Milleiros de persoas saen á rúa en Galiza nun Primeiro de Maio dos máis multitudinarios

A CIG celebrou manifestacións en once localidades do país para denunciar que as políticas do PP e da Unión Europea supoñen perda de dereitos e máis pobreza

Milleiros e milleiros de persoas participaron hoxe nas manifestacións convocadas pola CIG en once localidades do país para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, unha data marcada pola masiva participación e polo rexeitamento das políticas antisociais e antigalegas do PP e da Unión Europea. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, esixiu a dimisión dos Gobernos galego e español e lembrou que nos atopamos “nunha loita a longo prazo entre o capital e a clase traballadora polo modelo de sociedade do futuro” e que só con mobilización e capacidade de xerar alternativas “impediremos a consolidación deste capitalismo neoliberal ao servizo dunha minoría” e seremos quen de “conquistar un novo modelo ao servizo das clases populares”.

Galería de imaxes

A clase traballadora galega saíu unha vez máis á rúa o 1º de Maio para participar nas distintas mobilizacións organizadas por todo o país nunha xornada na que imperou o ambiente reivindicativo.

A CIG convocou un total de once manifestacións baixo o lema “Partido Popular-Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza”, sendo a máis numerosa a celebrada en Vigo, onde se deron cita máis de 30.000 persoas, aínda que tamén houbo mobilizacións cunha participación moi alta na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Ribeira e A Mariña.

Ao remate da marcha na cidade olívica, o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, reiterou a petición de dimisión dos Gobernos galego e español do PP por “incompetentes, corruptos e inmorais” e apostou pola necesidade de seguir a acumular forzas de cara a unha folga xeral “para reclamar un novo modelo económico e social ao servizo da clase traballadora”.

Seixo comezou a súa intervención facendo fincapé na dramática situación do desemprego en Galiza, “reflexo da dureza da crise económica e das políticas promovidas por PP e UE que están a destruír o noso tecido produtivo e a condenar ao paro a milleiros de persoas”, e denunciando os ataques contra os dereitos da clase traballadora que supoñen perda de dereitos laborais e sociais “mentres se favorece os grandes poderes económicos, a banca e os especuladores”.

Neste senso, citou as contrarreformas do mercado laboral “para abaratar o despedimento” ou “dificultar o acceso a unha pensión pública”, alén dos novos recortes nas prestacións por desemprego e nos salarios”. Tamén censurou a privatización de servizos e empresas públicas “porque o verdadeiro fin destas medidas é incrementar os beneficios da banca e das grandes compañías a custa da calidade de vida da maioría social”.

PP-UE

A continuación dirixiu as súas críticas contra os responsábeis, o Partido Popular e a Unión Europea, “un partido ao servizo da oligarquía española e unhas institucións que promoveron a especulación coa débeda pública por parte dos bancos e que cada vez son máis centralistas e antidemocráticas”. Fronte a isto, incidiu na necesidade de xerar alternativas a partir dunha acumulación de forzas que permita “botar do poder ás forzas políticas reaccionarias e antigalegas que nos gobernan”.

Ao mesmo tempo, chamou a “seguir loitando por unha Galiza ceibe e soberana nunha Europa ao servizo das clases traballadoras e das nacións que a integramos”. Finalmente, lembrou que nos atopamos “nunha loita a longo prazo entre o capital e a clase traballadora polo modelo de sociedade do futuro” e que só con mobilización e capacidade de xerar alternativas “impediremos a consolidación deste capitalismo neoliberal ao servizo dunha minoría” e seremos quen de “conquistar un novo modelo ao servizo das clases populares”.

Para poñer punto e final á mobilización manifestación dúas violinistas tocaron a Internacional e un grupo de música tradicional galega pechou o acto coa interpretación do Himno Galego.

A CIG chama a mobilizarse o 1º de Maio contra as políticas fracasadas que promove a UE, que están a quitar dereitos e provocar máis pobreza

Volver