Miles de persoas protestan contra o recorte nas condicións salariais e laborais e o deterioro dos servizos públicos

A área pública da CIG rexeita o proxecto de Orzamentos da Xunta porque afondará na perda de emprego e o desmantelamento dos servizos básicos

A pesar da intensa choiva e do forte vento, miles de persoas participaron na tarde deste xoves nas manifestacións convocadas polas organizacións sindicais que integran a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos nas sete cidades galegas. A protesta dá continuidade ás mobilizacións que o persoal vén realizando no último ano contra os recortes salariais e laborais impostos polos distintos gobernos do PP e pola defensa duns servizos públicos de cualidade.

A Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, integrada por CIG, CCOO, UGT, CSI•F, CESM, OMEGA, SATSE, USAE, STEG, ANPE, USO, USTG, CGT, STAJ, SIAT e ACAIP, acordou convocar estas mobilizacións contra as medidas que vén de aprobar a Xunta de Galiza que empeoran as condicións laborais e salariais das empregadas/os públicos/as e deterioran, aínda máis, os servizos públicos.

A Secretaria da CIG-Administración Pública, Maricarme López, sinalaba que o máis grave do contido dos Orzamentos da Xunta para 2013 (que reforzan e sobrepasan as restricións previstas os Orzamentos do estado) radica en que van provocar a desaparición non só de servizos públicos, senón tamén de unidades enteiras de traballo por mor das taxas de reposición 0,  a non cobertura de vacantes e a amortización explícita que determina o artigo 24 do anteproxecto de Lei de orzamentos. 

Deste artigo despréndese a perda de case 1.200 prazas directas da administración xeral galega, sen contar as futuras vacantes que se vaian producindo. Afondando así no deterioro da calidade dos servizos prestados. Por iso, a responsábel da CIG-Administración reiterou que “é responsabilidade de toda a sociedade en xeral recoñecer e pór en valor a función e importancia que teñen os servizos públicos e dar resposta aos ataques inxustificados e agresivos que estamos a sufrir todos e todas os que traballamos nos mesmos”.

Desmantelamento da sanidade e o ensino público

Pola súa banda, a Secretaría da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, valorou a necesidade de mobilizarse para frear as agresións que veñen padecendo as traballadoras e traballadores do sector público, nomeadamente da sanidade, e fixo especial fincapé no desmantelamento da Sanidade Pública. “O PP entende que no canto de ser un servizo público, é un ben co que poden lucrarse e facer negocio favorecendo a empresarios amigos”, afirmou.

Alertou ademais que, de seguir coa destrución de emprego no sector sanitario, de inmediato será inviábel prestar unha asistencia de calidade  rachando a equidade no acceso xa que só poderán recibir asistencia aquelas persoas ás que así llo permita a súa economía.

O Secretario da Federación de Ensino da CIG, Anxo Louzao, advertía que “estamos aquí para facerlle fronte á liquidación dos servizos públicos que supoñen os orzamentos para o 2013. O PP utiliza a crise para recortarlle dereitos aos traballadores e traballadoras, desmantelar servizos que deben ser universais, como o ensino público, e  roubarnos parte do noso salario”. Neste senso lembrou que, ademais da supresión da extra de nadal, o Goberno de Feijoo, novamente na vangarda dos recortes, xa aprobou un redución do salario dos/as empregados/as públicos/as para o 2013, que pode chegar ao 6%.

Por outra banda,matiza Louzao, “a tesoira que a Xunta lle meteu aos orzamentos en Educación, un 6,63%, evidencia que o PP goberna en funcións dos intereses da patronal do ensino privado concertado e non das necesidades do ensino público e das clases sociais máis desfavorecidas”.

As manifestacións estiveron precedidas polas accións de protesta que os empregados/as das administracións desenvolveron esta mesma mañá diante dos distintos centros de traballo de todo o País, como xa vén sendo habitual dende hai meses.

Manifesto conxunto ao remate das manifestacións

As Organizacións Sindicais con representación no Sector Público autonómico rexeitan as medidas do Goberno

Dende o inicio da crise económica, no ano 2009, os Servizos Públicos e empregados/as Públicos, vivimos un permanente acoso que pretende a fin do Estado de Benestar que construímos con permanentes loitas e conquistas que fomos conseguindo ao longo de moitos anos.Esta agresión que os empregados/as públicos sufrimos pódese resumir nun case estado de excepción, no que se nos nega a negociación das relacións laborais sendo sometidos a un agresivo frenesí normativo que dita por decreto as nosas condicións de traballo, reducindo progresivamente os dereitos adquiridos ao longo de décadas. A salientar:

1º. Rebaixa salarial anual nunha media do 5%, en determinadas categorías de ata o 9%, no 2010 (RD Lei 8/2010), cun IPC do 2,9%. Ao tempo utilizábase como coartada que a porcentaxe de empregados/as públicos, dun 9,5%, era elevada obviando que a media da UE era do 16%, cun altísimo crecemento do emprego público dun 1% na última década, para unha poboación que medraba en 6 millóns de persoas. Tamén se esquecen que somos o país da UE que en termos porcentuais menos investimento efectúa no emprego público tal e como reflicte o elevado número de traballadores e traballadoras que son mileuristas.

2º. Conxelación salarial no 2011, que levou aparellada a conxelación de Ofertas de Emprego Público (Lei 39/2010, de Orzamentos Xerais do Estado), cun IPC do 2,4%.

3º. Supresión de dereitos e acordos sobre Xornada laboral (RDL 20/2011), e outros dereitos conseguidos.

. Ampliación da xornada mínima nas administracións, (Lei 2/2012, de Orzamentos Xerais do Estado), nova conxelación salarial, mantendo pagas extraordinarias reducidas e abundando na imposibilidade de incrementar as taxas normais de reposición de efectivos.

5º. Reforma Laboral, RD Lei 3/2012, que introduce o despedimento colectivo e individual do persoal laboral do sector público, por causas económicas, técnicas e organizativas. Expedientes que soamente poden ser de extinción de posto de traballo, non de redución de xornada ou suspensión temporal de contrato.

6º. Supresión de días adicionais de vacacións. Reducen os días de asuntos propios (APs) que pasan a ser unicamente 3 ao ano. Supresión da paga extraordinaria do Nadal (o que significa un 7% de redución salarial anual). Supresión dos acordos e pactos de dereitos sindicais. Anúlase a posibilidade de xubilación parcial dos funcionarios, así como as melloras económicas en IT, RD Lei 20/2012, e Lei 1/2012 Galiza.

Como novo ataque aos empregados/as públicos elabórase un anteproxecto de Lei que reduce o salario nunha media dun 4% para o ano 2013, en determinadas categorias de ata o 6%,  minorando as pagas extraordinarias arredor dun 40%.

Por iso, dicimos basta, xa abonda, e rexeitamos esta nova medida en contra dos empregados/as públicos de Galiza, que sumará unha perda en tres anos de máis do 20% de salario.

Xaneiro de 2013. POLA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS

Galería de imaxes

Volver