Nunha reunión co ministro de Educación a CIG-Ensino rexeita a nova reforma educativa

No interior da nova podedes ver a proposta do ministerio

Nunha reunión á que foi convocada a CIG-Ensino co ministro de Educación, José Ignacio Wert, e que se celebrou na tarde de onte en Madrid, o seu Secretario Nacional, Anxo Louzao, trasladoulle ao ministro o rexeitamento da CIG-Ensino á reforma educativa anunciada polo PP. En palabras de Anxo Louzao é un “desatino tanto desde o punto de vista social, como pedagóxico e para a defensa do ensino público”. O ministro avanzou un calendario de aprobación e comprometeuse a enviar, no prazo de dez días, as bases do borrador. A súa intención é presentar o primeiro borrador en outubro e aprobar a reforma no curso 2012-2013.

A proposta do ministerio (ligazón) expulsará do sistema educativo en idade temperá a unha parte importante do alumnado

Unha das propostas é a de introducir unha nova revalida para a  avaliación do alumnado en cada un dos niveis educativos. “A proposta do Ministerio supón unha desconsideración absoluta co profesorado xa que o seu traballo queda en tela de xuízo na medida en que desaparece a avaliación continua e as cualificacións finais dadas polo docente”, explica. Para a CIG-Ensino o establecemento desta revalida ao final de todas as etapas educativas (Primaria, Secundaria e Bacharelato) reponde a unha visión totalmente clasista e elitista da educación, mesmamente en niveis non obrigatorios, que afonda na exclusión dos sectores sociais máis desfavorecidos.   

“A reforma está pensada como unha carreira de obstáculos, que inicia a segregación do alumnado desde 2º da ESO, curso no que se poden iniciar os programas de cualificación profesional incial. Incrementará o fracaso escolar, expulsará do sistema educativo a parte do alumnado e desterra a igualdade de  oportunidades”, engade Louzao que lembra tamén que en 3º da ESO o estudante terá que decidir  se orienta os seus estudos á FP ou ao Bacharelato. “Promóvese a segregación a través da elección de itinerarios de maneira temperán, e sen posible retorno, co obxectivo de reducir ao máximo o alumnado que cursa estudos Bacharelato e reforzar o ensino privado concertado. Crearanse centros de  elite mediante a especialización curricular e seguramente se amplíen os concertos ao Bacharelato ”, sinala.

Ademais a CIG-Ensino advirte que baixo a denominación de “autonomía dos centros” preténdese facer un ranking de centros educativos en función dos resultados do alumnado sen considerar o contexto socioeconómico e as súas carencias. Os resultados serán tidos en consideración para a dotación de recursos e poden chegar a terse en conta incluso para fixar as retribucións do profesorado. Tamén se pretende eliminar ou reducir a carga lectiva de certas materias, entre as que non se atopa a relixión. Pártese da visión da Educación como competición e ademais preténdese xestionar os centros como empresas. Baixo a afirmación de profesionalizar ás direccións agáchase e eliminación da xestión democrática dos centros e a elección de directores.

En definitiva  trátase dunha reforma educativa que suporá unha maior privatización, maior centralización e que está pensada única e exclusivamente para o alumnado que non amosa dificultades na súa aprendizaxe. Suporá maior fracaso escolar e expulsará do sistema educativo en idade temperá a unha parte importante do alumnado.

Volver