Mañá iníciase o curso en Infantil e Primaria con máis alumando na aulas e menos profesorado nos centros, denuncia a CIG-Ensino

Os recortes suporán unha redución da calidade no ensino público galego

O curso 2012-2013 iniciarase mañá en Infantil e Primaria con máis alumnado e menos profesorado nas aulas. “O curso comeza cun incremento de alumnado por aula malia que Feijóo asegurou o contrario -explica Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino. Estamos observando que naqueles centros nos que é necesario crear unha unidade máis a Consellaría decide non facelo aínda que se superen as rateos establecidas. Ademais non se ten en conta para conformar os grupos ao alumando repetidor e tampouco se considera a redución do mesmo cando se escolariza alumando con necesidades educativas especiais".

“Co aumento de alumnado e a redución de profesorado pode falarse de escolarización máis non de educación no sistema público”, di Anxo Louzao. Para este curso, o ensino público nestes niveis educativos contará con 12 centros e 132 unidades menos, 113 unidades que agrupan alumando de diferentes idades, niveis e cursos e 199 postos de traballo fixos suprimidos.

A ampliación do horario do profesorado -que o curso pasado se implantou en Infantil e Primaria e que desta volta afectará tamén a Secundaria- leva consigo que haxa menos posibilidades de facer desdobres e reforzo  educativo e que aumenten os casos de profesorado que ten que impartir materias das que non é especialista. Os recortes tamén provocan que en Primaria o número de suprimidos e desprazados se incremente nun 45%, xa que en 2011  eran 168 os docentes afectados pola desaparición da súa praza e en 2012 esta cifra ascende a 245 e que haxa 359 profesores/as que impartan docencia en máis dun centro.

“Estamos ante un curso que evidencia a destrución de emprego e o empeoramento da calidade educativa.Coas medidas postas en marcha vai ser imposible reducir o fracaso escolar xa que é nestas idades, en Infantil e Primaria, onde hai que actuar para resolver as carencias na aprendizaxe e evitar que sexan insalvables no futuro”, explica Louzao.

A CIG-Ensino apoiara mañá a mobilización organizada pola Plataforma pola defensa da Montaña e do Rural que sairá ás 12 da mañá da Praza do Obradoiro ata San Caetano para denunciar esta supresión de unidades, centros e profesorado nos centros educativos do rural e no ensino público en xeral. “Este desmantelamento programado de servizos, que afecta de xeito especial ao medio rural,  reducirá a calidade pero tamén vai provocar un maior despoboamento”, di Louzao.

Redución de prazas nos comedores 

A CIG-Ensino denuncia que a Administración mandou  unha circular aos centros educativos na que se reduce o número de comensais en relación ao ano pasado, o que impedirá facer uso do comedor a nenos e nenas que si tiveron o servizo o curso pasado, sen respectar os límites que establece a normativa e sen ter en conta a opinión do Consello Escolar.

“Pero os recortes non afectan a todos igual xa que a Consellaría actúa como representante da patronal da privada concertada e para este curso incrementa en 16 o número de unidades na concertada, desviando 248 millóns de euros para eles”, engade Anxo Louzao. Mentres, o PP decide liquidar o programa de Preescolar na Casa, programa pioneiro que atendía a 4000 familias, fundamentalmente no rural, co conseguinte despedimento de 32 traballadoras/es. Non se dota de especialistas ao ensino público cando si se dota de profesorado de relixión a centros cunha carga horaria lectiva que en moitos casos non supera as 9 horas .

En canto ao idioma, a cruzada da Consellaría contra o galego levou a que o ensino na nosa lingua non chegue nin sequera ao 20% das aulas. Na Educación Infantil a situación agrávase ao haber unha porcentaxe de familias que se aproxima ao 50% que demandan que as aulas se impartan en lingua galega e que sen embargo teñen que escolarizar aos seus fillos/as exclusivamente en español, provocando que nos ámbitos urbanos a presenza do galego se sitúe  aínda máis lonxe dos índices arriba indicados. Para a CIG-Ensino os datos evidencian que obxectivo que perseguía a Consellaría co Decreto do Plurilingüísmo era o de afastar o noso idioma das aulas.

Volver