Integración do corpo de PTFP no corpo de PES

Toda a información da Mesa Sectorial

Na reunión da Mesa Sectorial do 25 de outubro tratouse como tema central o procedemento de integración no corpo de PES do profesorado, a extinguir, do corpo de PTFP. A CIG-Ensino reiterou na Mesa todas as demandas que formulamos previamente na negociación co Ministerio e que tamén lle fixeramos chegar, con antelación a esta reunión da Mesa galega, aos máximos responsábeis da Consellaría. Tamén propuxemos melloras e aclaracións ao texto.

Sobre o texto da convocatoria

  • Documentación coa titulación en datos persoais. Consideramos positiva a modificación da orde no sentido de que non sexa necesario presentar a titulación se xa consta en datos persoais.
  • Requisitos xerais: Como xa indicamos na negociación co MEFP os requisitos xerais son limitantes e non compartimos algunhas exclusións inxustificadas:
    1. Que non poida integrarse nin neste momento nin no período posterior quen está nunha excedencia por interese particular ou por incompatibilidade, o que obrigaría a unha persoa nesta situación a incorporarse para poder ter dereito á integración. Solicitamos que para estes casos a Consellaría permita unha incorporación polo tempo mínimo imprescindíbel se se desexa manter en excedencia.
    2. Que non poidan cobrar os atrasos as persoas que se xubilaron desde xaneiro de 2021. A pésima xestión do MEFP, cos erros na tramitación parlamentaria e a ausencia de negociación sindical previa, así como a negativa posterior a incorporar a quen estaba traballando en xaneiro de 2021 mais agora xa se xubilou é negar o dereito a cobrar o que lle correspondía por ese tempo traballado. Estudaremos desde a perspectiva legal esta inxustiza.

A Consellaría indica na súa intervención que trasladaron ao Ministerio que se incluísen no RD estes colectivos, na mesma liña do que defendeu o sindicato na Mesa, mais non se moven desa crítica sen dar pasos adiante, como lle demanda a CIG.

Para o sindicato, se está pechada a posibilidade dun recoñecemento formal pola vía deste procedemento sempre se poden buscar alternativas dentro das competencias da Xunta, mais para iso é preciso ter vontade de facelo e demóstrase que non a teñen.

  • Prazo de resolución: a base 14ª non debe levar a equívocos. Non é habitual que figure un prazo máximo de resolución (5 meses), mais en todo caso non pode implicar que, por unha demora da Consellaría, haxa algún problema para a completa tramitación do procedemento. A Consellaría indica que indicar un prazo vén obrigado polo RD mais que a previsión é poder rematar antes e que non implicará problemas coa integración.
  • Efectos da resolución da integración: Na base 15ª.3 figura que para quen accedeu ao corpo de PTFP con posterioridade ao 19 de xaneiro de 2021 a data de efectos será a do seu nomeamento no corpo. Con esta redacción a todas as persoas que aprobaron o concurso-oposición no verán de 2021 non se lles recoñecerían os efectos até setembro de 2022, data na que foron nomeadas funcionarias e funcionarios do corpo agora a extinguir. Demandamos que se recoñeza a data na que comezaron a traballar. Se non traballaron antes como persoal interino sería con efectos da toma de posesión do curso 2021/22 e se tiñan servizos previos desde a data xeral (xaneiro de 2021). Temos o convencemento de que non facelo deste xeito vulneraría o principio de igualdade polo que nos veriamos envoltos novamente en procesos xudiciais.

A Consellaría di que está obrigada polo RD a recoñecer só desde que se cumpra o requisito de ser funcionariado de carreira (setembro de 2022) e que non van tomar decisións que puidesen poñer en perigo a convocatoria.

A CIG-Ensino insiste en que, tanto neste caso como no do persoal interino ou do pago dun complemento compensador, poden adoptarse estas medidas sen que se recollan na convocatoria, vinculadas a unha nova norma que recoñeza ese dereito retroactivo.

  • Procedemento posterior aberto.
    • Solicitamos que se indique na base 16ª a data na que se abrirá o procedemento, que debe ser permanente, e que se teña en conta a data de cumprimento do requisito. Por exemplo, demandamos que quede claro que se unha persoa consegue o grao en xullo de 2023 e o procedemento aberto non está operativo até setembro a data debe ter carácter retroactivo de xullo.
    • Aínda que esta base 16ª non exclúe a ninguén que sexa funcionaria ou funcionario de carreira das actuais especialidades, solicitamos que se indique expresamente que poderán solicitar a integración posterior o profesorado das 29 especialidades; no caso das 10 especialidades do anexo III nas condicións que figuran na base 3ª.

A Consellaría contesta indicando que o procedemento aberto regularase mediante unha nova orde que se publicará cando remate o actual proceso. Afirman que no caso das persoas que reúnan os requisitos de titulación con anterioridade á apertura dese novo prazo a data efectiva de recoñecemento será a da obtención da titulación. Non así no caso das persoas que tivesen xa hoxe a titulación e non participasen no procedemento. Nese caso os efectos serían desde que se presentase a solicitude unha vez aberto o prazo posterior.

Aclaracións sobre determinados casos a ter en conta

A CIG-Ensino considera que deben darse instrucións sobre as seguintes casuísticas ou incorporar no texto da convocatoria, segundo proceda: 

  • Adscrición a especialidades que imparten docencia na ESO. Entendemos que o actual profesorado de PTFP que está adscrito a unha especialidade de secundaria (Tecnoloxía, FOL, …) vai manter tamén esa mesma adscrición unha vez finalizado o proceso de integración. Van manterse como están na actualidade.
  • Situación do profesorado que xa pertence ao corpo de PES noutra especialidade diferente. Hai profesorado que xa pertence ao corpo de PES por ter aprobado con anterioridade un proceso selectivo. Deben terse en conta as seguintes casuísticas:
    • Profesorado en activo no corpo de PTFP e en excedencia por incompatibilidade no corpo de PES. Entendemos que ten que participar neste procedemento e pasará a ter dúas especialidades diferentes no corpo de PES. Deben participar no procedemento e pasarán a ter unha nova especialidade.
    • Profesorado en excedencia no corpo de PTFP e en servizo activo no corpo de PES. Co texto da convocatoria non pode participar e consideramos que debe regularse a súa integración no corpo de PES na especialidade de PTFP de procedencia de oficio, ao ter xa acreditada a titulación cando accedeu a PES. Neste caso non habería efectos económicos ao estar xa no corpo de PES. A Consellaría quere que este profesorado participe igualmente no procedemento aínda que finalmente non poida figurar no BOE mais si nunha resolución a nivel autonómico. En todo caso, amosan dúbidas polo mal que pechou o Ministerio este tema.
    • Profesorado que superou as oposicións deste ano no corpo de PES. Como se vai regular a súa situación tendo en conta a adxudicación do CXT? Até agora, ao ser especialidades de diferentes corpos, era a persoa a que escollía o corpo no que quedar en excedencia por incompatibilidade e sempre podía optar por non tomar posesión na praza adxudicada. A Consellaría contesta que no caso de que estas persoas participen simultaneamente polos dous corpos actuais (PES e PTFP) sempre poderán optar antes do CADP por quedar nun ou noutro corpo. A partir deste concurso participarían, de querer, por dúas especialidades.
    • Efectos na xubilación: a tramitación de todo o expediente tamén levará a unha modificación de oficio da cotización a clases pasivas ou ao réxime xeral da seguridade social, segundo corresponda, e que terá efectos de antigüidade para o cálculo do haber regulador e das bases de cotización. Demandamos que se confirme. Indican que entenden que así será.
  • Perfeccionamento de trienios. Para o pago dun trienio tense en conta o subgrupo no que se perfeccione. Así, se unha persoa perfeccionou un trienio desde febreiro de 2021 tamén haberá que pagarlle os atrasos correspondentes, xa que ese novo trienio ten un valor superior no A1. Ten isto previsto a Consellaría? Indican que si e que pagarán os atrasos oportunos de oficio.

As demandas da CIG-Ensino para estender as melloras da integración a todo o profesorado de FP

É ben coñecida a defensa que desde o sindicato levamos feito desde sempre e, en concreto, desde antes da publicación da LOMLOE sobre o principio básico de que a igual traballo debe corresponder o mesmo salario. Na liña da nosa histórica defensa dun corpo único ou da integración de todo o profesorado no subgrupo A1, unha parte importante das nosas propostas desde hai agora dous anos foron encamiñadas a que todo o profesorado de FP gozase das mesmas retribucións e dereitos. Pechada a porta a unha modificación da norma que impide que docentes sen titulación universitaria se puidesen integrar no A1, aínda que fose con carácter persoal, a nosa alternativa pasou e pasa por conseguir o mesmo obxectivo por outras vías. É algo perfectamente legal e só require vontade política do goberno da Xunta.

  • Negociación dun complemento compensador para todo o profesorado de FP que non se integre no corpo de PES. Demandamos que todas as persoas que traballan nestas ensinanzas cobren o mesmo. Esta mellora aplicaríase en todos os casos:
    • Profesorado funcionario de carreira do corpo, a extinguir, de PTFP -de calquera especialidade- que non poida integrarse.
    • Profesorado do novo corpo de PESSFP, tanto funcionariado de carreira como interino.

Contestan que se negan por completo á posibilidade dun complemento compensador de carácter xeral.

  • Profesorado interino das especialidades que pasan a PES.
    • O principio de igualdade que está na base das sentenzas gañadas pola CIG-Ensino nas dúas últimas décadas (pago de vacacións non gozadas, trienios e sexenios para o persoal interino) tamén debe ser a base para os efectos do pago ao persoal temporal do salario do subgrupo A1 desde xaneiro de 2021 (ou data posterior se comezou a traballar con posterioridade). Non o facer atenta contra ese principio e obrigaríanos a dirimir nos xulgados o que debería ter solución nesta Mesa de negociación. De novo depende da vontade política da Xunta. A resposta da Consellaría foi que para percibir con carácter retroactivo o salario do subgrupo A1 hai que ter cumprido o requisito de ser funcionariado de carreira con data de 19/01/21, de aí que non entra nas previsións da Xunta recoñecer este dereito e que o persoal interino con nomeamento actual de PTFP de listas que pasen a PES só cobrarán como PES a partir do nomeamento do próximo curso.
    • Carencia de titulación. Existe un número reducido de docentes que traballan a día de hoxe nalgunha destas especialidades cunha titulación que foi válida e que, unha vez esgotadas as catro convocatorias do RD 777/1998 (modificado pola DA única do RD 276/2007), non poden xa presentarse ás oposicións. A CIG-Ensino defende que estas compañeiras e compañeiros poidan seguir a traballar nas mesmas condicións que na actualidade. Neste caso a Consellaría afirmou que non teñen pensado excluír a ninguén das listaxes.
  • Profesorado especialista de FP. Hai a día de hoxe especialistas vinculados a listas de PES e a listas de PTFP. Que criterio ten pensado empregar a Consellaría para determinar en que corpo deben figurar as especialidades que agora figuran con PTFP? Van revisar a adscrición a un ou outro corpo.
  • Listaxe de Prácticas e Actividades. Tendo en conta que a especialidade da que se nutre en parte esta listaxe é Servizos á Comunidade, e que esta pasa a PES, é lóxico que Prácticas e Actividades tamén pase. Pedimos aclaracións. A resposta da Consellaría foi negativa e mesmo formulou dúbidas sobre se poderá seguir sendo unha “especialidade docente” e non descartou que no futuro pase a ser persoal educador da Xunta.

Un obxectivo de unidade

A conclusión non pode ser outra que evitar que permaneza a discriminación de que nun mesmo centro, nun mesmo departamento, impartindo os mesmos ciclos e módulos, atopemos docentes con condicións retributivas diferentes. Se até o de agora era inxusto, agora segue a selo, coa diferenza de que o esforzo orzamentario da administración sería menor, xa que unha parte maioritaria do profesorado vai ver mellorado o seu salario.

É bo lembrar que a redacción orixinal da LOMLOE limitaba dun xeito enorme a integración, xa que só lla permitía a quen tivese grao, licenciatura, arquitectura e enxeñaría superior deixando fóra a quen tivera diplomaturas, enxeñarías técnicas, arquitecturas técnicas ou equivalentes. Foi, entre outras, a posición da CIG-Ensino a que centrou neste tema as críticas ao procedemento, feito do peor xeito posíbel na tramitación parlamentaria, como se demostrou posteriormente cos cambio introducidos na LOFP, moitos deles coincidentes coas propostas do sindicato maioritario en Galiza.

O día despois da integración

Na negociación na Mesa estatal do RD de integración houbo varios aspectos que non se recolleron expresamente e que agora formulamos nesta Mesa para que, ou ben se recollan ou cando menos se aclaren para despexar calquera dúbida, porque está claro que se deberán modificar normas como a orde de CADP ou do CXT:

Mobilidade

  • Que o profesorado declarado a extinguir no corpo de PTFP que non se integre no corpo de PES poderá continuar nos seus postos definitivos indefinidamente.
  • Que este mesmo profesorado poderá exercer a mobilidade nos concursos de traslados a prazas da súa especialidade, con independencia de que esta se integrara no corpo de PES ou pertenza ao de PESSFP.
  • Esta mesma garantía de mobilidade tamén se debe recoñecer no caso de supresión ou desprazamento por falta de horario.
  • No caso das persoas que queden a extinguir por non posuír a titulación de Grao ou equivalente nas especialidades que se integren no corpo de PES poderán seguir solicitando destino provisional no CADP pola súa especialidade mantendo os dereitos de prioridade en caso de ter concedidas comisións de servizo (saúde e concilia).
  • Poderán solicitar prazas das dez especialidades do corpo de PESSFP:
    • o profesorado deste novo corpo.
    • o actual profesorado de PTFP destas especialidades que quede a extinguir no corpo de PTFP.
    • o que, con carácter individual, segundo se recolle na base 3ª, se integre no corpo de PES.

A Consellaría apunta a que a falta de incorporación dos temas que propoñemos desde a CIG-Ensino nas modificación legais necesarias (RD de concurso de traslados, por exemplo) provoca unha enorme incerteza sobre que vai pasar no futuro coa mobilidade no CXT do profesorado a extinguir, aínda que afirma coincidir coas nosas demandas. No caso do CADP a Consellaría afirma que si vai garantir todos os dereitos xa que ten competencias plenas.

Accesibilidade á integración despois do 2026

Seguiremos a defender no foro estatal que corresponda que a data de xaneiro de 2026 non sexa un punto final e que se poida lexislar un prazo indefinido de integración. Iso non implica que non presentemos, como xa fixemos na Mesa estatal propostas alternativas que, para o caso de que non se acepte a nosa proposta, poidan facilitar esa integración. Así:

  • Licenzas por estudo: Levamos un ano reclamando que a Consellaría promova a concesión de licenzas por ampliación de estudos para o profesorado de FP que careza da titulación universitaria, que permitiría a súa integración no corpo de PES.
  • Validación de experiencia profesional. Propoñemos que se regule a validación de créditos universitarios, tanto pola titulación superior de FP ou polo certificado oficial de formación pedagóxica como pola impartición de docencia no sector público da Formación Profesional, de tal xeito que se facilite a obtención dun grao relacionado coa práctica docente xeral ou específica da FP para todo o profesorado en activo e a extinguir no corpo de PTFP.

Nestes dous temas non responden ao non ser temas da competencia desa Dirección Xeral e afirman que darán traslado á Dirección Xeral de Formación e á Secretaría Xeral de Universidades.

Toda a información sobre o procedemento de integración de PTFP en PES

Participación electrónica

Só se pode participar de xeito electrónico mediante un procedemento específico (ED021A).

Aconsellamos que na tramitación na sede electrónica se autorice á Consellaría a comprobar os datos que figura na convocatoria (titulación, situación administrativa…)

Documentación da titulación requirida (datos persoais)

  • O profesorado que teña a titulación requirida actualizada no seu expediente en datos persoais non ten que achegala. Será suficiente coa solicitude de participación.
  • O profesorado que non a teña a titulación actualizada debe achegar o título e, se non dispón del, certificación académica oficial xunto co recibo de ter efectuado o pago de taxas a través dun procedemento diferente: o ED011A (aberto permanentemente para actualizar datos persoais).

Prazo

20 días hábiles contados desde o día seguinte á publicación no DOG

Quen pode participar?

Funcionariado de carreira do corpo, a extinguir, de PTFP de calquera das especialidades e cumprir os seguintes requisitos no prazo de presentación de solicitudes:

  • estar en servizo activo con destino definitivo ou en expectativa en Galiza.
  • estar en servizos especiais, excedencia por coidado de familiares, violencia de xénero ou violencia terrorista, sempre que tivera o seu último destino en servizo activo en Galiza.
  • ter titulación universitaria (grao, licenciatura, enxeñaría superior ou arquitectura; diplomatura, enxeñaría técnica e arquitectura técnica).

Especialidades do novo corpo de Profesorado Especialista de Sectores Singulares de FP (PESSFP)

Aínda que as 10 especialidades que pasan a este corpo non se integran como tales no corpo de PES, o profesorado que cumpra os requisitos pode participar neste procedemento aos efectos de integrarse, con carácter persoal, no corpo de PES.

Tramitación

  • Publicación de resolución provisional na web de persoas a integrar no corpo de PES así como de excluídas.
  • Prazo de 10 días hábiles para reclamar a través do propio procedemento da sede electrónica (apartado “alegacións”).
  • Publicación de resolución definitiva na web.
  • Publicación no DOG da lista de persoas que se integran en PES.

Efectos da resolución

  • Desde o 19 de xaneiro de 2021 para quen cumprira as condicións desde esa data.
  • Desde a data na que se cumpran se é posterior á anterior (por exemplo, se se obtivo a titulación de grao en xullo de 2022 sería con efectos desta última data).
  • Desde a data na que figure o nomeamento no corpo de PTFP no caso de quen aprobou as oposicións de 2021.

Profesorado con máis dunha especialidade

Quen, na data de integración, teña dúas ou máis especialidades do corpo de PTFP integrarase nas correspondentes especialidades novas de PES, mantendo a atribución docentes en todas elas.

Cambios nos códigos

Todas as especialidades pasan a ter o 590 do corpo de PES.

Das 19 especialidades que se integran como tal no corpo de PES todas manteñen o código da especialidade de procedencia (ex: 590225 Servizos á Comunidade) agás Equipos electrónicos que pasa a ser 590231.

Nas 10 especialidades de PESSFP, nas que o profesorado pode pasar con carácter individual ao subgrupo A1, tamén hai cambios de códigos (mais só para este profesorado). Todas pasan a ser 590 e só dúas cambian o código de especialidade: Cociña e Pastelaría (590230) e Estética (590232).

Integración posterior a esta convocatoria

Poderán solicitar a integración con posterioridade a esta convocatoria, e sempre antes do 19 de xaneiro de 2026, segundo un procedemento aberto que determinará a Consellaría: 

  • quen reúna posteriormente os requisitos (por exemplo, obter un grao universitario, os efectos serán a data da obtención da titulación)
  • quen xa tivera con anterioridade os requisitos mais non solicitara a integración (neste caso os efectos serán desde a data de solicitude.)

 

Toda a información das propostas da CIG-Ensino e dos temas tratados na Mesa Sectorial

Volver