Nova xornada de protestas na área pública contra os recortes laborais e salariais e na defensa dos servizos públicos

As organizacións sindicais animan a participar masivamente nas manifestacións convocadas para HOXE, luns 30 de xullo, nas sete cidades

O persoal ao servizo das administracións públicas volveu manifestar o seu rexeitamento aos recortes impostos polo PP con concentracións, manifestacións e accións de protesta nos distintos centros de traballo de todo o País. Dende as organizacións sindicais realizouse un chamamento a toda a cidadanía a participar de xeito multitudinario nas mobilizacións convocadas para a tarde de hoxe luns, 30 de xullo, nas sete cidades galegas.

Un xoves máis, miles de traballadores e traballadoras ao servizo das administracións públicas amosaron o seu total rexeitamento as medidas impostas polo goberno do PP, que suporán un retroceso nas condicións laborais, salariais e sociais non só dos empregados/as públicos, senón do conxunto da cidadanía. Dende a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) advírtese que as medidas recollidas no Real Decreto Lei 20/2012 favorecen a destrución de emprego e dos servizos públicos e están feitas exclusivamente para rescatar á banca, verdadeira causante desta crise.

Para a CIG é obvio que o conxunto de medidas do PP teñen como obxectivo último desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público, xa que non se está só a falar de reducir salarios ou eliminar pagas extra senón tamén de destruír emprego reducindo a administración e, polo tanto, eliminando os servizos que até o de agora esta prestaba para provocar a súa privatización.

Ademais, as medidas aprobadas polo goberno de Mariano Rajoy supoñen tamén un ataque frontal contra a negociación colectiva, arma fundamental para a defensa e mellora das condicións laborais e sociais dos traballadores e traballadoras, eliminando na práctica, mediante decreto lei, a forza vinculante dos convenios e derrogando o Estatuto Básico do Empregado Público.

Horarios e lugares das manifestacións do día 30 de xullo

Fronte a todas estas medidas, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT, CSI•F, CESM, OMEGA, SATSE, USAE, ANPE, STAJ, CEP, SUP, UFP, AUGC, UniónGC, CGT e USO fixeron unha chamada a participar nas manifestacións convocadas para o luns 30 de xullo:

- A Coruña, saída ás 19:30 horas dende a Praza de Pontevedra

- Ferrol, saída ás 20:30h dende a Praza de España

- Santiago de Compostela, saída ás 20:00 horas da Praza Roxa.

- Lugo, saída ás 20:00 horas dende o Edificio administrativo da Xunta.

- Ourense, saída ás 20:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.

- Pontevedra, saída ás 20:30 horas dende a Praza da Ferreiría.

- Vigo, saída ás 20:30 horas dende a Vía Norte.

Galería de imaxes das mobilizacións

Volver