Música e letras contra a LOMCE

Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Carballo acolleron diferentes actos que tiveron como protagonista á cultura, con actuacións musicais, teatro, maxia e participación de escritores e escritoras

Desta volta a cultura foi a protagonista dos actos contra a LOMCE que na tarde deste mércores 13 de novembro organizou a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Carballo acolleron unha nova cita, con actuacións musicais, teatro, maxia e participación de escritores e escritoras, para dicirlle non a LOMCE e exixir a retirada dunha lei que é reaccionaria, clasista, españolizadora, privatizadora, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e que expulsará do ensino ao alumnado con menos recursos. GALERÍA DE IMAXES NO INTERIOR.

Os actos do 13 de novembro da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, nos que se exixiu a retirada da lei, terán continuidade o próximo luns 18 de novembro cunha  entrega de sinaturas contra a LOMCE de persoas vinculadas ao mundo da cultura, que están a dar o seu apoio ao manifesto “Cultura contra a LOMCE”.

No acto de Santiago  participaron Federico Pérez Rey (actor), Berta Dávila (escritora), Suso de Toro (escritor), Quico Cadaval (director e actor) e tamén houbo actuacións musicais a cargo de Sonia Lebedynski (música e profesora), Alonso Caxade (músico e profesor) e a coral de Solfa. Na Coruña protagonizaron o acto César Cambeiro, Combo de Jazz do Conservatorio, Magín Blanco, María Canosa, Martín Camiña, Pedro Brandariz, Tombalobos Orquestra e  Xabier Díaz, entre outros. … En Vigo estiveron Ferreñudos do Morrazo Ghaiteiros Subwertsivos, Tino Baz, Marta Quintana, Laura Quintillán e Alumnado e profesorado AntiLOMCE.

En Lugo sumáronse Isidro novo (poeta). Coro AntiLOMCE lugués, Ensemble de clarinetes do CMUS  de Lugo, Vaitewert Folk, Ailalelos trío e Tundal. E Ourense estiveron Xose Lois González “O carrabouxo” e Teresa Devesa. Actuarán Terra Morena e o Gaiteiro Anónimo e en Ferrol Antón Cortizas, "Exame tipo Lomce”, Mago Fiz, Grupo de Teatro da Sociedade Cultural Medulio, Miguel Neira (músico), actuación musical a cargo do alumnado  do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol,  lectura de textos a cargo de alumnado  de distintas etapas educativas. En Pontevedra contaron con Carlos do Viso  (músico) e a Alba Hermida e en Carballo coa actuación musical do grupo Mala Vida.

Con estes actos, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público deulle continuidade á loita  contra a LOMCE despois do  éxito da folga do 24 de outubro e das mobilizacións nas que participaron milleiros de persoas. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Federación ANPA Ponteareas (FANPO), Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova.

Volver