino laico, democrático e galego

Volver