Información importante sobre a petición de destinos no CADP

Información de interese para o persoal participante no Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais

O profesorado que acceda polo concurso de méritos, se accede no mesmo corpo e especialidade na que tiña unha solicitude como persoal interino, accederá a esta solicitude na que aparecerán os códigos dos centros. Terá que modificar o colectivo se non aparece xa cargado (docente en expectativa de destino).

Hai que ter en conta que, a diferenza das peticións como persoal interino, a quen non lle corresponda unha praza das solicitadas terá unha adxudicación de oficio. Por tanto, aconsellamos que se soliciten todos os centros e/ou localidades ou un número importante deles, e priorizando as provincias.

O profesorado interino que acada praza no concurso de méritos só vai acceder á solicitude da especialidade pola que consegue praza. Con todo, hai que ter en conta a diferenza entre o corpo de mestres e os demais corpos docentes. Vexamos algúns exemplos:

CORPO DE MESTRES

  • Unha mestra ou mestre que acade praza no concurso de méritos pola especialidade de PT e que tamén estaba na lista de AL: non poderá pedir destinos no CADP de AL e terá que agardar ao mes de setembro para pedir a habilitación nesa outra especialidade se cumpre os requisitos de titulació
  • Esa mesma persoa poderá pedir destinos da especialidade de Educación Primaria sempre e cando teña xa a titulación que se exixe. A Consellaría cargou de oficio esa especialidade como fai todos os anos coas mestras e mestres que pasan a ser funcionariado de carreira. Exemplo: unha mestra con Grao en Primaria debe ter cargada a especialidade de EP. Unha con Grao en Infantil, non.
  • Hai que ter conta que unha mestra ou mestre que vexa recoñecida de oficio a especialidade de EP podería, de ser o caso, obter un destino de oficio tamén por esta especialidade, do mesmo xeito que pola especialidade pola que acada praza.

Podes acceder a toda a información sobre habilitacións nesta ligazón: habilitacións no corpo de mestres e mestras

DEMAIS CORPOS DOCENTES

Nestes casos a norma é mais sinxela: só se accederá a instancia da especialidade pola que se acada a praza, sen posibilidade de acceder a outras especialidades das que se formase parte das listas de interinidades.

EN TODOS OS CASOS

Poden darse varias casuísticas especiais que hai que ter en conta. Apuntamos só algunhas das que temos coñecemento. En caso de dúbidas ou dun caso diferente, recomendamos, como sempre, consultar nos locais da CIG-Ensino ou no correo galiza@cig-ensino.gal

Docente que acada praza no concurso de méritos e xa é funcionaria en expectativa noutro corpo.

Non pode obter dous destinos. No caso de que unha persoa resulte adxudicada nunha especialidade quedarán sen efecto a solicitude ou solicitudes que poida ter realizado noutro corpo. Polo tanto, debe terse en conta a prelación de corpos para  adxudicación. Se, por exemplo, unha persoa quere obter unha praza no corpo de PES, no prazo de reclamacións e renuncias a adxudicación provisional,  debe renunciar á adxudicación no corpo de mestres, xa que do contrario obtería destino neste.

Docente que acada praza no concurso de méritos e é interina noutro corpo no que prefire seguir a traballar.

Un funcionario ou funcionaria de carreira pode solicitar unha excedencia por interese  particular para ocupar un posto de traballo temporal na mesma ou noutra administración. Así, unha persoa do corpo de PES pode ser interina de EOI sempre e cando pida esa excedencia. Ten que cumprir o requisito de ter prestados servizos nos 3 anos inmediatamente anteriores.

Como a Consellaría vai borrar as instancias diferentes ás da especialidade pola que se acada praza, se unha persoa que cumpra o requisito quixese pedir destino como interina noutro corpo tería que presentar unha solicitude á Consellaría para que lle recuperen a solicitude de interina e poida presentala.

Esta situación só se pode dar entre diferentes corpos xa que non se pode ser ao tempo interino e funcionario de carreira dun mesmo corpo.

Prelación dos corpos para a adxudicación no CADP.

- 510 Inspección

- 597 Mestres/as

- 512/592 Catedráticos/as e profesorado de escolas oficiais de idiomas

- 513/595 Catedráticos/as e profesorado de artes plásticas e deseño

- 596 Mestres/as de taller de artes plásticas e deseño

- 593 Catedráticos/as de música e artes escénicas

- 594 Profesorado de música e artes escénicas

- 511/590 Catedráticos/as e profesorado de ensino secundario

- 598 Profesorado especialistas en sectores singulares de FP

Dentro de cada corpo a orde vén fixada pola código das especialidades.

Todas as persoas que obteñen praza mediante o concurso de méritos e participan como expectativa de destino obterán praza pola orde da listaxe de aprobados e despois de todas as persoas que xa figuran como expectativa de destino e aprobaron as oposicións no 2022.

Recomendacións xerais á hora de solicitar destinos

Dado que, como xa se indicou, a Consellaría ten que outorgarlle un destino a todo o profesorado en expectativa, desde a CIG-Ensino recomendamos ter en conta as características dos centros que se soliciten, como o tipo de xornada, se son de especial dificultade, se se trata dun CIFP no que se imparten ámbitos de FP básica, se teñen ensinanzas de adultos, así como a nova oferta formativa que se vai implantar o vindeiro curso. Isto é de especial relevancia sobre todo para o profesorado que imparte en FP e, en menor medida, para o que imparte en ensinanzas de deseño e artes plásticas.

No primeiro caso é recomendábel que se revisen os centros ou localidades que se teñen posto en instancias de anos anteriores porque este ano vai haber novos ciclos en determinadas localidades (só por poñer tres exemplos, en Ribeira da familia profesional de Hostalaría e Turismo, en Melide da familia Agraria ou en Lugo da familia de Imaxe e Son).

Para consultar os centros de Infantil, Primaria e Educación Especial pódese acceder ao catálogo actualizado (a efectos do curso que agora remata) que elaboramos no sindicato, onde figura o tipo de xornada, a catalogación como de especial dificultade ou o número de aulas e docentes oficiais que teñen. Ver catálogo.

Publicación en breve no DOG das persoas que superaron o concurso de méritos e serán nomeadas funcionarias e funcionarios de carreira.

Segundo información solicitada pola CIG-Ensino á Consellaría de Educación vai publicarse en breve a orde coas persoas que acceden mediante o concurso de méritos.

Podemos confirmar que non vai quedar ningunha praza deserta, algo que nos parece especialmente positivo xa que foi sempre en todos os procesos selectivos, e tamén neste, unhas das demandas e preocupacións do sindicato.

A Consellaría está á espera de revisar os recursos de alzada presentados, que son poucos e que en principio vai implicar un reducido incremento de prazas. A resolución e comunicación destes recursos aínda vai demorar mais resolveranse con tempo abondo para obter destino no CADP como expectativa de destino. As persoas que obteñan praza por un recurso de alzada contarán cun prazo similar ao de quen superen o concurso oposición para mudar a súa instancia.

Volver