Mesa sectorial 26 e 28 /02/2008: Orde de permisos e licenzas dos docentes

Mesa sectorial Permisos e Licenzas

Na mesa sectorial do 26 e 28 de febreiro tratouse a orde de permisos e licenzas para os docentes. En varias ocasións, verbalmente e por escrito, a CIG-Ensino tenlle solicitado á Administración que se recollesen as modificacións en permisos e licenzas que se lles aplicarían aos docentes tras a aprobación do LFPG e do EBEP. A CIG-Ensino deixou constancia de que se deben arbitrar mecanismos para un equilibrio entre os dereitos dos docentes como traballadores que son e os do alumnado á escolarización, posto que a Consellaría nesta orde parece querer restrinxir os dereitos recollidos en normas superiores.

Mesas sectoriais 26 e 28 febreiro 2008

ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE PERMISOS E LICENZAS DO PERSOAL DOCENTE
 
En varias ocasións, verbalmente e por escrito, a CIG-Ensino tenlle solicitado á Administración que se recollesen as modificacións en permisos e licenzas que se lles aplicarían aos docentes tras a aprobación do EBEP (Estatuto Básico do Empregado Público) e da LFPG (Lei da Función Pública Galega).
 
Entrando no articulado:
Terceiro.- Permiso por falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar.
No borrador aparece: “Enténdese que hai enfermidade grave cando medie hospitalización ou intervención cirúrxica maior ... “
 
Desde a CIG-Ensino reclamamos que o termo médico “Cirurxía Maior” tamén se aplique para “Cirurxía Maior Ambulatoria”, naqueles casos nos que se producen intervencións ambulatorias, con alta hospitalaria inmediata que requiren coidados e repouso domiciliario nos días posteriores (fimose, cataratas,...).
Resposta: “cirúrxica maior ou inspección médica” vai ser sempre previo informe médico facultativo. Está contemplado e certificará se é “cirúrxica maior”. En canto a contemplar 15 días naturais non o aceptan. Ademais son inmediatamente posteriores. Computarán os sábados como días lectivos.
 
Cuarto.-Permiso por traslado de domicilio
 
Desde a CIG-Ensino demandamos a supresión do segundo parágrafo que fai referencia a non ter dereito de permiso de traslado por concurso de traslado, ... É inxustificado. Ademais os días naturais deben pasar a hábiles.
Resposta: Estase falando de excepcionalidade. Puntualizarase que será nunha prestación continuada. Non ten sentido ese permiso cando se produce un concurso de traslados, adxudicación provisional, ... posto que se coñece con antelación o destino. Para o profesorado substituto sería absurdo.
Réplica CIG: Hai unha norma que non pon límites. Podemos limitala un pouco, pero non a todos eses casos.
 
Sexto.- Permiso para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude.
 
No borrador aparece: “Cando o exame ou proba de aptitude se celebre en día non lectivo non procede a concesión do permiso”.
 
Desde a CIG-Ensino consideramos que hai que engadir: “agás que se precise para o tempo mínimo de desprazamento” (para casos infrecuentes mais probábeis de exames que se deban realizar, por exemplo, fora de Galiza e precisen dun desprazamento con suficiente antelación).
Resposta: Agás razóns xustificábeis poderase ampliar “con carácter xeral”.
 
Sétimo.- Permiso de unha hora de ausencia ao traballo por ter un fillo ou filla menor de doce meses
 
Desde a CIG-Ensino consideramos que hai unha contradición, xa que di que se rexerá pola Orde de 29 de marzo de 2006 e no artigo 29 deste mesmo borrador inclúeo nos permisos que concederá a dirección. Na Orde do 2006 sinalábase que será a Delegación, como é lóxico, quen conceda o permiso por acumulación. Hai que corrixir este erro.
Por suposto, debemos reclamar que a acumulación se incremente, como mínimo, a 5 semanas.
Resposta: En todas as direccións xerais hai un acordo para que sexa de 4 semanas. Hai unha norma de aplicación para todos/as os/as funcionarios/as de Galiza.
Réplica CIG: Nós propuxemos 5 semanas, aínda que, facendo cálculos, corresponderían máis semanas.
Resposta: non admitido, queda en 4 semanas.
 
Oitavo.- Por nacemento de fillos que deban permanecer hospitalizados.
 
No borrador aparece: “A duración diaria da ausencia será fixada pola dirección do centro en función das circunstancias que concorran na persoa solicitante e será gozada en horario de cómputo mensual ou en horario complementario fixo”.
Para a CIG-Ensino, non é lóxico que se deixe nas mans da dirección esa valoración. Cales poden ser esas circunstancias? Débese retirar a referencia ás horas de cómputo mensual. O normal sería un reparto proporcional das horas (entre as lectivas e fixas soamente) e que fosen escollidas polo pai/nai.
Resposta: non están dispostos a admitir que sexa dentro das horas lectivas, nin que sexa á opción dos pais. En caso de conflito “dereito docente”-“dereito escolarización alumnado”, prevalece este último.
 
Décimo.- Permiso para tratamentos de fecundidade asistida
 
No borrador aparece “se fose necesario o desprazamento fora da provincia, o permiso será de dous días”. Desde a CIG-Ensino, poríamos que fosen máis días en casos excepcionais (por exemplo, cando se sae fóra de Galiza).
Resposta: Non responden, só aclaran que no sistema nacional de saúde considéranse os concertos.
 
Décimo primeiro.- Permisos por accidentes ou enfermidades moi graves.
No borrador aparece: “..e conforme ás instrucións de guía de boa praxe que aprobará a Secretaría Xeral”.
 
Desde a CIG-Ensino non podemos aceptar que haxa ningún tipo de instrucións que non se negocien previamente na Mesa Sectorial. Se estas instrucións son necesarias, debemos engadir: “logo de negocialas coas OO.SS. con representación na Mesa Sectorial Docente”. Debe suprimirse no texto “de ser o caso” e “conforme ás instrucións de guía de boa praxe”.
O permiso debe poder solicitarse desde 5 días e non de 7. Por que 7 días?
 
Resposta: Estabelece que o permiso ten que ser dun mínimo de 10 días (proposta de CCOO STEG). Ó ver que non hai unanimidade, a Admón. di que queda en 10 días. (desde a CIG comentamos o noso desacordo; Admón.: estamos ampliando a norma).
Ao respecto da “guía de boa praxe”, estase regulando o que se entende por enfermidade moi grave. Os/as médicos/as non teñen obrigación de cualificar unha enfermidade de grave ou moi grave. En función diso, a Consellaría elaborará “internamente” un documento para que nas 4 delegacións se actúe uniformemente. No caso de dúbidas convocaríase a Comisión autonómica de inspectores.
 
Décimo segundo.- Permiso para as revisións médicas.
Para a CIG-Ensino debe cambiarse “revisións” por “asistencia” ao médico.
No borrador aparece “deberá acreditarse que esas persoas están ao seu cargo”.
 
Para a CIG-Ensino, para evitar problemas na aplicación hai que deixar ben claro que significa “estar ao cargo”, sobre todo cando non está estabelecida a convivencia, que é na maioría dos casos (pensemos no caso dos pais).
Ademais, estase restrinxindo o que di a LFPG, xa que non fala de limitacións físicas nin psíquicas...”. (debe suprimirse este texto). Debe recoller que, de ser necesario, implicará nomear profesorado substituto.
Por outro lado, as baixas de menos de 4 días non poden ir ao apartado de imprevistos (que quede claro, xa que hai direccións que non aplican a lexislación senón que a interpretan).
 
Resposta: A admón. comprométese a que as enfermidades de menos de 4 días non teñan por que ir no apartado de imprevistos.
 
Décimo terceiro.- Permiso por deber inescusábel de carácter público ou persoal.
 
Desde a CIG-Ensino reclamamos que se cite expresamente, como así o fai o artigo 70.2 da LFPG: “e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral”
Resposta: aceptado.
 
Décimo cuarto.- Permiso para asuntos persoais
 
Desde a CIG-Ensino, consideramos que eses 9 días deben gozalos e non ten por que ser en días non lectivos. A Admón. non pode ser tan restritiva á hora de aplicar as normas. Desde a CIG-Ensino, estamos dispostos a negociar: 4 días por asuntos persoais (ampliábeis cos trienios) e pasar de 24 horas de imprevistos a 30 horas (o cálculo final serían os 9 días). Estariamos dispostos a que eses días non se acumulasen ás vacacións. Non estamos dispostos a que sexa en días non lectivos.
 
Resposta: Aclararán que cando falte o profesorado menos de 4 días sen baixa médica pero cun informe médico, esas faltas vaian ao apartado 12º e non a imprevistos.
 
Réplica CIG: Os asuntos persoais non é o mesmo que imprevistos. Hai que buscar unha maneira de compaxinar os dous dereitos. Debedes pensar na proposta: 4 días por asuntos persoais (ampliábeis cos trienios) e pasar de 24 horas de imprevistos a 30 horas. (despois de haber un debate agre ao respecto, a Consellaría di que o estudará).
 
Finalmente, na mesa do xoves 28-02-08, a Admón. comenta que non pode aceptar ningunha proposta de incluír 2, 3 ou 4 días lectivos. Outras CCAA contémplano en días non lectivos (como está no borrador) e non teñen os permisos por imprevistos. O Sº Xeral cita a argumentación dunha sentenza do tribunal supremo que vén dicir que os permisos por imprevistos xa é un engadido con respecto aos outros funcionarios.
 
Réplica CIG: Non estamos de acordo con que se consulte o que fan noutras CCAA para lexislar aquí. Que se traian entón tamén as diferenzas que hai noutros aspectos con respecto a elas. Estamos falando de que os imprevistos están lexislados desde hai 18 anos, hai que avanzar. Por outro lado en Primaria pasamos de 30h a 24h. Mantemos a nosa proposta.
Cada unha das organizacións sindicais fai as súas propostas, similares ás da CIG.
 
Finalmente a Admón. di que reflexionará sobre unha redacción conxunta dos artigos 14º e 27º, pero non cambiarán nin o das 24 horas nin “necesidades do servizo”. Se o futuro Estatuto básico do docente inclúe algo ao respecto, xa se modificará esta orde.
 
Décimo quinto.- Permiso por parto
 
Segundo a CIG-Ensino debe suprimirse o requisito de que os dous proxenitores traballen.
 
Resposta: Non admitido, obriga a Lei. Por outra banda, a Consellaría comenta que se cobren sempre as reducións de media xornada. Hai unha norma que di que a Admón. non ten obrigatoriedade de cubrir xornadas menores á media xornada (exemplo 1/3 xornada).
 
Décimo sexto.- Permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple
(Páx. 11) Desde a CIG-Ensino, demandamos que se perciba o 100% das retribucións no desprazamento previo á adopción (internacional). Que se aclare, ademais, se o permiso é de 3 meses para cada un dos cónxuxes.
Décimo sétimo- Permiso por paternidade
Se se goza en xullo, desde a CIG-Ensino, entendemos que deben acumularse eses días ao mes de setembro.
Resposta: Non responden. Comentan que incluirán “con discapacidade”. Por outro lado comentan que xa avanzan moito ao recoñecer os efectos administrativos para aquel profesorado que non estea prestando servizos, tendo dereito a gozar do permiso de maternidade ou parto, e sexa chamado para unha interinidade ou substitución. Finalmente, estudarán, se é viable, a posibilidade de que a Admón. lle cotice ese tempo á Seguridade Social (sen soldo).
 
Décimo noveno.-Permiso para a asistencia a actividades de formación do profesorado
 
Desde a CIG-Ensino, reclamamos que se poida asistir ás actividades de formación dentro do horario lectivo e de permanencia nos centros (no borrador aparece “sempre fóra do horario lectivo”).
No punto 3º, deben considerarse incluídas as actividades organizadas polas organizacións sindicais do ensino. Resposta: Aceptado.
Na páx. 14 apdo. b) Desde a CIG-Ensino debe aclararse que se entende por “necesidade de formación” (debera incluír: por necesidade de perfeccionar sexenios, formación en normalización do galego, ...). Resposta: aceptado, cambiarán a redacción.
Desde a CIG-Ensino, dubidamos da necesidade de que as solicitudes sexan informadas pola inspección educativa.
A CIG-Ensino sempre defendeu que o profesorado debe dispor dun crédito horario durante o curso para formarse dentro do horario lectivo. Propomos que cada profesor/a conte con 18 horas lectivas para tal fin.
Na páx. 15 aparece “... asistir a actividades de formación en horario laboral”. Desde a CIG-Ensino debe substituírse laboral por lectivo.
 
Aclaración.-. En todo caso, a CIG-Ensino deixou constancia de que se deben arbitrar mecanismos para un equilibrio entre os dereitos dos docentes como traballadores que son e os do alumnado á escolarización, posto que a Consellaría parece que nos está restrinxindo dereitos recollidos en normas superiores. Hai que compaxinar os dous dereitos.
 
 
MESA SECTORIAL 28-02-08 (xoves pola tarde)
 
 
Vixésimo primeiro.- Licenzas por asuntos propios
 
Desde a CIG-Ensino, demandamos que non se poida limitar a duración inferior deste permiso a 7 días (poden ser 1,2,3,...). Ademais, o profesorado substituto debe ter dereito a este permiso (xa que para os efectos administrativos é o mesmo que o profesorado interino), considerando a parte proporcional que lle correspondera. A limitación do 1 de maio ao 31 de agosto no que o profesorado interino non poida solicitar este permiso parécenos inaceptábel. Hai que suprimir ese parágrafo. Non sabemos cal é a razón, supoñemos que será porque a pode solicitar o profesorado interino para estudar a oposición, pero á Administración interésalle pensando ademais que é sen soldo.
Resposta: están dispostos a rebaixar a 5 días (pero sen que logo estea a fin de semana e a continuación pidan logo 5 días máis). Profesorado substituto: non formulan modificar nada. En canto ao interino: poñen ese límite de datas porque non queren que a final de curso (coas avaliacións, ...) se desborden as peticións deste tipo que bloquearían o servizo. A norma é un avance respecto á anterior, posto que se denegaban todas as peticións que facían os interinos sistematicamente. É máis, incluso ao funcionariado de carreira, nesas datas, se lle ten denegado o permiso.
Réplica CIG:Na anterior norma non había límites nin para interinos nin funcionarios de carreira (xa que poden concederse ou non estes permisos, estando limitados ás necesidades do servizo). A norma de agora, polo tanto, é restritiva, xa que estamos limitando dereitos. Non nos vale o dos 5 días tampouco, xa que no marco base non hai límites. Por que un docente substituto que teña un contrato longo non pode pedir este permiso? Estamos limitando os dereitos dos traballadores, máxime os que están máis en precario.
 Resposta: A LFPG estabelece que se poderán dispor de normas específicas para os docentes e persoal SERGAS. Non se poden trasladar todos e cada un dos permisos e licenzas aos docentes, está o dereito á escolarización do alumnado (necesidades do servizo). Non están restrinxindo dereitos. En canto ao profesorado interino e substituto estudamos por “con carácter xeral”, pero se hai unha avalancha de peticións nesas datas, teremos unha norma interna que poñerá couto. Pulirán a redacción dese apartado. Á consellaría preocúpalle a calidade no servizo.
 
Vixésimo segundo.- Licenzas por enfermidade
 
Desde a CIG-Ensino: debe recoller que menos de 4 días por enfermidade non debe ir ao apartado de imprevistos.
 
Vixésimo terceiro.- Licenzas por estudos
 
Desde a CIG-Ensino, debérase recoller que calquera docente poida solicitar unha licenza deste tipo ao longo da súa vida profesional.
Resposta: as cuestións que se formulan na Mesa de hoxe non van contemplarse neste punto. En todo caso, irán nas ordes correspondentes que vaian á Mesa Sectorial sobre este tipo de licenzas. Réplica CIG: Hai mecanismos que permiten lexislar o das licenzas por estudos. Resposta Non modifican nada, as licenzas dependen sempre dos orzamentos anuais.
 
Vixésimo cuarto.- Redución da xornada por garda legal
 
Desde a CIG-Ensino, demandamos que a redución da xornada poida ser inferior a 1/3, por exemplo, ¼ ou 1/6. Debe aplicarse a redución tamén sobre o horario lectivo e complementario fixo. Debe respectarse, con carácter xeral, a preferencia do solicitante. Resposta: a cobertura por substitutos/as sería difícil en reducións superiores a 1/3.
 
Vixésimo quinto.- redución da xornada por coidado dun familiar
 
Desde a CIG-Ensino, demandamos que esa guía da “boa praxe” se negocie na Mesa. Que se retire a duración mínima de 7 días. Resposta: esta guía é moi técnica. Pode traerse á Mesa, pero non para negociala. É un documento interno para uniformidade de actuacións. Incluirán que poida pedilo un familiar de 2º grao cando non poidan ser atendidos por un familiar de 1º grao.
 
Vixésimo sétimo.- Imprevistos
 
Desde a CIG-Ensino, demandamos que se agrupen os asuntos persoais e os imprevistos. A proposta sería: 30 horas imprevistos e 4 días de asuntos persoais (agrupación do 14º e 27º). Ten que desaparecer da redacción de imprevistos o de enfermidade leve non superior a 3 días. Non debe quedar nas mans da dirección decidir se se trata ou non dun imprevisto. Por outro lado, na redacción, no lugar de “poderán aceptar” debe dicir “aceptarán”.
 
Trixésimo.- Prazos para resolver
 
Deberan reducirse os prazos a 1 e 3 días. No apdo. 3) non debe aparecer o da autorización verbal, o que debe facerse é comunicar, pero sen autorización verbal (para evitar conflitos).

Resposta: Baixarán a 3 días nas direccións e manteñen o prazo de 10 para as delegacións. Cambiarán a redacción dependendo do permiso de que se trate.
 
Disposición adicional (permiso “lactación”).
 
Desde a CIG-Ensino, demandamos que se pase de 4 a 5 semanas (aínda que proporcionalmente serían máis). Resposta: Cando no ámbito da función pública galega se vaia ampliar, tamén se ampliará aos docentes. Non modifican nada.
 
 
AclaraciónsA Consellaría, ante a solicitude da CIG e o resto de OOSS de incluír nesta Orde a redución da xornada para o profesorado maior de 55 anos, di que será obxecto de regulación, pero que o acordo de catálogos de centros de Infantil e Primaria suponlle un custo á Admón. que imposibilita partidas orzamentarias para o capítulo I. A admón. xa dixo, o primeiro día que se tratou a orde de permisos e licenzas, que esta orde era para uniformizar e aplicar aos docentes os permisos derivados da LFPG e do EBEP, que non trataba de avanzar máis alá, senón trasladar.
 

Volver