Malia o incremento logrado nas prazas, a CIG-Ensino mantén as discrepancias con algúns criterios da Consellaría

Información da negociación das prazas docentes para a OPE derivada da Lei 20/2021

A CIG-Ensino demanda que haxa oposicións ordinarias no 2023.

A CIG-Ensino considera impresentábel que a Consellaría pretenda non convocar as oposicións ordinarias coas prazas de reposición (xubilacións etc), limitando as probas selectivas do verán de 2023 ás 125 prazas das oposicións polo sistema extraordinario.

O sindicato exixe unha rectificación inmediata da Consellaría e que presente canto antes unha proposta de calendario para que as oposicións ordinarias (e para as que se agardan unhas 1.000 prazas) e as extraordinarias poidan ter lugar.

A única responsábel de que no ano 2023 se deixen sen convocar as oposicións ordinarias é a Xunta de Galiza. Todo apunta a un cálculo electoral do PP para agrupar no 2024 (previsibelmente ano electoral) as OPE de 2023 e 2024, o que aínda fai máis impresentábel a decisión da Consellaría.

Convocar unhas probas selectivas para 125 prazas, e con especialidade cunha única praza, é un sen sentido. Esta desfeita vén da man do Goberno estatal, coa colaboración de quen apoia unhas propostas que non están pensadas para a realidade do profesorado galego, mais iso non exime á Xunta de que cumpra coas súas responsabilidades.

Información da Consellaría sobre as alegacións aceptadas e sobre as convocatorias.

A Consellaría informou ao comezo da Mesa que tiveron en conta as alegacións que presentamos en función de tres cuestións, sempre a maiores dos criterios xerais dos que parte a Consellaría:

  • En caso de excedencia por coidado de familiares de persoal interino.
  • En caso de reserva de posto de traballo cando se adxudica destino no CADP (I.T. etc)
  • Considerar que hai compatabilidade para computar prazas pola DA8 cando había confusión por outras computadas pola DA6.
Ao respecto doutras cuestión xerais das convocatorias a Consellaría proporcionou a seguinte información:
  • Sendo claro que a acreditación do coñecemento do idioma galego vai ser un requisito, están á espera dun informe da asesoría xeral da Xunta sobre se sería preceptivo un exame de galego para quen no dispoña do CELGA 4 ou a convalidación correspondente.
  • Están á espera doutras consultas xurídicas relacionadas co baremo (titulación de grao, titulación de EOI, formación permanente vinculada á especialidade) e dunha posta en común coas demais CC.AA.antes de traer á Mesa a orde de convocatoria do concurso excepcional.
  • Os prazos cos que xogan para o concurso excepcional son os xa comunicados na última Mesa: negociación en xuño e convocatoria en setembro, co obxectivo de ter rematado todo o proceso de selección antes de setembro de 2023.
  • Sobre as oposicións ordinarias, aínda que formalmente non se pechan a que poidan cambiar de idea, deixan ben claro que do resultado das oposicións deste ano e dos procesos selectivos derivados da Lei 20/2021 quedaría unha porcentaxe moi baixa de persoal interino e que convocar un proceso ordinario no 2023 podería levar a unha “porcentaxe cero” de persoal interino inasumíbel (polas prazas que se precisan obrigatoriamente cubrir por persoal interino -reserva de posto, direccións..- así como pola limitación de non superar a cifra total de profesorado actual imposto pola Lei, previo acordo sindical do trío habitual).

CONSIDERACIÓNS FINAIS DA CIG-ENSINO SOBRE A OPE DERIVADA DA LEI 20/2021

LISTAXE FINAL DE PRAZAS DA OPE DERIVADA DA LEI 20/2021
  • A Consellaría fixo pública a súa cifra final de prazas a ofertar na OPE antes da reunión da Mesa Sectorial. É unha falta de respecto, porque parte da presunción de que non sei vai aceptar ningunha proposta que se poida facer na Mesa. É certo que obtivemos resposta por escrito onte mesmo ás nosas alegacións mais a Consellaría non sabe se temos algo que considerar, como é o caso.
  • Como xa avanzamos na Mesa anterior, parécenos positivo a rectificación da Consellaría de Educación á hora de fixar os criterios para determinar as prazas que se deben ofertar na OPE do concurso excepcional e do concurso oposición extraordinario, un cambio que provocou un incremento superior ao 200% das prazas.
  • Partimos no caso do concurso excepcional dunha cifra ao redor das 500 prazas para pasar inicialmente a duplicala (1.101), chegando finalmente a 1155 prazas.
  • Temos claro o papel que como sindicato tivemos neste proceso e só podemos constatar que superar en máis do dobre as prazas inicialmente previstas vai duplicar o número de docentes que lograrán unha praza fixa no ensino público.
  • A CIG-Ensino enfocou as súas alegacións ás prazas anunciadas pola Consellaría do seguinte xeito:

- Trasladamos á Consellaría a nosa desconformidade cos criterios nos que non existe acordo e que se recollen na exposición final do sindicato na Mesa.

- Estudamos as prazas ofertadas, segundo os criterios da Consellaría, tanto partindo dos nosos estudos previos como das achegas do profesorado recibidas nesta última semana, e remitimos alegacións xustificada solicitando a incorporación de 128 prazas para o concurso e de 31 para o concurso oposición ou, no seu caso, a xustificación para non ser ofertadas. A Consellaría respostou ao sindicato na mañá do luns 25, xustificando aquelas que non cumprían e indicando cales se aceptaban.

- Da revisión da resposta de onte da Consellaría presentamos na propia Mesa 11 reclamacións, ao considerar como insuficientes as xustificacións remitidas: son 10 prazas de concurso e 1 de concurso oposición. A Consellaría confirmou que revisará se hai erros e só nese caso modificará a oferta final.

CIG

11 reclamacións presentadas á resposta da Consellaría.

Concurso oposición extraordinario.
- 1 praza de Educación primaria

Concurso excepcional.
- 1 praza de 590004 Lingua Castelá e Literatura
- 1 praza de 590009 Debuxo
- 1 praza de 590019 Tecnoloxía
- 1 praza de 590102 Análise e química industrial
- 1 praza de 590103 Asesoría e procesos de imaxe persoal
- 1 praza de 590123 Procesos e produtos en madeira e moble
- 1 praza de 591211 Mecanizado e mantemento de máquinas
- 1 praza de 595503 Conservación e restauración de obras escultóricas
- 1 praza de 596614 Técnicas de gravado e estampación
- 1 praza de 595508 Debuxo Técnico .

  • Todas as 54 prazas engadidas para concurso responden, unha a unha, a prazas reclamadas pola CIG-Ensino. Só hai unha praza non reclamada polo sindicato: Guitarra eléctrica de cátedras de música e artes escénicas que, en contra do criterio inicial da Consellaría, foi incorporada. As reclamacións da CIG-Ensino implican un incremento do 5% das prazas do concurso.
  • No caso do concurso oposición hai un incremento de 10 prazas, o que implica case un 9% de aumento.Todas elas foron reclamadas pola CIG-Ensino.
  • Reiteramos a nosa coincidencia coa priorización das prazas do concurso (vinculadas coa Disposición Adicional 6ª e 8ª) sobre as de concurso oposición (artigo 2). Do contrario, estariamos diante dun escenario cunha oferta moito máis reducida.
  • Reclamamos no seu día total transparencia nos datos das prazas e do persoal interino para poder estudar a oferta da Consellaría. Se ben é certo que se nos proporcionaron os datos, temos que afirmar que non se nos facilitou o traballo, xa que puideron terse enviado dun xeito que non provocase unha pescuda adicional das prazas ofertadas (centro a centro, posto a posto) que levou á nosa organización a un traballo adicional innecesario e a outras a ter que recorrer a copiar o noso, cousa que non nos incomodaría se se advertise publicamente. Sobre telos compartido como se fosen propios xa dixemos o que tiñamos que dicir publicamente. Polo tanto, á transparencia fáltoulle facilidade de acceso.
  • Mantemos a nosa discrepancia co criterio de non ter en conta todas as prazas ocupadas con destino provisional para determinar a oferta da DA6. Non podemos afirmar que isto levase a un incremento relevante de prazas, mais entendemos que achegaría menos arbitrariedade na selección das prazas concretas.
  • Non compartimos o requisito do carácter estrutural das prazas en todos os cursos.
  • Ao respecto das prazas vinculadas coa DA8 consideramos que existe unha aplicación restritiva da Lei, ao equiparar estas prazas coa DA6. Entendemos que na intención da Lei non entraría computar, por exemplo, a unha docente interina que traballou no curso 2015/16 e non volveu traballar até este curso 2021/22. Mais entre este extremo e computar só cando se traballou como persoal interino todos os cursos, sen ter en conta períodos de interrupción, por breves que estes fosen, é ir moito máis alá do que di a DA8.
  • Consideramos un cambio favorábel que se evitase descontar todas as prazas vinculadas cos descontos das direccións de todos os IES. De se ter mantido esa proposta inicial da Consellaría a redución de prazas sería importante. Con todo, insistimos que a redución nos centros de tipo A só se debería dar en casos excepcionais e non como normal xeral.
  • Tamén mostramos o noso acordo co feito de que a administración galega non recorrese a criterios que van empregar algunhas administracións e que implicarían unha redución radical do total de prazas: descontar todas as reducións de direccións, non ter en conta prazas con afíns ou non partir do global das prazas ofertadas á hora de computar as prazas con reserva de posto de traballo, entre outros casos.
  • Deixamos ben claro que a nosa principal discrepancia está nos criterios antes citados. Sabemos que a marxe de prazas nas que nos movemos, tendo en conta as cuestións nas que hai desacordo, non nos levarían a un incremento importante de prazas polas limitacións vinculadas co propio texto legal, especialmente o que fai referencia á limitación do número actual de docentes vinculado co acordo sindical estatal ao que a CIG se opuxo frontalmente. Aínda así, consideramos que a Consellaría debería ter feito unha lectura máis aberta da Lei, especialmente no que se refire a ter en conta interrupcións nas contratacións desde xaneiro de 2016.

Sobre a comisión de selección (artigo 10)

Novamente volve demostrarse que as nosas propostas teñen perfecto encaixe legal. Cando reclamamos que nos procesos selectivos ordinarios haxa unha comisión formada por persoal técnico da Consellaría que se encague de toda a baremación pónsenos todos tipo de escusas.

Agora vemos como non só non existe ningún problema para que se lexisle sobre a existencia desa comisión, senón que mesmo se lle dá a completa atribución da selección do persoal que supere o concurso.

Estamos de acordo con que sexa a comisión quen desenvolva todo o traballo técnico mais non con que sexa nomeada a dedo sen sorteo. Cremos que a medida máis idónea é nomear por sorteo un tribunal por cada corpo, tendo este a última responsabilidade da selección e que sexa a comisión técnica quen bareme.

Ligazón á información da mesa sectorial

Volver