Na mesa sectorial tratáronse as ordes de concurso de traslados de mestres, secundaria, inspección e específico de orientación

Mesa Sectorial 27-11-08

Na mesa sectorial tratáronse as ordes de concurso de traslados de mestres, secundaria, inspección e específico de orientación. Estaba previsto tratar o concurso do profesorado de relixión, mais quedou aprazado para o vindeiro xoves día 4 de decembro en que se volverá celebrar a mesa para tratar este punto, rematar o referente ao decreto de atención á diversidade e temas varios. Informouse tamén sobre a Resolución de concurso de Cátedras.
Mesa sectorial 28-11-08
CONVOCATORIA
DE
CONCURSOS DE TRASLADOS 2008
                          
O primeiro que se comentou na Mesa Sectorial foi que o prazo para a entrega de solicitudes para o concurso de traslados sería do 15 de decembro ao 2 de xaneiro. Ante este anuncio, desde a CIG-Ensino, fixemos unha enérxica crítica, chegando a manifestar que era pouco menos ca unha tomadura de pelo, despois de ter dado pasos adiante e atrás respecto de a que prazas se podía concursar. Para a CIG-Ensino, é inadmisíbel que se estabeleza este prazo e exiximos á Consellaría que reclamase a súa modificación. Desde a Consellaría, aceptaron a nosa proposta  e manifestaron que solicitarán a modificación do prazo; de feito, xa solicitaran que este rematase o día 20 de xaneiro, mais o MEC decidiu estabelecer o prazo do 15 ao 2 de xaneiro. Desde a Consellaría, tamén manifestaron que non ven moitas posibilidades de acadar unha modificación pola postura doutras comunidades.
 
Froito deste debate, a Consellaría manifestou que tentarán publicar a convocatoria do concurso o día 5 de decembro e, a partir dese día, habilitarán a aplicación informática para poder cubrir a solicitude, aínda que as instancias impresas non se poderán presentar por rexistro até iniciado o prazo (15 dec.). Ademais, como o ano pasado, enviarán a instancia ás persoas que concursaron para que a presenten asinada se non teñen que realizar ningunha modificación.
 
Neste concurso, os funcionarios de carreira do corpo de mestres/as (polo tanto, os funcionarios e funcionarias que aprobaron a oposición en 2007) poderán concursar pola especialidade pola que opositaron, por todas para as que estean habilitados/as e por Primaria. É dicir, finalmente o MEC aceptou a proposta da CIG e esta vén reflectida na convocatoria galega.
 
A orde marco do concurso de traslados publicarase o 3 ou 4 de decembro.
 
A CIG-Ensino manifestou a súa crítica aos retrasos e aos vaivéns que deu o MEC  e demandamos que se inicien negociacións para elaborar un novo Decreto de Concurso de traslados. Desde a CIG-Ensino, manifestamos a nosa crítica a que unha norma de ámbito estatal condicione completamente a convocatoria do concurso galego, mesmo nos seus prazos. Xa é hora de que cada territorio poida estabelecer os seus propios prazos de convocatoria.
 
Propostas da CIG-Ensino para todos os concursos:
  • Que se coñeza e se negocie a rede de orientación que, neste momento, non coñecemos e é un requisito imprescindíbel para poder concursar a estas prazas.
  • Que se acredite o coñecemento e a competencia en lingua galega en todas as especialidades e convocatorias. O lóxico é pedir competencia a todo o profesorado, entre outras cuestións, porque no Decreto 124 se recolle que os centros poderán estabelecer outras materias a ser impartidas en galego. (Non se acepta, din que aplican escrupulosamente o que di o Decreto e que só van recoller as materias que se nomean expresamente).
  • Pode levar a confusión a explicación de que as secretarías dos centros non son oficinas para presentar documentación, segundo a Lei 30/1992. Debe recollerse que só para efectos do CT as secretarías dos centros deben facer esa función. A alta participación que se vai dar neste CT pon en evidencia, unha vez máis, a urxencia de dotar de administrativos/as os centros de Primaria e Infantil. (Aceptada, van mellorar a redacción).
  • Permitir que nos días previstos para emendar erros se poidan rectificar códigos de zona, localidade, etc.
  • Solicitamos que se arbitre o procedemento para que o profesorado que participe en máis dun concurso, soamente, presente a documentación unha vez.
  • Que se compatibilice o dereito preferente co dereito de retorno.
  • Demandamos que os profesores ou profesoras que actúen na comisión de baremación sexan elixidos a sorteo (en Secundaria non se recolle) e que a inspección educativa non forme parte destas comisións, tamén en Primaria. (Aceptan elixir por sorteo o profesorado participante nas comisións de baremación) .
  • Reclamamos a presenza das organización sindicais nas comisións en que se revisen as reclamacións. (Aceptan esta demanda para as reclamacións á baremación subxectiva, mais  non á obxectiva da que si darán información).
  • No caso da excedencia por coidado de fillo, que se manteña a reserva do destino durante tres anos. (A Consellaría dinos que isto é o que están facendo, porque así interpretan a norma, mais non van recollelo).
 
VACANTES:

  • Desde a CIG-Ensino viñemos reclamando que se negociasen as vacantes en todas as Xuntas de Persoal, pois, até agora, non se negociaban nin en Pontevedra, nin na Coruña. A CIG-Ensino mesmo presentou formalmente por escrito esta reclamación (ver escrito) e, froito destas demandas, a Consellaría fixo unha xestión diante das Delegacións de Pontevedra e A Coruña para que así se fixese. Neste momento, entregáronsenos as vacantes de Primaria e agardamos que se nos entreguen as de Secundaria. En todo caso, a CIG-Ensino volveu insistir na necesidade de que haxa un compromiso firme de negociación das vacantes nas Xuntas de Persoal de cada provincia antes da súa publicación, tendo en conta as xubilacións anticipadas, as vacantes existentes e o acordo de cadros de persoal de 8 de xuño de 2006 asinado por nós.
  • Así mesmo, reclamamos que as vacantes provisionais se publiquen antes de finalizar o período de entrega de solicitudes e as definitivas antes de que se publique a resolución provisional, recollendo todas as vacantes que se xeraron por xubilación e evitando que se produzan as enormes diferenzas entre os listados provisionais e definitivos que se produciron o ano pasado. (A Consellaría comprometeuse a remitir ás Organizacións Sindicais a proposta de vacantes definitivas antes da publicación da resolución provisional).
  • Ofertar todas as vacantes de mestres do primeiro ciclo de ESO. (A Consellaría di que non ten problema en ofertar estas prazas, sempre que sexan solicitadas, teñan horario completo e non haxa profesorado sen horas no centro. Din, tamén, que moitas das vacantes non se veñen ofertando porque ninguén as solicita).
 
DATAS:
  • Que se unifiquen todos os prazos de convocatoria e se estabeleza o prazo de reclamación en dez días hábiles. Porén, considerando as datas en que finalmente se pode celebrar o concurso, entendemos que o concurso á xefatura dos departamentos de orientación terá que retrasarse, porque cómpre que se nos entregue unha nova relación de vacantes en que se asignen departamentos de orientación completo en todos os centros con 12 ou máis unidades e un orientador compartido nos centros de menos de 12 unidades.
 
BAREMACIÓN: 
Para a CIG, os concursos están cargados de meritocracia, servizos á administración, cargos directivos, condición de catedrático; todo iso debería ser eliminado. Para a CIG-Ensino, o concurso de traslados debería fundamentarse na puntuación por antigüidade no centro e no corpo. Mais, mentres existan as puntuacións subxectivas, entendemos que se debe puntuar a todos, tomando como referencia a Orde de acción titorial, todas as coordinacións e dinamizacións (biblioteca, TICs, convivencia, etc.)  
  • Na baremación, solicitamos unha actualización dos criterios empregados, a súa publicación como Circular aos centros así como na páxina web e a súa unificación entre todas as comisións, especialmente no relativo ás publicacións.
  • Engadir, dentro da temática dos cursos de formación e perfeccionamento, as de contido transversal, cultura galega, etc. (Aceptado)
  • Estamos en desacordo con que os cargos directivos, outras coordinacións e o desempeño de cargos só puntúen cando se desempeñan como funcionarios/as de carreira. Deben considerarse tamén os que se desempeñan desde a condición de interino/a ou funcionario/a en prácticas.
  • Certificación de oficio da puntuación por cargos directivos e coordinación, incluíndo interinos/as e funcionarios/as en prácticas.
 
OUTRAS CUESTIÓNS:
  • Explicitar que os concursantes que participaron en anos anteriores, só teñen que achegar os novos méritos.
  • Que se elimine a obrigatoriedade de presentar o certificado editorial para as publicacións ou certificación das organizacións públicas para as publicadas por elas. (A Consellaría, entendendo a nosa petición, dixo que non podían modificala por mor de que estaba recollida na norma básica de Concurso de traslados).
  • Dereito de concorrencia en todos os concursos. (Aceptan que se recolla na convocatoria do curso que vén).
  • Expresar claramente que hai que entregar unha copia da instancia no rexistro.
 
 
Concurso de traslados entre funcionarios do corpo de mestres
Propostas da CIG-Ensino para engadir á convocatoria, a maiores das realizadas con carácter xeral para todos os concursos.
  • Revisar o catálogo publicado para ofertar todas as vacantes que teñen que saír como consecuencia do acordo de catálogos de 8 de xuño que asinamos e que se creen todas as unidades en funcionamento.
  • Agardamos que se produza unha importante oferta de vacantes, considerando, entre outros, o acordo asinado para o incremento dos catálogos.
  • Que se supriman os méritos polo exercicio de cargos directivos e traballos na administración, no sentido de rematar coa meritocracia do concurso de traslados.
  • Demandamos que o dereito preferente sexa obrigatorio exercelo soamente pola especialidade que se obtivo por oposición e, polo tanto, que non haxa que exercelo por todas as especialidades para as que se está habilitado.
  • Reiteramos a nosa demanda de que a folla de servizos se peche o 31 de agosto de 2009.
  • Que se revise a relación de postos de difícil desempeño polos que se pode puntuar no concurso e que están sen revisar desde 1990, recollendo os postos dos centros penais. Neste sentido, a CIG-Ensino xa presentou un escrito (ver escrito). (Comprometéronse a convocar unha mesa a primeiros do 2009 para revisar a relación de postos de difícil desempeño).
  • Que se poidan solicitar até 500 destinos, como hai dous anos. (Din que hai impedimentos técnicos para efectivizar esta petición por parte do MEC).
  • No apartado de “outros méritos” (cargos directivos...), é totalmente inaceptábel que pase de valorarse cun máximo de 10 puntos, igual como se viña facendo até agora, a 15 puntos. (Aceptado).
  • Deben recollerse os méritos artísticos e que se teñan en conta en primaria como se fai en secundaria.
  • Non se lles debe outorgar puntuación aos directores/as de agrupación de lingua e cultura españolas (g.1.1.)
  • De existir o apartado g.1.3. que se puntúe Que se valoren tarefas como as titorías e Xefaturas de Orientación, o/a responsábel de biblioteca, de convivencia, titores/as, todos/as os/as responsábeis de dinamización, etc.
  • Supresión do apartado g.1.4 referido ao desempeño de postos na administración.
  • Propomos que os destinos forzosos só se adxudiquen pola especialidade á que se accedeu.
 
Concurso de traslados específico entre os funcionarios de carreira do corpo de mestres para cubrir prazas de xefatura de Departamento de Orientación nos CEIP e CEP:
 
  • Demandamos que se negocie a rede de orientación e un novo decreto para recoller, entre outros aspectos, a esixencia da licenciatura en Pedagoxía, Psicoloxía ou Psicopedagoxía.
  • Reclamamos que se cumpra o recollido no acordo de 8 de xuño e na circular 18/2007, e que todos os centros de 12 unidades (contando as unidades de todos os niveis educativos) estean dotados de Departamento de Orientación.
  • Solicitamos a rede de orientación. Deben dotarse cun DO todos os centros con 12 unidades (infantil e primaria), é dicir reclamamos que se cumpra o recollido no acordo de 8 de xuño e na circular 18/2007, e que todos os centros de 12 unidades (contando todas as etapas educativas) estean dotados de Departamento de Orientación.
  • Estamos en desacordo coa corrección realizada sobre o catálogo e mediante a cal varios centros pasan a ter o seu orientador ou orientadora compartida con outro centro, cando o tiña que ter a tempo total. (Esta cuestión será revisada nunha reunión específica).
  • Por outro lado, cómpre racionalizar os criterios de compartición de centro e nos casos en que un/unha orientadora comparta dous centros non debe superar as 12 unidades. Hai prazas nas resultas que superan con moito este número.  
  • A Consellaría ten que facilitar a relación de centros adscritos a cada centro e non adxudicar as prazas sen que se saiba que centros teñen adscritos.
  • Hai un erro na disposición adicional primeira, onde di “autonómico” debe dicir “estatal”. 
  • Peche da folla de servizos a 31 de agosto de 2008.
  • Baremo: Consideramos que debe diferenciarse a coordinación de orientación da Xefatura de departamento, considerando que non se realizan as mesmas funcións, por exemplo, outorgando un punto máis para os que exerceron a Xefatura do Departamento de Orientación.
  • Rexeitamos a ampliación a 15 puntos, en lugar de 10, tal como viña sendo até agora, no apartado referente aos cargos directivos e outros méritos. (Aceptado, trátase dun erro de transcrición)
  •  Prazo: queda pendente de estabelecer, unha vez que se revise a oferta de vacantes.
        
 
Concurso de traslados para funcionarios docentes do corpo de Secundaria
Propostas da CIG-Ensino a engadir á convocatoria, a maiores das realizadas con carácter xeral para todos os concursos.
  • Non se recolle a valoración da coordinación do ENL. (Admiten que é un erro e vano corrixir).
  • Que o dereito preferente se exerza só pola especialidade pola que se accedeu.
  • Solicitamos que se recolla o dereito de concorrencia.
  • Que se valore o grao de doutor como tal sen asocialo a unha licenciatura concreta e que se recolla a valoración da tesiña no caso das persoas que non obtiveron o doutoramento. Ademais, que se baixe a puntuación da tese a 2,5 puntos, por exemplo, e a tesiña que se valore con 0.5 puntos.
  • Que se supriman os méritos polo exercicio de cargos directivos e traballos na administración, no sentido de rematar coa meritocracia do concurso de traslados.
  • É excesivo poder acumular 15 puntos por “outros méritos”. Entendemos que é totalmente inadmisíbel que se puntúe a xefatura do departamento de relixión nun CPI ou IES porque este profesorado é nomeado polo bispado. Porén, ao profesorado funcionario en prácticas ou interino non se lle puntúa.
  • Supresión dos apartados 1.1 porque non ten obxecto primar o de pertencer a un corpo, cando se concursa ás mesmas prazas (catedráticos)
  • No apartado 1.4.1 ampliar os cursos de contidos transversais e de cultura galega, tamén para as coordinacións.
  • Unificar as publicacións de carácter científico coas de carácter didáctico, sen facer diferenciación entre ambas (10 puntos)
  • Supresión de que nas publicacións de entidades públicas sexa necesario achegar certificación nas que conste a distribución e obxectivos da mesma.
  • Méritos artísticos: debe contemplarse tamén a publicación de obras literarias.
  • Defendemos a supresión do apartado 2.2. De non ser así, propomos que se contemple no punto 2.2.4: puntuación por titoría, responsábeis de biblioteca, TIC, responsábeis de dinamización, etc.
  • Supresión do 2.2.5. Non ten obxecto primar os servizos na administración.
  • Acreditar capacitación no uso do noso idioma en todas as materias, xa que o centro pode fixar, ademais das que están recollidas, outras materias a impartir en lingua galega.
  • Novidades: van saír prazas de seccións bilingües nas que se esixirá unha titulación específica de idioma.
 Concurso de traslados para funcionarios do corpo de Inspección
  • Non aparecen a sedes de inspección. Que se fagan públicas as listas baremadas, cuestión xa reclamada noutras mesas.
  • No caso do corpo de inspectores e considerando que entre as súas funcións está o cumprimento do Decreto 124, entendemos que deben reunir o requisito lingüístico.
  • Baremo:
a)    Que sexa o mesmo que para secundaria. Debe tenderse a unificar (antigüidade no centro).
b)    Maior puntuación ao apartado 1.1.2.
c)    1.3. Ten que entenderse que todos os cursos de contidos trasversais teñen que terse en conta.
d)    2. Outros méritos: debe rebaixarse de 20 puntos a 10 puntos.
e)    2.2.1. Débese suprimir a puntuación por desempeño de responsabilidade de libre designación (subdirector xeral, inspector xeral, etc).
f)     2.2.1 Supresión de puntuación por cargos na inspección.
g)    Supresión dos apartados 2.2.2 / 2.2.3./ 2.2.4. /2.2.5.
h)    2.3 Supresión de puntuación pola condición de catedrático.

Ao finalizar a Mesa, como resposta á nosa pregunta pola resolución do
concurso de catedráticos, informaron de que en 15 días podería estar resolto, publicándose en datas anteriores ao período de Nadal.

Na próxima mesa sectorial (que será o xoves 4 de decembro) seguirase coa orde do día (concurso de traslados do profesorado de relixión) e rematarase un punto pendente da mesa do 21 de novembro (o anteproxecto de decreto de "atención á diversidade") rematando co punto de varios (rogos e preguntas).


Accede aos borradores das convocatorias destes concursos:
 Borrador do Concurso xeral de traslados MESTRES: Ligazón
 Borrador do Concurso de traslados específico Orientación (MestresLigazón
 Borrador do Concurso xeral de traslados SECUNDARIA: Ligazón
 
 

Volver