Información da mesa sectorial do calendario escolar

A mesa celebrouse o xoves 5 de maio

Calendario escolar 2022-2023

CIG-Informa con toda a información sobre a "negociación" do calendario escolar

Orde pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022-2023 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia. Ligazón

A CIG-Ensino, contraria ao incremento de días lectivos

Tamén nos opoñemos aos prazos e condicións do emprego da aplicación informática para as programacións. 

Ligazón

Ligazón ao CIG-Informa con todos os varios.

Profesorado de FP. A CIG-Ensino solicita que a Consellaría requira formalmente a tramitación de urxencia ao Ministerio dos temas pendentes

  • O sindicato demanda que o goberno galego urxa a posta en común coas CC.AA. da normativa para a integración do profesorado do corpo de PTFP no corpo de PES. 
  • Tamén demandamos que a Xunta se comprometa a que todo o profesorado que se integre perciba os seus atrasos desde xaneiro de 2021 e a crear un complemento compensador para que non se integre, evitando manter unha situación discriminatoria entre docentes de FP.
  • Igualmente, a CIG-Ensino quere saber a posición da secretaría xeral de FP sobre os posíbeis cambios na asignación de módulos a cada especialidade que ten previsto facer o Ministerio. 
  • Por último, o sindicato quere saber se a Consellaría tivo algún contacto co Ministerio ao respecto dos cambios previstos para regular a titulación de ingreso nas especialidades de FP, factor necesario para a convocatoria do concurso excepcional e o concurso oposición extraordinario deste ano 2022.

O secretario xeral non se pronuncia sobre o compromiso do pago con carácter retroactivo de quen se integre nin sobre o complemento compensador para o resto do profesorado que lle demandamos. Sobre o resto, descarga toda a responsabilidade no Ministerio. 

Seguimento da FP dual no mes de agosto

Sobre a xestión da PD dual, a CIG-Ensino lémbralle á Consellaría que o mes de agosto é de vacacións e que dea instrucións á Inspección e ás direccións dos CIFP para que se absteñan de indicarlle ao profesorado que teñen que estar pendentes dalgunha posíbel reunión durante este mes, ao se recoller na normativa da FP dual que poderá haber reunións quincenais co alumnado cando está nos centros de traballo.

Os convenios debería recoller que a periodicidade, se se quer “mínima”, fose mensual e que fose con carácter facultativo, posto que en moitos casos esas reunións e seguimentos son innecesarios.

O secretario xeral afirma que van estudar modificacións no final das datas da formación en empresas. 

O sindicato reitera as súas críticas ao trato discriminatorio coa oferta educativa no rural

A CIG-Ensino participou esta semana nunha manifestación de apoio á comunidade educativa dos Ancares, en defensa dunha oferta de Bacharelato que non limite as posibilidades da mocidade da comarca. Foi en Becerreá como puido ter sido noutras moitas outras vilas do país. Xa denunciamos a comezos deste curso as decisión da Consellaría de autorizar a impartición de materias mesmo cando existía profesorado no centro con dispoñibilidade horaria. O temor aumenta agora, ás portas da nova estrutura do Bacharelato. A Consellaría debe aproveitar a reforma dos currículos para fixar uns criterios de alumnado que solicite unha optativa para mellorar a situación.

A CIG-Ensino denuncia que a Xunta prima a oferta educativa privada na FP cando limita a oferta no ensino público

A decisión tomada hai xa moitos aos por esta Consellaría, cos mesmo cargos á fronte da FP, de impedir que un centro público poida ofertar máis dun curso por ciclo mentres permite que as empresas privadas oferten todo o que queiran. O último exemplo é Monforte, onde se autoriza aos Escolapios unha oferta que duplica á dos IES do concello, cando, por un lado hai algún ciclo que non dá cuberto a oferta e, noutro, hai solicitudes de autorización de ciclos nos IES que non se autorizan, nunha decisión que vai claramente en contra de potenciar a rede pública. 

O secretario xeral limítase a afirmar que a Lei obriga a autorizar calquera solicitude que se propoña por parte dunha empresa privada se cumpre os requisitos, mais nada di da negativa a incrementar a oferta nos IES.

A CIG-Ensino chama á Consellaría a abandonar a unilateralidade na reforma da ESO e o Bacharelato

Está claro que o Powerpoint presentado polo conselleiro non fixo máis que crear preocupación e malestar en numeroso profesorado. Demandamos da Consellaría que abandone a toma de decisións sen debatelas previamente. O lóxico é cando nunha etapa se producen cambios de relevancia haxa unha posta en común previa á negociación do anteproxecto de currículo. 

Solicitamos tamén aclaración sobre as previsións de prazos e publicación e, caso de que non estea publicado o Decreto antes do comezo de curso, como vai dar cobertura legal aos cambios que obriga a facer.

Non haberá ningunha toma de contacto previa á Mesa Sectorial e calculan que poderán mandar de inmediato o anteproxecto da ESO e uns días despois o de Bacharelato. Indican que podería haber Mesa o día 19. A CIG-Ensino demandou que exista, como mínimo, un prazo de 15 días desde a remisión dos documentos á convocatoria da Mesa. 

Recoñecemento dos traballos de coordinación e elaboración de tarefas específicas nos centros

Volvemos insistir en que a día de hoxe hai compañeiras e compañeiros que están a desempeñar función de coordinación non recollidas expresamente nos ROC mais que son necesarias e autorizadas pola administración e que, aínda así, non se recoñecen nin retributivamente nin coa redución horaria necesaria. O secretario xeral leva desde que chegou ao cargo dicindo que se revisará cando se modifiquen os ROC e desde a CIG-Ensino consideramos isto unha desconsideración a quen fai o traballo. Deben publicar unha orde que, con carácter transitorio, permita eses recoñecementos.

Unha situación similar prodúcese en casos como a elaboración dos plans de igualdade nos centros ou na adaptación do cambio do sistema MEIGA ao KOHA para a xestión das bibliotecas escolares. O profesorado debe ter unha redución horaria para poder levar adiante estas tarefas. 

No caso dos plans de igualdade existe toda a carga que implica realizalo mais o seguimento posterior. 

No caso do cambio do programa de xestión das bibliotecas hai que ter en conta que o cambio afecta agora a un número limitado de centros e docentes que están a facelo con carácter previo á implantación xeralizada en todos os centros, que deberá estar implantado para o curso 23/24. Isto require un traballo extra que debe ser compensado. 

Saúde mental do alumnado e o profesorado

Reiteramos a nosa preocupación e preguntamos se adoptaron medidas concretas desde a denuncia da CIG-Ensino acompañando a preocupación que nos trasladaron  diferentes centros pola situación existente neles. 

O secretario xeral limítase a falar de coordinación con Sanidade mais sen apuntar ningunha novidade malia as constantes queixas.

Cobertura das baixas

Levamos semanas insistindo en que se está negando o dereito ao alumnado a unha escolarización de calidade cando non se cobren as baixas. Aínda que con menor incidencia que en vagas anteriores, todos os especialistas certifican un novo avance dos contaxios, o que provoca máis baixas do habitual. A Consellaría debe rectificar e cubrir todas as baixas.

Ao respecto do comezo do curso 2002/23, tendo en conta que todo o profesorado estará nos centros desde o día 1 de setembro e que as clases comezan antes de cursos anteriores, a CIG-Ensino demanda que as substitucións se cubran xa desde ese primeiro día. 

Supervisión dos libros de textos por parte da Inspección

Acabamos de ter acceso a un libro de texto, que aparece como “material provisional” de 5º de Primaria da editorial Tambre Edelvives na que figura un mapa con topónimos deturpados. Parece sorprendente que a estas alturas, chegue un libro aos centros educativos sen un control tan básico como este.

Negativa da inspección a autorizar unha excursión de varios grupos do mesmo nivel

Temos coñecemento da inspección dun centro que non autoriza unha saída escolar de varios cursos do mesmo nivel conxuntamente. Nunha interpretación incorrecta do protocolo, indícaselle ao profesorado que a saída ten que ser de cada grupo por separado. Demandamos que a subdirección interveña para corrixir o erro e se autorice a saída.

Volver