Nova parada do Correlingua en Pontevedra e Moaña antes de coller folgos para rematar a semana en Compostela

O bo tempo acompañou dúas xornadas máis de festa e reivindicación polo dereito a vivir, medrar e aprender en galego.

Seguen as actividades do Correlingua. O mércores, 23 de maio, foi a quenda de Pontevedra. Unha cidade que acolleu con sol e bo ambiente a participación dun total de 20 centros tanto do concello da capital de provincia, como de Soutomaior, Portas, Vilaboa, Pontecaldelas e Poio. O xoves 25 foi Moaña a vila que acolleu esta edición no Morrazo coa presenza doutros 20 centros, neste caso, ademais do concello anfitrión, procedentes de Cangas e Bueu. Alumnado, profesorado e artistas convidados fixeron que esta actividade se convertera nunha oportunidade para amosar o orgullo de usar a nosa lingua en todos os contextos, dentro e fóra das aulas.

O Correlingua non para. Esta semana concentrou centos de rapaces e rapazas participantes con actividades en distintas vilas e cidades. O mércores e o xoves foi o turno de Pontevedra e Moaña respectivamente. Na primeira cidade dividiuse o percorrido en dúas etapas simultáneas para facilitar que o alumnado máis pequeno puidera ir ao seu ritmo. As dúas marchas confluíron na Alameda onde tivo lugar a festa final, onde, baixo a batuta de Fran Rei se foron sucedendo as distintas actuacións, neste caso protagonizadas polo dúo As Monchas, a lectura do manifesto deste ano, a intervención do alcalde, a entrega de diplomas e mesmo unha solta de globos como traca final. 

Nesta edición participaron os seguintes centros: CEIP A XUNQUEIRA 2 - CEE PONTEVEDRA - CEIP PRAZA DE BARCELOS IES A XUNQUEIRA 1 – CEIP PARADA CAMPAÑÓ - CEP CAMPOLONGO – CEIP MANUEL VIDAL PORTELA – CEIP SAN MARTIÑO - CEIP SANTO ANDRÉ DE XEVE - IES LUÍS SEOANE - IES FREI MARTÍN SARMIENTO - CEIP DARÍA GONZÁLEZ GARCÍA - CEP MARCOS DA PORTELA (todos eles de Pontevedra); CPR SANTIAGO APOSTOL (Soutomaior); CPI DOMINGO FONTÁN (Portas), CPI DO TOURAL (Vilaboa), o IES de Pontecaldelas e o CEIP ISIDORA RIESTRA - CEIP ESPEDREGADA e o IES DE POIO, deste último concello.

Pola súa banda, en Moaña xuntáronse tamén centos de nenos, nenas e rapazada procedentes doutros 20 centros dos tres concellos do Morrazo. Alumnado de Infantil moi activo participou con xogos mentres non se iniciaba a actuación, tamén neste caso do grupo As Monchas, e o espectáculo conducido por Isabel Risco. A festa, que tivo lugar no Palco da Xunqueira contou coa lectura do manifesto a cargo de estudantes do IES as Barxas e IES Paralaia, ambos centros de Moaña. Mais a xornada que organiza desde hai 21 anos A Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG e a CIG-Ensino para, dunha forma lúdica e vinculando o galego co lecer e coa nosa música e cultura, esixir o dereito das crianzas a medrar e a usar o noso idioma con normalidade contou coa presenza doutros 18 centros: IES DE RODEIRA - IES MONTE CARRASCO - CEIP do Hío - CEIP PLURILINGÜE DA ESPIÑEIRA - CEIP P. SAN ROQUE DE DARBO - CEIP A RÚA - CEIP P. Do Castrillón - Colexio Compañía de María - CEIP A PEDRA - Ceip da Torre Cela - CEIP PLURILINGÜE MONTEMOGOS - CEIP Seara - CEIP Plurilingüe Domaio - Ceip Reibón - Ceip Abelendo - EEI de Verducedo - Ceip A Guía - EEI do Con - Ceip Plurilingüe Tirán - CEIP QUINTELA.

O venres, para rematar a semana, parada en Compostela con saída e chegada á Alameda nun día no que se prevé que o bo tempo siga acompañando.

Volver