Miles de persoas toman as rúas das cidades galegas contra os recortes laborais e en defensa dos servizos públicos

CIG, CCOO e UGT teñen convocadas xa mobilizacións coincidindo coa celebración dos Consellos de Ministros no mes de agosto

Miles de persoas, convocadas polas organizacións sindicais da área pública, percorreron as rúas das cidades galegas, máis unha vez, para manifestar o seu rotundo rexeitamento aos recortes laborais e salariais decretados polo goberno Rajoy. Recortes que poñen en perigo servizos públicos esenciais e que pretenden a súa privatización. As mobilizacións remataron coa lectura dun manifesto conxunto no que se denuncia o uso da crise, polos Gobernos de Galicia e do Estado Español, “para subtraer recursos dos servizos esenciais” mentres “castiga co paro e a exclusión social a miles de familias galegas”.

Manifesto en defensa dos Servizos Públicos e o Emprego Público

As actuais políticas privatizadoras, que restan recursos aos servizos públicos que recibe a cidadanía en favor dos beneficios empresariais duns poucos , xunto cos recortes orzamentarios experimentados nos últimos tres anos e o ataque frontal ás empregadas e empregados públicos, debilitaron os servizos públicos poñendo en risco o mantemento e a continuidade dos servizos esenciais que ata agora definiran o Estado do benestar, ao tempo que quebran o marco de dereitos democráticos e laborais.

A crise está a ser utilizada polos Gobernos de Galicia e do Estado Español, desvergonzadamente, como a escusa perfecta para subtraer recursos dos servizos esenciais, xustamente cando, na situación actual, que castiga co paro e a exclusión social a miles de familias galegas, se debe apostar por reforzalos e así garantir as necesarias coberturas sociais, o obrigado amparo do Estado e do Goberno Galego e a atención igualitaria e solidaria para toda a cidadanía.

Ambos Gobernos encontran  a maneira de privatizar o público,  lanzar á cidadanía aos brazos das empresas especuladoras en servizos sociais, educativos e sanitarios, medios de comunicación e transporte, e arremeter sen contemplacións contra  o persoal do sector público, recortando os seus dereitos laborais e sindicais, destruíndo emprego e intentando socavar a confianza da cidadanía  con campañas mediáticas e políticas destinadas a desacreditar a súa imaxe. Estes Gobernos, coñecedores de que a estrutura laboral do Sector Público e os dereitos conquistados ao longo dos anos polo seu persoal, constitúen un punto de referencia para traballadores e traballadoras doutros sectores laborais, pretenden pasarnos rolo a toda máquina para achandar o terreo aos intereses empresariais.

As empregadas e empregados públicos traballamos para que se garantan os dereitos os cidadáns e  cidadás e por eles temos que loitar. Por eles e pola nosa dignidade. Sobre nós, sobre a nosa profesionalidade e o noso traballo desenvolvese o estado do benestar, a xustiza social, os dereitos e avances democráticos e os servizos que recibe a cidadanía. Nós somos os  que prestamos os servizos públicos, os que estamos a atender nos hospitais, os que conseguimos que os enfermos se sintan seguros, os que garantimos a seguridade e os dereitos individuais e colectivos, o transporte e a comunicación, os que facemos que a educación e a formación gratuíta das novas xeracións sexa posible, os que facemos posible que os servizos públicos e sociais cheguen o conxunto da cidadanía, á marxe da clase social ou dos recursos económicos que dispoñan, os que facemos posible o dereito á xustiza. E por iso temos que loitar.

Os traballadores e traballadoras do sector público somos profesionais e a pesar diso soportamos o peso da mala xestión dos recursos públicos e a covardía dos gobernos en responsabilizar o persoal  das súas propias incompetencias. Para as empregadas e empregados públicos sempre houbo política de recortes.

Furtáronnos o 45% do noso salario nos 15 últimos anos e restáronnos dereitos laborais e sociais. A parte das conxelacións salariais e devaluación dos nosos salarios, no ano 2010 tivemos unha baixa salarial media dun 5% , acadando nos grupos superiores ata o 10%, e este ano 2012 dun 7,1%, supresión de días de libre disposición, penalización económica por enfermidade.. etc.

A repercusión desa política de recortes indiscriminada que veñen realizando os Gobernos central e galego ten, tamén unha enorme incidencia nas Administracións Locais, as máis próximas á poboación, que viron como se minguan os dereitos dos seus traballadores e traballadoras e os recursos que necesitan para a prestación dos servizos sociais. E a pesar diso damos cada día a pel para servir aos cidadáns e cidadás. Dende sempre, nese "contexto socioeconómico global", fomos as empregadas e os empregados públicos, como persoal e como persoas usuarias, os que soportamos cos nosos dereitos, os nosos salarios e ata a nosa propia imaxe os disparates, os privilexios e dispendios dos que están e estiveron na Administración de xeito conxuntural.

A reivindicación polo mantemento dos servizos públicos de calidade, e universais, non é só dos empregados e empregadas públicos. Debe ser un berro único en defensa dos dereitos básicos e dos que os defendemos cada día dende o noso posto de traballo no Sector Público. É a hora de pasar da indignación á rebeldía cidadá, é a hora da loita unitaria, na rúa e nos centros de traballo, cóbado a cóbado estudantes e persoas desempregadas, autónomas,pensionistas, e traballadores e traballadoras dos distintos sectores de actividade, movementos sociais e o conxunto da cidadanía que quere e merece unha alternativa diferente, que ten dereito, a uns servizos públicos dignos que nos fagan sentir que, á marxe da súa situación económica que gocemos, seguimos sendo cidadáns  e cidadás de primeira.

Porque estes Gobernos se senten impunes actuando como actúan, non podemos permitir que se saian coa súa nin que utilicen a Lei para impoñer os seus intereses. Debemos expresar o noso rexeitamento con contundencia porque, de non o facer, sentiranse lexitimados para continuar gobernando de costas aos nosos dereitos como empregadas e  empregados públicos e como cidadáns e cidadás, ás costas do noso pobo e contra os seus intereses.

Conscientes dos dereitos da cidadanía e comprometidos cos traballadores e traballadoras do sector público, asinamos o presente manifesto e convocamos os empregados e empregadas públicas de Galicia e o resto da poboación a defender os Servizos Públicos.

Manifesto asinado por CIG; CCOO; UGT; CSI·F; CESM; OMEGA; SATSE; USAE; ANPE; STAJ; CEP; SUP; UFP; AUGC; UniónGC; CGT; USO ;  USTG

Galería de imaxes

Miles de persoas toman as rúas das cidades galegas contra os recortes laborais e en defensa dos servizos públicos

Volver