Miles de persoas reclaman coa CIG o dereito a un emprego digno, á negociación colectiva e á soberanía nacional

A central nacionalista reitera neste 10 de Marzo que outro modelo económico e social é posíbel, mais a clase traballadora precisa de se organizar e loitar

Miles de persoas participaron este domingo nas manifestacións convocadas pola CIG en toda Galiza con motivo da conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. Fronte ás políticas neoliberais aplicadas polos gobernos, que só sexan miseria e desemprego, a central nacionalista centrou as reivindicacións deste ano na defensa do dereito a un emprego digno, á negociación colectiva como ferramenta fundamental da clase traballadora e na defensa dos nosos dereitos nacionais. Para conseguir estes obxectivos, a CIG insiste na necesidade de concienciarse, organizarse e loitar.

(Galería de imaxes)

Ao pé da estatua na memoria de Amador Rei e Daniel Niebla, mortos a mans da policía fascista no marco das loitas obreiras do ano 72, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo facía un repaso polas últimas medidas e recortes aplicados polos gobernos do PP baixo a consigna da austeridade. Unhas políticas antisociais que teñen xerado máis desemprego, unha profanación na destrución do noso tecido produtivo, máis desigualdades sociais e, en definitiva, máis miseria. 

Seixo lembrou que nos últimos catro anos en Galiza perdéronse 160.000 postos de traballos, dos que 140.000 corresponden a menores de 35 anos, e, segundo os datos do paro rexistrado, febreiro rematou con 292.000 galegos e galegas sen emprego, o que supón xa o 21% da poboación activa.  Se a isto lle sumamos as 77.000 persoas que emigraron, “estaríamos a falar dun 26% da poboación activa, dos/as que unha parte moi importante son mozos e mozas moi cualificados/as, causando un prexuízo irreparábel para o desenvolvemento económico de Galiza”, advertiu.

Unhas perspectivas  non se presentan mellores para este ano, toda vez que os gobernos do PP -seguindo as directrices de institucións como o BOCE, FI ou a CE- teiman nas súas políticas neoliberais de recortes e perda de dereitos da clase traballadora.

Neste contexto, o Secretario Xeral da CIG insistiu na necesidade de defender os convenios colectivos, pois un dos principais obxectivos das sucesivas contrarreformas laborais é provocar unha caída xeneralizada dos salarios, a través da usurpación da negociación colectiva como ferramenta fundamental da clase obreira “na loita pola plusvalía que os/as traballadores/as levan adiante coa patronal”. 

“Sabían que tiñan que quitarlle forza, deixando aos traballadores/as nunha situación clara de desvantaxe fronte a patronal e dunha enorme debilidade á hora de defender os seus dereitos e ás súas condicións de vida e de traballo”, denunciou. Seixo advertiu que por mor da limitación da ultraactividade dos convenios introducida coa reforma laboral do PP, este ano 400.000 galegos e galegas poderían quedar sen convenio colectivo. 

Para evitar esta perda de dereitos, a CIG leva meses na procura dun acordo con CCOO e UGT para ter garantías de que non se asinarán convenios de empresa por debaixo dos convenios sectoriais, nin tampouco convenios de sector con perda de dereitos. “O capital está a aproveitar a crise para afondar neste modelo económico ultraliberal e tirar abaixo todo un conxunto de dereitos e condicións laborais e de vida conquistados tras anos de loita do movemento obreiro, co obxectivo de incrementar a súa marxe de beneficio e seguir no proceso de concentración de riqueza en poucas mans e centralización dos centros de decisión”, afirmou. 

Fronte a isto, Seixo defendeu que neste Día da Clase Obreira Galega, a defensa dos nosos dereitos nacionais, do dereito de autodeterminación, do dereito a decidir libremente como pobo, pasa tamén a un primeiro plano. “O noso futuro non pode estar en mans do BCE, do FMI, da CE, ou o que é o mesmo, en mans da banca alemá ou da oligarquía financeira española. O noso futuro temos que poder decidilo libremente os galegos e galegas e por iso é preciso ter un Goberno e un Parlamento con plenas competencias, plenamente soberano”. 

Coa vista posta na consecución doutro modelo económico e social, o Secretario Xeral da CIG chamou a organizarse e proseguir na loita para mudar a correlación de forzas a favor das clases populares, “como historicamente fixo a clase traballadora, como fixeron Amador e Daniel, como sempre defendemos dende a CIG”, concluíu. 

Volver