O Ensino Público non pode soportar máis recortes

As propostas do Ministerio atentan contra a calidade e a igualdade de oportunidades, poderían supor a perda de máis de 2.000 postos de traballo de profesorado interino e substituto e o aumento do fracaso escolar

A CIG-Ensino esixiulle esta mañá ao conselleiro do Educación en rolda de prensa que non traslade a Galiza os recortes propostos polo Ministerio de Educación. O seu secretario nacional, Anxo Louzao, lembrou que o ensino galego xa leva dous anos de recortes e de restricións e que as medidas anunciadas atentan contra a calidade do ensino, incrementan o fracaso escolar e supoñen un ataque mortal a un servizo público esencial “piar básico para a cohesión social”.

Unha das consecuencias inmediatas, no caso de aplicarse, podería ser a destrución de máis de 2000 postos de traballo que se virían sumar aos 2.500 que se perderon desde o ano 1999, e o empeoramento das súas condicións laborais e profesionais. Galiza, lembrou, xa foi pioneira na aplicación de recortes e a Xunta “leva dous cursos desmantelando o ensino”. Neste tempo destruíronse 176 unidades no ensino público, recortáronse 425 millóns de euros desde 2009 e 3.000 prazas no ensino público.

Anxo Louzao engadiu que estas propostas desterran a igualdade de oportunidades e a educación inclusiva. A masificación das aulas impedirá, sinalou, unha atención personalizada e individualizada,  ao elevarse a ratio de alumno/a por aula, un 20%, de 25 a 30 en Educación Infantil e de 30 a 36 en Secundaria.  “O profesorado non vai poder atender ao alumnado con necesidades especiais. Son medidas encamiñadas a garantir a escolarización pero non o proceso ensino-aprendizaxe e a igualdade de oportunidades”, dixo. Aumentarán, advertiu, o abandono temperá que, no Estado español, xa está 15 puntos por riba da media europea. Neste sentido Louzao lembrou que o PP, por exemplo, levaba no seu programa electoral o compromiso de reducir estas ratios a 15 alumnos/as por aula en Educación Infantil.  

O secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que esta actuación do Ministerio é unha clara invasión de competencias que xa denunciaron responsables de outras comunidades. “Preocúpanos moito a actitude do conselleiro de Educación -engadiu- cómplice, submisa e partidaria. Actúa máis como militante do PP que como máximo responsable da autoridade educativa”. Por esta razón demandoulle que asuma as súas responsabilidades e faga fronte a estas medidas do Goberno central.

En canto ao a profesorado, á destrución de postos de traballo, nestes dous anos sumouse o recorte dos salarios nun 5% e nas pagas extras nun 30%, ademais da desaparición das licencias por estudos e da redución da achega para formación. Ademais, Anxo Louzao lembrou que nos centros galegos xa non se están cubrindo as baixas inferiores a dez días e que xa se incrementaron de 21 a 25 as horas lectivas a impartir polo profesorado en Educación Infantil e Primaria e ata 20 horas en Secundaria, segundo as necesidades do centro.

Por outra banda explicou que a supresión de Ciclos Formativos e de Bacharelatos –preténdese que só exista a obriga de impartir por centro 1 de 3- abocará ao alumando “a ter desprazarse sen becas” para poder estudar.

O secretario nacional da CIG-Ensino concluíu a súa comparecencia cualificando esta batería de medidas “como unha actuación gravísima contra un servizo básico e fundamental. Esixímoslle ao conselleiro que cumpra a súa palabra -cando declarou publicamente que ao profesorado xa se lle pediran sacrificios suficientes- e que, baixo ningún concepto, aplique máis recortes”. E lembrou, fronte este novo ataque ao ensino público, o Ministerio non propón ningunha medida para reducir os concertos educativos. A achega da Consellería de Educación aos centros concertados, 247 millóns no 2012, que nos niveis non obrigatorios suma 14 millóns de euros en FP e 37 en Educación Infantil.

Volver