Información do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Educación (CISSL)

A reunión do CISSL celebrouse o luns 30 de outubro e tratou asuntos como as revisións de saúde, a avaliación de riscos psicosociais ou un novo Protocolo para empresas alleas aos centros cando prestan servizos nestes

A Administración presentou como positivas unhas cifras de persoal que solicitou as revisións de saúde para este curso 2023/24 que non chegan ao 24% do persoal docente da Consellaría de Educación: tan só a solicitaron un total de 7.198 docentes por 1.265 non docentes.

 

Desde a CIG-Ensino discrepamos desa visión optimista e consideramos que a Administración non lle está a dar a importancia que ten a revisión anual da nosa saúde. Solicitamos máis implicación por parte da Consellaría á hora de fomentar estas revisións médicas. A resposta da Administración foi o compromiso de ampliar o prazo para anotarse na revisión anual, pasando a ser todo un mes e comezando máis adiante das datas actuais, estendéndose a todo o mes de outubro, xa que a comezos de curso hai persoal que aínda está tomando posesión. Igualmente informaron de que enviarán un correo masivo a todo o persoal cando se abra o prazo de solicitude na seguinte campaña de 2024. Por outro lado, a CIG-Ensino seguirá solicitando que as revisións de saúde pasen a ser realizadas polo SERGAS e non por unha empresa privada como na actualidade.

Avaliación de riscos psicosociais

Dentro da avaliación de riscos de todos os centros educativos que se está levando a cabo vaise facer tamén unha avaliación de riscos psicosociais de todo o persoal en dous anos para o que a Consellaría solicita a participación, voluntaria, de todo o profesorado, xa que a maior participación os resultados serán máis fiábeis. A avaliación será online, por centros educativos e preservando o anonimato. Para garantilo en todos os casos, agruparán varios centros cando sexan pequenos.

Novo Protocolo para a Coordinación de Actividades Empresariais (CAE)

A Consellaría informou da inminente posta en marcha dun Protocolo de actuación para cando traballan nos centros persoal alleo á Consellaría de Educación (unha empresa que realiza unha reforma ou reparación, por exemplo). Todas as empresas teñen que cumprir a normativa de seguridade e saúde no traballo e serás as direccións dos centros as que, como “órgano de intervención”, terán que desenvolver o proceso de coordinación con esas empresas. A dirección tería que remitir ao Servizo de Prevención da Consellaría a información e documentación recabada á empresa. A CIG-Ensino demandou que antes do inicio da prestación por parte dunha empresa allea debería intervir, no caso de se precisar asesoramento, o propio Servizo de Prevención da Consellaría, xa que vai ser este quen en última instancia revise todo para dar a conformidade.

Queixas de profesorado e activación dos comités provinciais

Na reunión, a CIG-Ensino insistiu na súa solicitude de que se activen os comités provinciais de Saúde Laboral, xa que é nestes comités onde terían cabida moitas das peticións de colectivos, como por exemplo as que a CIG-Ensino trasladou nesta reunión de profesorado de Educación Física que ve a necesidade de revisión periódicas das instalación deportivas polo desgaste que sofren polo uso intensivo ou as inclemencias meteorolóxicas. Tamén trasladamos queixas de profesorado de FP relacionadas coas deficiencias hixiénicas  e de superficie nos servizos de duchas ou vestiarios en función da ratio de alumnado ou con talleres que non se axustan á normativa por inadecuación de espazos para a garda e uso de maquinaria.

Tamén fixemos referencia á cuestión da ratio na FP,  tras a negativa no “acordo das renuncias” a melloralas, xa que as ratios reducidas especialmente na FP Básica son imprescindíbeis para a saúde mental do profesorado polas múltiples necesidades educativas especiais deste alumnado, que en varios centros está implicando baixas por motivos psicolóxicos.

 

 

Volver